Ficha e Lectio - Domingo 10 Ordinario C
FICHA E LECTIO:
Adaptado de : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
Este fíxeno eu, o anterior parecíame un pouco complicado,
por se alguén lle gusta máis:
LECTIO:
DOMINGO X DO T. O.
(Ano C: 5 xuño 2016)
A vida de Xesús consistiu en
sementar arreo vida e esperanza, devolvese ou non vida física, curase ou non
fisicamente a unha persoa concreta. Non ten sentido pensar que Xesús tivese que
se dedicar durante a súa estancia entre nós a curar ou lles devolver a vida a
tódolos seus contemporáneos. El non veu cambiar os procesos normais e naturais
da vida humana que Deus mesmo dispuxo. Tampouco o seu Pai-Deus o liberou a el,
a Xesús, das dores da súa inxusta paixón ou da súa morte na cruz.
O que si fixo Xesús foi realizar
algún sinais sorprendentes, que nos puxeron de manifesto que Deus é
esencialmente Vida e que todos nós estamos tamén destinados a unha vida que
empeza, pero que, pese a tódalas aparencias, non rematará en definitiva
endexamais.
Deixando de lado as diversas
curacións realizadas por Xesús das que nos falan os evanxeos, no que se refire
ós relatos de resurreccións realizadas por el, os evanxelistas só nos falan en
realidade de tres casos: o da resurrección de Lázaro (descrito só por Xoán), o
relato da volta á vida da filla de Xairo (descrito por Marcos, Mateo e Lucas,
pero non por Xoán) e, por último, o relato que acabamos de recordar hoxe no
evanxeo: a resurrección da filla da
viúva de Naín (do que nos fala Lucas, e nada máis ca Lucas).
Son
tres sinais, tres pequenas mostras simbólicas, nas que Xesús, en continuidade
coa súa mensaxe xeral de vida, nos quere manifestar o misterioso segredo da
nosa vida neste mundo e no vindeiro. Por medio de Xesús maniféstanos Deus Pai,
polo tanto, como é el mesmo, como é Deus. Por medio das obras de Xesús e tamén
dos seus ditos. Algunha vez nos di, por exemplo, Xesús que Deus non é “un deus
de mortos, senón de vivos, porque para El todos viven”.
Esta
íntima relación de Deus coa vida maniféstase tamén, consecuentemente, na
compaixón que Xesús exerce con cantos se ven afectados polo sufrimento ou pola
morte dos seus seres queridos. Deus amósasenos así en Xesús como un Deus que é
esencialmente achegado a nós, próximo, “salvador”, non castigador ou
condenador. Deus é un Deus compasivo e misericordioso. Un Deus que sabe
“padecer con”, que sabe “compadecerse”.
Así
procede Xesús con esta pobre nai e viúva de Naín, que está a acompañar xunto
cos seus veciños o seu único fillo defunto, un rapaz noviño, cara á sepultura.
Xesús non pode menos de se compadecer e achegar a esta sufrinte muller para lle
dicir, de todo corazón, e non coma un simple cumprido: “Non chores”.
Hoxe
en día están a poñer de relevo diversos teólogos esta decisiva face compasiva,
sandadora, curadora de almas e de corpos de Xesús, en canto manifestación do
que Deus mesmo é. Que queren dicir estes teólogos coa importancia que lle dan a
Xesús como curador e sandador, como compasivo e misericordioso?
Porque
Xesús curaba, si, pero non a todos nin por todas partes. Seguía a haber xente
enferma e xente que morría. Mais Xesús vén indicarnos co seu comportamento cómo
é Deus e como deberiamos polo tanto comportarnos os seus discípulos. Xesús non
se preocupou propiamente de proporcionarnos unha moral especial. Nin estableceu
ritos ou cultos novos. Non fundou tampouco neste sentido, estritamente, unha
nova relixión. O que si vai facer, e de maneira moi insistente é mostrarse
compasivo coa xente, atender a todos, escoitar a todos, apoiar os humildes e
necesitados para que saiban sentir en si mesmos a dignidade de fillos de Deus.
Todo isto de maneira moi concreta e real. Por aquí semella tamén querer camiñar
decididamente o noso novo papa Francisco, como exemplo e convite para todos
nós.
Sendo
e comportándose deste modo Xesús, móstranos nidiamente como é o seu Pai e o
noso Pai e lévanos así a el. Porque Xesús non é un simple filántropo, baseado
en consideracións puramente humanas. El sabe que o Reino que el nos trae está
baseado na fonda experiencia súa de que Deus é Pai universal de todos, que nos
quere ben a todos e, de maneira moi especial, os máis pobres e necesitados,
coma esta pobre viúva que sofre tanto no seu interior ante o que lle está a
acontecer.
O
“non chores” que lle di Xesús á viúva de Naín encheuna a ela de vida e de
esperanza. Podemos dicir que a resucitou a ela antes, en certo modo, que ó seu
fillo. Porque o Xesús que dixo tantas veces de si mesmo que é “Vida” (tal como
recordabamos no anterior domingo, festividade do Corpo e Sangue de Cristo), non
sabe facer outra cousa senón contaxiar vida e esperanza. E se el ”com-padece”,
entón o peso do sufrimento da compadecida muller faise menor, porque a carga da
dor repártese entre os dous. Por iso son “simpáticos” aqueles que saben
compadecerse sinceramente dos demais, interesándose polos seus problemas e
dificultades para lles poder ofrecer a súa axuda. Os “simpáticos” son os que
practican a “sim-patía”. E esta palabra procede directamente do grego que
literalmente habería que traducir como “com-paixón”. A palabra “compaixón” vén
do latín, pero o seu significado orixinario é o mesmo que a palabra “simpatía”
de orixe grega. De modo que se queredes ser verdadeiramente simpáticos, tedes
que ser compasivos.
O
contrario dos “simpáticos” son naturalmente os “antipáticos”, é dicir, os non
compasivos, aqueles ós que non lles importan ren os demais e que non falan máis
ca de si mesmos e do moi importantes e grandes que se imaxinan ser.
Se
queremos ser verdadeiramente grandes, temos que unirnos e xuntarnos ós demais,
participando, coma Xesús, dos seus sufrimentos e tamén das súas alegrías. Non
hai outro camiño para a vida e para a salvación, alomenos para un cristián, senón
o de practicar esta “compaixón”, esta “simpatía”. Tal e como nolo aprendeu
Xesús.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Unidos
na fe no Deus da Vida, oremos coa confianza de sermos escoitados.
-
Polo papa Francisco, que nos convida e anima a sermos sempre misericordiosos
como esixencia da nosa fe en Xesús.
TODOS: PEDÍMOSCHO,
PAI.
-
Polos que rexen os destinos dos pobos, para que atendan sobre todo as
necesidades dos máis pobres e fomenten a solidariedade.
TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.
-
Polas familias que sofren a angustia diaria de carencia de recursos, a falta de
traballo e de recoñecemento social.
TODOS: PEDÍMOSCHO,
PAI.
-
Por todos nós, para que aceptemos, con confianza e esperanza, o senso cristián
da dor e da morte.
TODOS: PEDÍMOSCHO,
PAI.
Escoita, Pai, a nosa
oración. Por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario