Ficha e Lectio - Domingo 11 Ordinario C
Tomado de :
LECTIO:
DOMINGO XI DO T. O.
(Ano C: 12 xuño 2016)
No
evanxeo de hoxe segue a contarnos Lucas cousas importantes sobre Xesús. Continúa
a presentarnos, coma no anterior domingo, un Xesús que nos amosa, no seu
comportamento, un Deus (seu Pai, a quen ben coñece) como compasivo e liberador,
non castigador ou condenador. Segue así Lucas a darnos mostras do programa
aquel liberador que Xesús anunciara na súa aldea de Nazaret ó comezo da súa
vida pública. Un programa que escandalizou os veciños de Xesús, que se puxeron
en contra del, porque a eles non lles parecía moi correcto ou ortodoxo falar sobre
Deus desa maneira. Porque Xesús, ó ler na sinagoga diante dos seus veciños un
texto de Isaías, fora modificando antigas palabras de condena e vinganza de
Deus proclamadas por Isaías por novas palabras de liberación. Dicía así Xesús
ante os seus abraiados e escandalizados conveciños: “Mandoume (o Espírito do
Señor) para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para
lles dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”.
O
episodio que nos conta hoxe Lucas sobre a “muller pecadora” é para algún
comentarista “un dos episodios máis importantes do evanxeo de Lucas”.
Seguramente é así, porque se respira nel moi claramente esa atmosfera libre,
liberadora, chea de agarimo e de compaixón, en perfecta consonancia co
proclamado por Xesús no seu discurso na sinagoga de Nazaret.
O
contrapunto aquí, coma sempre, son os aferrados ás antigas tradicións das
normas, ritos e preceptos, que é preciso cumprir e ós que un se ha someter. Así
lles pasa ó fariseo Simón, que convidou a Xesús a xantar, e mais ós outros
comensais. Eles seguramente eran xente ben, oficialmente ben vista e de boa
posición social. Mais Xesús quere darlles a eles unha lección práctica de por
onde vai a súa mensaxe liberadora, non opresora ou ordenancista.
Nesta
lección é protagonista unha “muller pecadora” (tal como a denomina Lucas).
Oficialmente, pois, mal vista. Simón, o anfitrión, dáo ben a entender cando
ante a actitude amorosa da muller, lavando e perfumando entre choros de
humildade e arrepentimento os pés de Xesús, dubida incluso do poder profético
de Xesús que se deixa tocar por unha tal “caste de muller”, tal como comenta
Lucas que Simón está a pensar nos seus adentros.
Porque,
claro, no contexto cultural das vellas normas do Antigo Testamento, o pecado, é
dicir, os pecadores e pecadoras, contaxiaban en certo modo a cantos se
relacionaban con eles. E Xesús no fai intento algún de fuxir dos humildosos
agarimos desta muller, senón que se deixa lavar e perfumar os pés por ela, non
condenándoa nin arrepoñéndose en contra do seu comportamento. Xesús olla sempre
os corazóns e non os clixés sociais que circulan sobre as persoas.
Son
dous mundos moi diferentes e incompatíbeis entre si. O ámbito do amor, por un
lado, que xera e crea liberdade, comprensión e agradecemento e, por outro, o
ámbito da lei, da norma, do deber, que en canto tales tenden a nos converter en
dogmáticos e escravos. Se queremos ser seguidores de Xesús, está ben claro que
temos que mergullarnos ben a fondo no ámbito primeiro: o do amor e da
liberdade. Non debe ser doada esta tarefa, tendo en conta o moito que nos
custa, tanto a nivel persoal coma social, camiñar nesa dirección.
Cústanos
perdoar. Cústanos mirar con bos ollos cara ós que non se comportan como cremos
nós que se deberían comportar. A dificultade ou o problema radica en que para
sermos amorosos, comprensivos, compasivos, etc., precisamos de experiencias
fondas de como son as cousas, sobre todo de como é ese Deus do que todos procedemos.
Xesús tiña unha fonda e moi íntima experiencia do seu Pai Deus, para quen Xesús
era o seu “Fillo benquerido”. Xesús sabíase fillo especialísimo de Deus e irmán
ó mesmo tempo de todos e de todas. Esa experiencia capacitaba a Xesús para se
comportar da maneira como sempre se comportou. Xesús creaba ámbitos de amor e
de liberdade. A “muller pecadora”, que nos presenta Lucas, respirara xa esta
atmosfera amorosa de Xesús antes do seu encontro con el na casa de Simón. Sabía
quen era el e como se comportaba. Estaba segura de que Xesús non rexeitaría o
que ela ía facer con el. E acertou. Porque o amor sempre acerta. O amor e a
confianza que espallaba Xesús, por onde queira que ía, fixeron que esta muller
tivese así unha fonda experiencia de Deus. Por iso se sentía ela perdoada,
antes incluso de que Xesús lle dixese formalmente que os seus pecados lle
estaban perdoados. Por que? Porque ela amaba xa en Xesús a Deus. Coméntallo ben
claro Xesús a Simón, cando loa en presenza dela o seu amor e critica ó tempo indirectamente
o pouco amor do seu anfitrión: “Moitos pecados se lle perdoaron a ela cando
mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra”.
O
amor crea amor, posibilita liberdade, fai xurdir fillos e fillas, non servos ou
escravos. En cambio, a lei, as normas, sen o necesario ingrediente do amor, só poden
crear espírito servil, angustiado, temeroso. A lei non fai fillos ou fillas
senón mecanos ou robots, non persoas. E Deus Pai quere ter fillos adoptivos, á
semellanza do seu único Fillo benquerido, Xesús. Na carta ós Gálatas dínolo
Paulo ben claro: “sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras
da Lei senón pola fe en Xesús Cristo”.
Esta
fe en Cristo -engado agora xa eu- significa fe no amor, na compaixón, na
liberdade que Xesús nos anuncia a todos, como efecto e resultado da súa
experiencia e da súa intimidade co seu Pai Deus. Esta fe concreta no Deus de
Xesús é a que redime e libera tamén a “muller pecadora”. Unha fe que fai
desaparecer os pecados, á maneira como a calor do sol fai derreter a neve. Tal
como lle di Xesús: “Salvoute a túa fe, vai en paz”. O apóstolo Pedro facíase
tamén eco deste comportamento de Xesús cando escribía na súa primeira Carta: “o
amor cubre a multitude dos pecados”.
Como
vedes, no evanxeo (é dicir, na boa nova) o amor ocupa sempre o primeiro lugar.
O pecado queda sometido a el e desaparece automaticamente ante a súa presenza.
Xesús convértese así verdadeiramente en saudábel e reconfortante “camiño, verdade e vida”
para nós, para todos.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invoquemos
a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos
converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS:
Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, espírito de confianza en Ti, dador
de todo ben, para non deixármonos someter a servilismos e angustias de ningún
xénero.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á crer e confiar no amor a ti e
ós nosos irmáns en canto forza que destrúe todo pecado.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, do teu espírito de misericordia
con calquera persoa que se achegue a nós solicitando axuda, comprensión ou
perdón.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso
Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario