Ficha e Lectio - Domingo 12 Ordinario C
LECTIO:
DOMINGO XII T. O.
(Ano C: 19 xuño 2016)
Segue
a liturxia e seguimos nós tamén neste domingo co evanxeo de Lucas. Xa desde o
comezo aparécenos algo típico del, que o distingue bastante doutros
evanxelistas. A Lucas gústalle recordarnos que Xesús oraba moito, que reservaba
momentos importantes do seu quefacer diario para falar e conversar confiada e
agarimosamente co seu paiciño Deus. Xesús dicíalle cousas ó seu Pai,
consultáballas e escoitábao. Todo isto realizado co máximo agarimo e amor que
pensar podemos.
A
escena ou, máis ben, o diálogo entre Xesús e os seus discípulos que hoxe nos
presenta Lucas xorde así deste anterior diálogo de Xesús co seu Pai Deus na
oración. Pois Lucas sitúa este diálogo nun momento en que, como el di, Xesús
estaba “en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos”. Deus
Pai íalle dando a coñecer así, día tras día ou noite tras noite, ó seu “fillo
benquerido” quen era el (o seu Pai Deus) e de quen el mesmo, Xesús, viña sendo
(como adoitamos expresarnos os galegos). O misterio desta persoa tan singular
que foi Xesús, que se sentía querido dunha maneira moi especial por Deus, percibíndose
a si mesmo como moi “de Deus”, é algo que supera totalmente a nosa capacidade
de pensar e de imaxinar. Pois inimaxinábel debeu de ser a conciencia que foi
acadando Xesús de quen era el mesmo, de cal era a súa identidade.
Hoxe
en día (quizais máis que noutras épocas) preocúpanos chegar a coñecermos quen
somos, cal é a nosa propia identidade, a persoal de cada un e tamén a do país ou
lugar no que nacemos ou vivimos. Algo disto lle pasaría tamén a Xesús cando,
trala súa fonda e íntima conversa con seu Pai Deus, se achega ós seus
discípulos para lles preguntar a eles quen era el, ou, polo menos, que é o que nun
sitio ou noutro se comenta sobre el. “¿Quen di a xente que son eu?”, dinos
Lucas que lles preguntou Xesús ós seus discípulos.
Non
se trata de que Xesús estivese desinformado sobre o que a xente pensaba sobre
el. É só un modo, unha moi pedagóxica estratexia, de intentar comunicarlles ós
seus discípulos quen é el verdadeiramente. O resultado final, tras esta especie
de enquisa que realiza Xesús cos seus discípulos, é algo sen dúbida inesperado
para eles e tamén, en consecuencia, para cantos nos achegamos á súa mensaxe.
Pois Xesús aparecerá, unha vez máis, como algo desconcertante, como algo que
non está en continuidade cos esquemas normais e habituais de pensar da xente.
Podemos
dicir, de xeito algo xeral, que os modos de pensar da xente, das culturas
tradicionais ás que se dedican por exemplo os antropólogos, están moi ancoradas
no pasado, en acontecementos míticos pasados ou supostos fundadores do concreto
grupo social. Pensade por exemplo, no noso caso, en Breogán. Para case tódolos
pobos, o bo está sempre no tempo pasado. O que hai que facer é, polo tanto, que
os grandes feitos ou personaxes do pasado volvan rexurdir. Por iso, cando os
discípulos lle responden a Xesús sobre o que a xente pensa sobre el, acoden sen
máis ó pasado. Xesús viría sendo coma un personaxe pasado redivivo. Máis
próximo, no caso de que fose un Xoán Bautista volto á vida, ou máis lonxano no
caso de que fose Elías ou algún outro profeta redivivo.
O
que marca a diferenza con este modo tradicional de pensar da xente é Simón
Pedro. Para algo estaba a facer desde había algún tempo, digámolo así, cursos
intensivos, aínda que fose a trancas e barrancas, no coñecemento da persoa de
Xesús, vivindo ó seu lado. Para Pedro, Xesús é –di el- “o Mesías de Deus”. Como
vedes, Pedro apunta, referíndose ó Mesías, cara ó que vai vir, cara ó esperado,
cara ó futuro, non cara ó pasado, por grandes que fosen os tempos ou os
personaxes pasados. Comenteivos algunha vez, se a lembranza non me falla, o que
o gran teólogo Karl Rahner, profesor que foi meu durante bastantes anos en
Austria e Alemaña, dicía sobre Deus. Sostiña el que Deus é “o futuro absoluto”.
É dicir, non o futuro previsíbel ou imaxinábel, senón o futuro “absoluto” sen
máis, é dicir, totalmente inimaxinábel e imprevisíbel para nós.
Pois
ben, se nós confesamos que Xesús é fillo de Deus, e polo tanto imaxe e
semellanza perfectísima de Deus, tamén el terá que aparecer ante nós como algo
que está máis alá dos nosos pensamentos pasados ou presentes. Terá que ser el
tamén, dalgún modo, futuro absoluto, inimaxinábel e tamén desconcertante.
Desconcertante tamén para Pedro, quen, despois de confesar el mesmo que Xesús é
“o Mesías de Deus”, intentará darlle pola súa conta algunhas leccións ou bos
consellos a Xesús ante o anuncio del de que vai ter que padecer aínda moito,
ata incluso ser executado polos sumos sacerdotes e letrados. Advírtese aquí que
Lucas respecta e trata con consideración a Pedro, porque á diferenza do que din
sobre esta escena os evanxelistas Marcos e Mateo, Lucas non comenta coma eles
que Pedro tomara moi a mal o que dixera Xesús de que, a pesar de ser o Mesías,
tería que sufrir e morrer de maneira escandalosa.
O
anuncio de Xesús de que despois de todo iso resucitaría non lle consolaba moito
a Pedro e, por iso, “rifándolle”, teima Pedro por convencelo de que non permitise
tal cousa. Porfía de Pedro que só parou cando Xesús lle recriminou que se
estaba a comportar con el coma se fose “Satanás”, é dicir, como un adversario e
non como un amigo.
Xesús
maniféstase, pois, ós seus apóstolos como alguén que non vai ir agora nin nunca polos camiños do pasado
aténdose dese xeito ós modos tradicionais, “politicamente correctos”, de ser e
de se comportar. Xesús non foxe da dor da vida, do sufrimento e da morte, que
serán consecuencia do seu modo de proclamar e defender a xustiza e a
misericordia en relación sobre todo coas persoas máis discriminadas e
marxinadas.
Mais
como Xesús non é, como digo, “pasado”, senón que é sobre todo “futuro”, aí está
o seu anuncio da resurrección non só del senón tamén de cantos cren na súa
persoa, na súa palabra. Apelando el, tal como fai noutras ocasións, a algo que
ocorre xa na natureza. A semente, toda semente, é portadora de futuro. Se a
semente non cae na terra e morre, non sería portadora de futuro, quedaría
privada dunha vida que se renova e multiplica na nova planta e nos novos
froitos. Se a semente foxe deste proceso, queda entón privada de futuro. E
entón si que morre verdadeiramente e totalmente. Dínolo hoxe Xesús doutra
forma: “O que queira poñer a salvo a súa
vida, perderaa; mais quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a
salvo”.
Deámoslle,
pois, grazas a Deus por nos conceder gratuitamente en Xesús un futuro que desde
nós mesmos non poderiamos sequera maxinar.
ORACIÓN DOS FIEIS
Invoquemos
a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos
converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS:
Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, coñecemento de ti e do teu fillo
benquerido Xesús para dese modo coñecérmonos tamén a nós mesmos e o destino ó
que ti nos chamas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á seguirmos animosos e
agradecidos polos camiños do teu fillo Xesús que levan á vida e á resurrección.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, de espírito evanxélico para
anunciarmos a tódalas persoas a boa nova de Xesús. TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Comentarios
Publicar un comentario