Ficha e Lectio - Domingo 4 de Coresma C


MÁIS FICHAS:




LECTIO:

DOMINGO IV DE CORESMA 
(Ano C: 6. III. 16)

            A parábola do Fillo Pródigo que acabamos de ler e de escoitar é do máis marabilloso que un se pode imaxinar como imaxe do que é Deus e de como El se comporta. Contada ademais por un Xesús que coñece o seu Pai Deus da maneira máis íntima e fonda que cabe pensar. As nosas ideas de Deus, por moi atinadas e perfectas que as poidamos considerar, son lixo e nada ante a fonda e incomparábel sabenza que de Deus Pai ten o seu único e “benquerido” Fillo.
            Esta vivencia e experiencia que ten Xesús de seu Pai podería el manifestárnola cun par de palabras ou conceptos, dicindo por exemplo, como se se tratase dunha tese filosófica ou teolóxica dun profesor moi douto: “Deus, meu Pai, é infinitamente misericordioso”. Mais quedariamos case fríos e sen entender moito do tema. Como Xesús é a presenza viva de Deus no mundo, feita carne e sangue, por iso non pode el falar sobre o seu Pai coma un douto profesor. Ten que expresalo, máis ca con palabras, con parábolas e imaxes. Que sempre din máis, moito máis, ca unhas pobres palabras conceptuais ou abstractas.
            Por iso Xesús falaba case sempre en parábolas, que veñen sendo palabras encarnadas, da mesma maneira que Xesús actúa coma un Deus encarnado e próximo.
            Non deixa de ser curioso que só Lucas nos narre esta preciosa parábola. E trátase do mesmo Lucas que nos refería hai un par de domingos aquela escena de Xesús comentando na súa aldea de Nazaret un texto de Isaías. Alí, para expoñer ante os seus oíntes as ideas fundamentais da súa mensaxe, escollera e lera Xesús do texto de Isaías palabras de liberación e salvación, omitindo as de condena ou vinganza que figuraban no propio texto de Isaías. Para Xesús era ese un discurso programático, que el mesmo quixo contrapoñer á visión limitada e recortada de Deus do Antigo Testamento. Naquela ocasión os veciños da súa aldea mostráronlle, como ben sabemos, o seu enfado e desgusto. Tanto que mesmo o querían matar.
            Na parábola de hoxe o mesmo desgusto, e pola mesma razón, vaino manifestar o irmán maior do fillo pródigo (que ficara na casa). Non deixan de ser estrañas e rechamantes as sospeitas e os reparos que no fondo temos a que Deus sexa verdadeiramente bo, con amorosas entrañas de compaixón e misericordia.
            Pois ben, aquilo que Xesús comentaba entón na sinagoga de Nazaret, de maneira aínda algo abstracta, vaino revestir de cor e vida na parábola de hoxe.
            Para empezar, non é moi axeitado ó contido da parábola iso de chamala, como tradicionalmente facemos, parábola do “fillo pródigo”. Porque este título semella pór demasiado o acento aínda no comportamento aloucado e insensato do fillo menor: nos seus pecados e desvaríos. Pero non é ese o centro da mensaxe da parábola, senón que é a inimaxinábel e case incomprensíbel misericordia de Deus Pai-Nai a que se nos impón como mensaxe fundamental. Por iso din algúns comentaristas que deberiamos denominala máis ben algo así como “a parábola do Pai bo e misericordioso”.
            Deus non é un vingador e castigador. Como aínda pensaba dalgunha maneira o mesmo profeta Isaías. Precisamente por iso eliminara Xesús na súa lectura pública do texto de Isaías as palabras correspondentes a esta idea “vingadora” que o profeta aínda tiña de Deus.
            De feito, Xesús vén presentarnos o fillo maior (o que se quedou en casa) case como un verdadeiro modelo da relixiosidade e do modo correcto de se comportar dun fiel cumpridor das normas do Antigo Testamento. O irmán maior resístese a entrar para apertar ó seu irmán (como fixera seu pai) e celebrar todos xuntos con grande alegría a volta á casa do fillo menor. Resístese porque para el iso significa non tomar en serio o pecado, a transgresión da lei por parte do seu irmán. Quen verdadeiramente merecería esa festa –pensa el- sería el mesmo, o irmán maior, porque durante toda a súa vida non fixera outra cousa senón ser un fiel, exacto e escrupuloso servidor da lei de Deus. “Levo moitos anos servíndote sen che faltar nunca en nada”, replícalle “moi alporizado” o fillo maior a seu pai. Servizo, pois, sometemento ás normas e consecuentes dereitos adquiridos por ese correcto modo de proceder son os argumentos que esgrime o fillo maior ante seu Pai.
            Os razoamentos do irmán maior non deixan de ter a súa lóxica e a máis dun de nós poden resultarnos incluso coherentes e comprensíbeis. Mais non é esa a lóxica dun Deus que se define a si mesmo polo amor, pola relación paternal ou maternal con tódalas súas criaturas, con tódalas persoas, ás que el considera como verdadeiros fillos del, en canto irmáns do Xesús que se fixo irmán noso.
            O Pai intenta introducir o seu fillo maior nunha lóxica distinta. Na súa bondadosa conversa co seu fillo maior quere introducirnos o Pai (é dicir, o Deus de Xesús) a todos nós nun modo de pensar e de ser que é verdadeiramente central no Evanxeo.
            Non se trata só do fillo maior. Tamén o fillo menor pensaba en certo modo da mesma maneira có maior, cando despois de tantos desvaríos se parou por fin a recapacitar sobre o que lle estaba a pasar tralos golpes inesperados e insospeitados que recibira na vida. Alí está el inerme, espido e desasistido ante a crúa realidade da súa propia situación. O fillo menor tampouco se pode imaxinar o seu Pai esperándoo cos brazos abertos. Nos seus plans non entra sequera a posibilidade de relacionarse con el coma un fillo. El opera con categorías de pecados cometidos, de traballos a realizar coma un xornaleiro máis. Seu pai non pode seguir sendo xa pai del. Bo é aínda se o recibe así, coma un servo e xornaleiro. Categorías típicas do Antigo Testamento.
            Mais o Novo Testamento é unha cousa moi distinta, algo que supera totalmente as categorías do Antigo. Recórdanolo ben Paulo na súa carta de hoxe ós Corintios: “Quen estea en Cristo é unha criatura nova: o que era vello pasou. Velaí unha realidade nova”.
            O tempo de Coresma convídanos e anímanos a entrar nesta insospeitada “novidade” de Xesús, que nos revela un Deus Pai que é, por encima de todo, misericordia e amor.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Abraiados pola grandiosa e inimaxinábel novidade que nos revela Xesús sobre seu Pai, pidámoslle a Deus Pai misericordioso que nos abra entendemento e corazón para recoñecermos e agradecermos a súa infinda misericordia, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Aumenta, Pai, a nosa fe para crermos na túa misericordia con cada un de nós e con tódalas túas criaturas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai misericordioso, a superarmos calquera forma de rigorismo co comportamento dos demais e maila angustia ou desalento polas nosas propias culpas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, de espírito misericordioso con tódalas persoas a semellanza do teu fillo Xesús, imaxe e semellanza do que Ti mesmo es. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:


Comentarios

Publicacións populares