FELIZ PASCUA DE RESURRECCIÓN
FICHA ADAPTADA DE:
http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO DE PASCUA DE RESURRECCIÓN
(27
marzo 2016)
O
ano litúrxico vainos levando pouco a pouco polas diversas experiencias cristiás
da fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que máis
pobremente, no Nadal. Na Coresma preparabámonos para sentirmos con el as súas
tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova a todos,
de maneira especial ós máis necesitados e carentes de bens deste mundo. E
nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a morte de
Xesús.
Mais
sabiamos tamén que detrás deste aparente fracaso absoluto da súa vida, deste
afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un
amencer de Xesús resucitado, que en adiante non morrerá xa máis. Xesús converteuse
así nun sol radiante, que non volverá ter máis solpores. Xoán cóntanos hoxe no
evanxeo que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”.
Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. María Magdalena, e con ela
todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade
non nos vai. Somos todos bolboretas inquedas que voamos cara á luz na noite
escura.
Non
hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto sempre e para sempre. Deus
púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso,
Xesús, esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e alén
da morte están así en boas mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en
“Señor” de todo.
Este
é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos
destinados, máis alá das nosas particulares mortes biográficas, a sermos
inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis
angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo
vivir para sempre. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren
a Resurrección, dicindo e cantando “aleluia”, como fixestes vós despois da
Primeira Lectura. E “aleluia” quere dicir: “loado sexa Deus”.
“Loado
sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os
pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen sendo en definitiva moi
pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.
Por
iso, dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería
rebordar en nós: “Loado sexa Deus –así nos di el-, que pola súa grande
compaixón resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova
que se nos dá en esperanza [...] Por iso –continúa a dicir Pedro- brincades de
alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo,
diferentes probas”.
A
alegría debería ser, pois, un sentimento normal e estábel na vivencia da nosa
fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da
Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é o modelo do que copian
tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir día do “Señor”, é
dicir, de quen “domina” sobre todo. Coa súa resurrección converteuse Xesús en
“Señor” de toda a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.
En
Xesús ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso irmán. Da súa
Resurrección provén a nosa alegría. Como di a liturxia pascual: “Este é o día
que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa resurrección derívase
a nosa. Esta vén sendo tamén a razón do dito popular de estarmos alegres “como
unhas pascuas”...
Agora
ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado
terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Trátase dunha fe que,
pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace
con eles. Pero, pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de
non termos vivido nós aquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos
en cambio sentirmos a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe
Xesús a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
Cómpre,
ademais, ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola
resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que
cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio consolo. Non. Era
unha alegría comunitaria, compartida, que ía máis alá dos propios intereses ou
preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo,
senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes incluso da súa
resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra maneira. En
consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Porque
a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, con el
en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da
nosa existencia particular, a unha resurrección para sempre.
Todo
isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns,
senón á humanidade toda, porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu
dar vida para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así convocados
a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Isto
é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia de Xesús
resucitado. Antes ca eles, as mulleres que foron moi cedo a visitar o sepulcro
do Señor. Volven axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor.
Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose
mutuamente as aparicións ou experiencias do Señor resucitado que van
sucesivamente ocorrendo.
A
través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do
evanxeo esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da
resurrección que nos espera tamén a todos nós.
Por
iso os que recibimos esta grande nova temos que anunciala coa nosa palabra e
con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos ou non saben dela
ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser a nova da resurrección
algo tan incríbel, tan marabilloso. E é xustamente así por ser algo que procede
de Deus, que é sempre meirande que canto podemos maxinar del.
Digamos, pois, todos, agora con alegría
e agradecemento: ALELUIA! Loado sexa
Deus!
TODOS: ALELUIA! Loado sexa
Deus!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Neste domingo de Resurrección, domingo de tódolos
domingos, diriximos a nosa oración a Deus Pai, dicindo: Pedímoscho, Pai.
-Aumenta,
Pai, en nós a fe na resurrección do teu Fillo Xesús.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
-Enche,
Pai, os nosos corazóns de alegría e agradecemento pola resurrección que nos
prometes a todos e cada un de nós.
TODOS: Pedímoscho,
Pai.
-Fortalece,
Pai, os nosos desexos de anunciar a todos a resurrección do teu Fillo e maila
nosa.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. TODOS: AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/03/27-de-marzo-domingo-de-pascua.html
http://www.gruposdejesus.com/domingo-resurreccion-c-xoan-201-9-2/
Comentarios
Publicar un comentario