Ficha e Lectio - Domingo 2 de Pascua C





LECTIO:


DOMINGO II DE PASCUA
(3 abril 2016)

            Do evanxeo que acabamos de escoitar, o episodio relacionado con Tomé cóntao só Xoán entre os evanxelistas. Pero é que, ademais, o mesmo Xoán nos di que houbo “moitos outros signos” que fixo Xesús entre os seus discípulos, despois de resucitado, que el mesmo non nos conta. De modo que eses moitos signos, que para un xornalista dos nosos días terían un enorme interese, a Xoán non lle parece doer moito non contalos todos.
            Xoán e con el os demais apóstolos e discípulos de Xesús saben que o importante e decisivo é o encontro con Xesús. Co Xesús de antes e de despois da resurrección. E para encontrármonos con Xesús e adherírmonos a el abonda cun par de experiencias fondas e íntimas con el. Os evanxelistas non son xornalistas, senón transmisores de fondas e inesquecíbeis experiencias que eles mesmos tiveron con Xesús.
            Por iso Xoán, pensando seguramente nas persoas que non participamos inmediata e directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé. A min Tomé lémbrame un pouco, aínda que sexa como digo só un pouco, a parábola maxistral de Xesús do fillo pródigo (ou, segundo comentabamos, do “Pai misericordioso”). Xesús fálanos nesa parábola da bondade a toda proba de Deus, Pai seu e Pai noso tamén. Cando volve o seu fillo despois de moito esperalo, seu pai apértao con agarimo sen rifarlle nin botarlle en cara a súa mala conduta. Agora é Xesús quen se comporta, no mesmo senso, amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera para crer nel: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente que el era verdadeiramente o mesmo Xesús co que convivira e non unha pantasma.
            Os encontros con Deus están sempre cheos de paz, de alegría, de perdón xeneroso e de xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán crea no seu relato da aparición de Xesús no medio dos seus apóstolos, cando eles estaban cheos de medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.
            O primeiro saúdo de Xesús quere xa romper con medos, posibles acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo dos apóstolos. “Paz convosco”. Tamén no seu encontro posterior oito días despois, xa con Tomé entre eles, repetirá Xesús o mesmo saúdo: “Paz convosco”.  Xesús aporta sempre paz, consolo e moitos azos para vivir, pois El mesmo é a Vida. Dálles, ademais, o mellor que lles pode dar: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É dicir, el mesmo, Xesús, máis alá da súa concreta experiencia humana, histórica e corporal.
            Así se foi formando a súa Igrexa ata nós, aínda que fose a través de moitas deficiencias históricas da mesma Igrexa. Por iso certos xestos, actitudes ou palabras do bispo de Roma, Francisco, nos chaman tanto a atención. Por que? Porque quizais nos queren facer máis directamente presente o modo como se comportaba Xesús coa xente coa que convivía no seu tempo.
            Que lle ocorreu a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa fronte ós seus compañeiros crentes á outra na que el mesmo se derruba ante o Xesús que lle permite a Tomé que realice con el as probas que considere máis axeitadas?
            A resposta a esta pregunta coido que é importante porque nos afecta tamén a nós, que loitamos moitas veces entre a nosa crenza a as ameazas ou dúbidas que se lle presentan á nosa propia crenza.
            Coido que canto máis pensemos e aceptemos a grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será crer nel. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas, inimaxinábeis. Tanto en poder como en bondade. El non é unha persoa máis coa que nos encontramos na vida, por moito que a poidamos estimar ou apreciar. El é absolutamente infinito en todo. Por iso o grande misterio das cousas feitas por el, da materia, da vida, do noso interior e de mil outras realidades máis que nos admiran. É misterioso o nacer, o vivir, o morrer e, por suposto, tamén o resucitar.
            Tomé fixo a experiencia do Xesús resucitado e con esa experiencia fixo tamén a experiencia de que el tamén vai poder resucitar. Isto enche a súa alma de alegría, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que Tomé tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a grandeza que se lle presenta directamente diante del: a presenza dun Xesús poderoso e bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañablemente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas coma se non existise no mundo ningún outro do que Xesús se houbese de ocupar. Por iso, Tomé non podía dicir máis có que dixo: “Meu Señor e meu Deus!!”.
            Para rematar. A bondade e o amor fan milagres. Entre eles o milagre de resucitar. Un irmán meu, tamén xesuíta, que leva moitos anos en Brasil, mandoume con motivo das festas pascuais unha viñeta pintada por el na que aparecen dous personaxes. Na viñeta aparecen os dous personaxes como flotando sobre os nubeiros do ceo. Un, a modo de xornalista e co micrófono na man, pregúntalle ó outro, que é representa a Xesús resucitado: “Vostede estaba morto. ¿Como conseguiu resucitar?”. E Xesús responde deste xeito: “É que o amor non morre. Foi el quen me resucitou”...
            Verdadeiramente o amor non morre. E se Deus, o Deus Pai noso e de Xesús, é Amor (tal como se nos di na primeira carta de Xoán), temos entón aí a clave de por que Xesús resucitou e de por que tamén nós resucitaremos con el. Xa o dicía o famoso pensador francés Gabriel Marcel:  “amar a unha persoa é dicirlle ‘ti, ti  non morrerás endexamais’”.
            Por iso digámoslle tamén nós agradecidos a este Deus Pai e Deus Fillo que nos aman e que polo tanto nos han resucitar as palabras de Tomé: “Meu Señor e meu Deus!”.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Sorprendidos e agradecidos pola bondade e condescendencia de Xesús Resucitado con Tomé, exclamemos e digámoslle, xunto con Tomé, todos: “Meu Señor e meu Deus!”. 
TODOS: “Meu Señor e meu Deus!”.

- Grazas pola paz que nos dás coa túa presenza entre nós. 
TODOS: “Meu Señor e meu Deus!”.
- Grazas porque escorrentas os nosos medos e nos dás forzas para o noso encontro dos demais.
TODOS: “Meu Señor e meu Deus!”.
- Grazas por fortaleceres en nós a fe na resurrección para llela transmitirnos a tódolos pobos e nacións do mundo. 
TODOS: “Meu Señor e meu Deus!”.
                                                                                          
   
                                                                                              Manuel Cabada Castro




VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/03/3-de-abril-domingo-2-de-pascua-c.html
http://www.gruposdejesus.com/2-pascua-c-xoan-2019-31/

Comentarios

Publicacións populares