Domingo 4 de Coresma C
Primeira
Lectura Xos 5, 9a. 10-12
LECTURA DO LIBRO DE XOSUÉ
O
Pobo de Deus celebra a Pascua ao entrar na terra prometida
Naqueles días, díxolle o Señor a
Xosué:
‑ "Hoxe quiteivos de enriba o
oprobio de Exipto".
Os fillos de Israel acamparon en
Guilgal e celebraron a Pascua no décimo cuarto día do mes, polo serán, nas
chairas de Xericó.
No día seguinte á Pascua, comeron
dos produtos do país: bolos ácimos e espigas torradas, no mesmo día.
E, ao día seguinte de comeren do
froito da terra, cesou o maná, e en adiante xa non houbo maná para os fillos de
Israel: aquel ano comeron do produto da terra de Canaán.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7
R/.
(9a): Probade e vede o bo que é o Señor.
Bendigo
o Señor en todo instante,
teño
sempre na boca a súa loanza.
Eu
gloríome no Señor:
que
escoiten os humildes e se alegren.
Exaltade
comigo o Señor,
loemos
xuntos o seu nome.
Eu
busquei o Señor, El respondeume,
libroume
de todos os temores.
Contempládeo,
e quedaredes radiantes,
os
vosos rostros non os cubrirá a vergonza.
Este
pobre clamou, e o Señor escoitouno,
librouno
de todos os apuros.
Segunda
Lectura 2 Cor 5, 17-21
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Deus reconciliounos consigo por medio de Cristo
Irmáns:
Quen estea en Cristo é unha criatura
nova: o que era vello, pasou. Velaí unha realidade nova.
E todo iso provén de Deus que nos
reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da
reconciliación.
Pois Deus estaba en Cristo
reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e
poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. Somos, logo, embaixadores de
Cristo, coma se Deus vos exhortase por medio noso.
Pedímosvolo por Cristo: deixádevos
reconciliar con Deus. A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo
pecado por nós, para que nós nos volvésemos nel xustiza de Deus.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Lc 15, 18
Levantareime
e irei onda meu pai e direille:
meu
pai, pequei contra o ceo e contra ti.
Evanxeo Lc 15, 1-3. 11-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Este
teu irmán estaba morto e reviviu
Naquel tempo, os publicanos e
pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados
murmuraban:
‑ Este acolle os pecadores e come
con eles.
Entón Xesús contoulles esta
parábola:
‑ Un home tiña dous fillos. O máis
novo díxolle ao pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me
corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo
recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna
vivindo coma un perdido.
Despois de o gastar todo, houbo unha
gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un
natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos.
Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos,
pero ninguén llas daba.
Recapacitando, pensou: "Hai que
ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si,
vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti;
xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un
xornaleiro".
Levantouse e volveu onda seu pai.
Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e
botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá,
pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un
fillo".
Pero o pai díxolles aos seus
criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na
man e calzado nos pés.
Preparade un cuxo cebado para comelo
e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida,
estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis vello
estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por
un criado e preguntoulle que pasaba.
O criado contestoulle: "Éche
que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e
salvo". Entón alporizouse moito, e non quería entrar.
Pero o pai, saíndo, intentouno
convencer. El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar
nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e
agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de
mala vida, e matas o cuxo cebado".
O pai contestoulle: "Meu fillo,
ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que menos que celebrar unha festa
cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba
perdido e atopámolo?".
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
Deus é liberación para quen quere poñer no seu camiño as mans que acollen,
traballan e dignifican aos máis débiles e necesitados. Porque a pegada de Deus
é sempre liberadora, aprendamos a camiñar polos camiños que nos vai abrindo
4º Coresma C 2016
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
POWER POINT
CANTO
AGRADECIDO
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
ESCOITA
ACTIVA
As pegadas van semana a semana
indicándonos o sentido do noso camiñar. Un camiñar que por veces se volve
difícil; un camiñar que vai atopando outras pegadas que de súpeto
desapareceron; un camiñar que por veces parece perder o rumbo. Nunha palabra: o
camiñar entre luces e sombras que cada día imos desenvolvendo. Por iso, neste cuarto
domingo de coresma, e albiscando que xa queda pouco para a pascua, a pegada que
hoxe imos deixar quere ser unha pegada que nos estimule e non deixe que as
durezas do camiño nos vaian facendo perder a ilusión e as ganas de chegar ata o
final. O Deus que libera -en cuxo nome nos reunimos aquí esta mañá-, quere ser
un Deus que fai compaña, consola e escoita. Pero é tamén o Deus que anima para
que completemos o camiño, e vaiamos aprendendo que por el son moitas as persoas
que pasan, e das cales necesitamos. Non somos mellores nin tampouco peores que
aqueles que non seguen este camiño; pero se nos atopamos con eles, que saibamos
que alí está tamén a presenza de Deus, que os converte en imaxe e semellanza
súa, e polo tanto, iguais e dignos do mesmo respecto entre uns e outros. Ser
cristiáns non é formar parte dun club pechado de escollidos, senón descubrir
que temos que ser semente de Evanxeo desde a nosa presenza no medio dun mundo
plural e sen fronteiras.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
·
Pola nosa
impaciencia; SEÑOR, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE PERDÓN.
·
Pola nosa
falta de xenerosidade; CRISTO, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE PERDÓN.
·
Pola nosa
incapacidade para seguir confiando nos demais; SEÑOR, QUE DEIXEMOS
PEGADAS DE PERDÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·
Deus é
liberación: Para o pobo de Israel esta
afirmación era un dos fundamentos da súa convicción de ser pobo, comunidade,
achega duns para cos outros. Asemade, era tamén a forza que os levaba a non
deixarse dominar polo sometemento aos exipcios. Israel estaba profundamente convencido
que só desde a confianza en Deus podería chegar a súa liberdade, a súa
liberación. Anos máis tarde, os teólogos latinoamericanos atoparon nesta idea o
guieiro que os levou a reflexionar desde a propia realidade á que estaban sendo
sometidos –as ditaduras e a persecución por parte dos militares e poderosos– e
a atopar a forza para facerlle fronte. Se Deus é liberación, a súa presenza ha
acompañar ao pobo que sofre, é explotado e tratado como cousa –sobrante en
palabras de Francisco–. O oprobio de Exipto ao que se refería Xosué é hoxe o
oprobio que produce a corrupción, o abuso, o engano, a falta de respecto para
coas persoas máis empobrecidas, a mentira por parte de quen ten a información e
a manexa ao seu antollo... Todos eses oprobios que vemos cada día no noso
mundo; e aos que nós contribuímos coa nosa maneira de darlle as costas aos
problemas que temos ao noso redor: familia, barrios, parroquia, lugar de
traballo... Non é necesario que veña alguén de fóra a actuar así; nós mesmos
somos moitas veces os que, coma os exipcios, oprimimos coa nosa acción ou
omisión –non facer o que debiamos– aos máis débiles do noso redor. Para evitar
ser así, nada mellor que poñer a esperanza en Deus e tentar descubrir cales
serían os pasos que, desde El coma liberador, teriamos que dar nós para
converternos en liberadores de toda situación que supoña que as persoas non
sexan tratadas co respecto que sempre merecen, senón coma cousas coas que se
pode xogar e mover como se fosen peóns nunha partida de xadrez. Gustemos logo
da presenza deste Deus que non adormece as nosas conciencias, senón que nos
urxe a non apartar nunca a mirada da realidade e dos seus problemas para, na
medida que poidamos, traballar porque a persoa nunca deixe de ser considerada
coma tal.
·
Non
deixemos logo que o vello, como Paulo lles dicía aos corintios, aniñe en nós. E
o vello do que el fala non se refire a cousas, senón ás actitudes e
comportamentos que temos que ir deixando atrás, que debemos ir superando ou
mesmo non deixando entrar na nosa vida. Se seguimos a camiñar no vello o que
estamos é a mostrar que Xesús non foi acollido por nós. E se El non está
presente, dificilmente pode mover o noso corazón a darlle contido a esas
palabras que tantas veces pronunciamos, pero que deben ir acompañadas de
concreción nos nosos feitos: amor, solidariedade, xustiza, agradecemento,
respecto, igualdade... Preguntémonos que estamos a facer cada día para
convertelas na nosa maneira de tratar e achegarnos aos demais e de facer as
cousas. Se entendemos isto, entendemos tamén por que Paulo di que estar en
Cristo fai de nós criaturas novas. Deixemos atrás o vello, o que nos fai
desconfiados, inseguros, escépticos, e polo tanto incapacitados para gustar e
ver a presenza do Señor nos ollos, no corazón e na vida dos demais. Sexamos
embaixadores ilusionados do proxecto de Xesús de Nazaret.
·
Un
proxecto que, unha vez máis, vólvenos lembrar que para El non cabe o rancor, a
vinganza, nin o esquecemento. O respecto da nosa liberdade -unha liberdade que
moitas veces supón pola nosa parte tomar decisións equivocadas, que feren aos
que temos ao lado-, é a pedagoxía que Xesús emprega con nós e que nos mostra
nesta parábola do Pai bo. El segue a darnos oportunidades, a esperar a nosa
volta, a facer festa das que se expresan desde o corazón cada vez que un de nós
volve para abrirnos os seus brazos e acollernos. Que distinto ao xeito de
actuar que vemos cada día ao noso redor entre os que buscan poder, queren
situarse para mandar e impoñer –na economía, na política, na relixión...- aos
que son máis débiles!. Pero tamén, que gran oportunidade nesta coresma para
poñer unha nova pegada neste noso camiñar cara á Pascua na que mostremos que
seguir a Xesús cámbianos o corazón e a nosa maneira de tratarnos. Para El o
verbo non se conxugaba desde mandar, impoñer e dominar, senón desde o acoller,
servir e agarimar. Que aprendamos a aledarnos do ben que lle vai aos demais, e
que non deixemos que no noso corazón aniñe o desexo de non aledarse co ben dos
outros.
FRATERNIDADE
ORANTE
Recemos a este Deus que sempre agarda a
nosa volta a apesares da nosa teimosía por apartarnos Del, e digamos agradecidos,
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
·
Para que
a Igrexa sexa comunidade e non institución preocupada por normas e imposicións,
que a levan a esquecer que ten que ser corazón que dea vida a quen está triste
e desenganado ante os golpes da vida, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
·
Polas
nosas comunidades parroquiais para que, coma o Pai bo do evanxeo, saibamos
aledarnos polos irmáns que volven, sen recriminarlle nin a súa marcha nin a súa
volta, porque Deus acolle, non leva contas, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
·
Por nós,
para poñamos en práctica a pedagoxía do Pai bo que espera, se aleda, acompaña,
agarima e nunca desespera, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
Unha vez máis, Señor, non podemos máis
ca dicir grazas. Porque mantés abertos os teus brazos para agarimarnos na túa
tenrura misericordiosa. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor:
que na miña turbación brille a
túa paz.
Que na miña debilidade brille
a túa forza.
Que no meu pecado brille a túa
graza.
Que na miña morte brille a túa
vida.
Que na miña soidade brille a
túa compaña.
Que nas miñas dúbidas brille a
túa seguridade.
Que nos meus medos brille a
túa valentía.
Que na miña tristura brille a
túa ledicia.
Que no meu baleiro brille a
túa plenitude.
Pai, glorifica o teu nome.
(M.Regal. Chorimas.95)
Comentarios
Publicar un comentario