4 oct. 2015

Domingo 27 de Ordinario B

DOMINGO XXVII ORDINARIO  -   CICLO B


Primeira Lectura         Xen 2, 18-24
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
E farán unha soa carne
  
     O Señor Deus pensou: Non é bo que o home estea só. Voulle facer unha axuda semellante a el.
     Entón o Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos  ao home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese.
     O home púxolles nomes aos animais domésticos, aos paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero non daba cunha axuda semellante a el.
     Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home e, cando este adormeceu, sacoulle unha costela e cerrou con carne o sitio.
     Da costela do home, o Señor Deus formou unha muller e pre­sentoulla  ao home.
     O home exclamou:
     Agora esta é coma min, óso dos meus ósos, carne da miña carne.      Chamarase muller, porque foi sacada do home.
     Por iso o home deixará seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e os dous farán unha soa carne.

  Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 127, 1-2. 3. 4-5. 6
R/. (cf. 5): Bendíganos o Señor todos os días da nosa vida.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.

Que vexas os fillos dos teus fillos.
Paz sobre Israel!


Segunda Lectura     Heb 2, 9-11
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O consagrante e os consagrados teñen  que ser todos da mesma liñaxe

             Irmáns:
            Aquel que "rebaixaron só un chisco con respecto aos anxos", Xesús, por aturar os padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.
            Efectivamente, conviña que Aquel para quen e por quen existe todo, se quería conducir moitos fillos á gloria, levase á perfección por medio do sufrimento o que ía ser o primeiro dos que se salvarían; pois o consagrante e os consagrados veñen todos da mesma raíz. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns.

  Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     1 Xn 4, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Se nos amamos mutuamente, Deus está connosco,
e o seu amor chega á plenitude en nós.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 2-16 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O que Deus uniu que non o separe o home
  
            Naquel tempo, achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido  ao home repudiar a  muller. El replicoulles:
            ‑ Que foi o que mandou Moisés?
            Respondéronlle:
            ‑ Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
            Díxolles Xesús:
            ‑ Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación, creounos Deus varón e femia. Por iso deixará o home seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus uniu, que non o separe o home.
            Xa na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
            ‑ O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
            Daquela leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos rifábanlles. Ao que o viu Xesús, indignouse e díxolles:
            ‑ Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impida­des, porque deles é o Reino de Deus.  Dígovolo de verdade: Quen non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
            E abrazándoos, bendicíaos, mentres impoñía as mans sobre eles.

   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Ou:  2-12 (máis breve)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido  ao home repudiar a  muller. El replicoulles:
            ‑ Que foi o que mandou Moisés?
            Respondéronlle:
            ‑ Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
            Díxolles Xesús:
            ‑ Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. Por iso deixará o home seu pai e mais súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu, que non o separe o home.
            Xa na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
            ‑ O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.

 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




En tempos de decisións presentistas e efémeras, Deus ofrécenos unha proposta sen data de caducidade  -  27º TOB 2015

POWER POINTS

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA:  Vinde axiña 
o   LECTURAS:  Señor Xesús
o   OFERTORIO:  Velaquí     
o   COMUÑÓN:  Queda ti, Señor connosco

OLLOS ABERTOS
Son estes tempos de conviccións débiles. Para moita xente as conviccións que moven as súas vidas –ser honestos, iguais, posuír a mesma dignidade, ser libres...- están en función da situación e dos intereses que lle resulten máis rendibles, sen importar que agora sexan unhas e logo outras totalmente contrarias nin quen vaia quedando polo camiño en cada elección. Isto leva a que o pensamento sexa tamén débil -líquido din outros- e que sexa cada vez maior o número dos que pensan que a vida é un ir cambiando de todo: traballo, parella, relixión, cidade, amigos... cada certo tempo; conformándose deste xeito a idea de que nada xa é posible para sempre, de que todo depende –como dicía a canción non hai moitos anos-. Nese depende vai crecendo un desacougo interior que nos vai facendo máis inseguros e desconfiados, e que nos vai levando á nada, ao nihilismo máis absoluto; o que supón vivir nun permanente estado de dúbida que nos vai desgarrando interiormente.
A reflexionar sobre esta cuestión invítanos hoxe a palabra de Deus. Pero diante do nihilismo derrotista dos que camiñan no “isto dura o que dura”, Xesús fálanos de construír pontes que unan e estabilicen as relacións entre as persoas; pontes seguras nos seus cimentos para que resistan os embates das cicloxéneses vitais que a todos nalgún momento nos chegan, para non deixar que o derrotismo desesperanzado nos faga caer no “é así e non hai outra”.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Por todas as veces nas que en vez de unir separamos, creando división e enfrontamento, SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO DERROTISMO.
û  Pola nosa falta de convicción e debilidade á hora de defender aos ninguén que todos tripan ou ignoran, CRISTO, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO DERROTISMO.
û  Pola nosa inseguridade, que nos leva moitas veces a poñer a defensa do noso sobre a dignidade de todos; SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO DERROTISMO.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·        Para moita xente, especialmente no mundo rico e dominado pola convicción de que a técnica é máis importante que a persoa, todo ten data de caducidade. Iso que agora se lle chama obsolescencia. Nese todo tamén se inclúen as persoas, polo que non é de estrañar que ante problemas que van aparecendo –guerras, emigración masiva, refuxiados...– aqueles que mandan se despreocupen de buscar solucións ás situacións verdadeiramente inhumanas ás que se ven sometidos os últimos e esquecidos, caendo na indiferenza. E isto que vemos como pasa cos dirixentes, polo efecto cascada, acaba sendo tamén o xeito e a maneira de pensar de moitos outros, diante desa ou doutras situacións da mesma vida de cadaquén. Vai sendo logo tempo de que os que nos chamamos crentes en Xesús de Nazaret comecemos a pensar e vivir desde o evanxeo e non desde as liortas eclesiais ou políticas que xorden cada día e fan que uns e outros se vaian alienando coa súa posición a custa de “facer de menos”-os ninguén de Galdeano son, deberan ser, unha ferida no corazón de cada un de nós- e desprezar a contraria. Tan difícil é buscar pontes de encontro e diálogo que desde a fe saiban poñer á persoa no centro? O ser unha soa carne ábrenos a perspectiva de sabernos iguais e irmáns, con capacidade de optar e decidir, pero sen esquecer ser imaxe e semellanza de Deus.
·        Tendo sempre presente ás persoas, saberemos agradecerlle a Deus, como nos invita o salmo, que nos teña bendicido cada día da nosa vida. Unha bendición que é presenza, forza, axuda e dispoñibilidade para facer da nosa vida compaña permanente, evitando así que a friaxe da soidade faga de nós homes e mulleres feridos polo abandono e o esquecemento. E xa que en Cristo, como di a carta aos Hebreos, fomos santificados, tamén estamos chamados a santificar coa nosa acción todo canto supoña non esquecer que somos persoas; e que ao noso redor hai persoas coma nós que necesitan que lles prestemos atención, tempo, acollida ou axuda. Se todos procedemos do mesmo Deus que nos quere e en quen confiamos, quen somos logo nós para dicir que a estes si e que a aqueles non? Non por telo repetido moito temos sido capaces de levalo ao corazón, pero non deberiamos esquecer que: todos somos iguais aos ollos de Deus. E, se El significa algo para nós, non podemos facer do Evanxeo ni regateo nin rebaixa.
·        A terceira idea desta reflexión chéganos desde o Evanxeo de Marcos que hoxe proclamamos e que tenta darlle continuidade e desenvolvemento á primeira lectura do libro da Xénese. Busquemos ir máis alá do primeiro que se nos ocorra ao ler o texto: o matrimonio; e pensemos a unión como compromiso de ser no mundo elemento que posibilite ser cidadáns que sabemos escoitar, acoller, diferenciar situacións, problemas ou experiencias vitais, para unilas desde o mesmo fío condutor que nos ofrece Xesús. Non separemos, non camiñemos tamén nós na cultura do fragmento que todo o divide para acabar converténdonos en illas incomunicadas que fan das persoas cousas, algo de usar e tirar, como se a atención, a preocupación e a cordialidade –cordis: corazón- non foran importantes nas relacións cos que temos máis preto e cos que, estando lonxe e sen coñecer, fannos sentir a solidariedade antropolóxica de clase –“somos fillos de Deus”- para non quedar indiferentes ante o seu sufrimento. A isto é ao que nos chama o evanxeo; e con esta actitude é coa que deberiamos estar, os que nos chamamos crentes e seguidores de Xesús, cada día. Os ollos abertos e o corazón quente axudarannos a entender que a unión non é para os papeis, senón para as persoas.

 

FRATERNIDADE ORANTE
Invítanos a celebración de hoxe a facer pasar polo corazón a pregunta de cales son os eixos inamovibles sobre os que construír a vida. Sabéndonos necesitados sempre da axuda dos demais, rezamos xuntos sentindo a forza da unión e dicindo:
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
*        Pola Igrexa, para que a pesar das presións, críticas ou desconsideracións dos non lles gusta, siga a pregoar e defender sen medo que a dignidade das persoas está por riba do materialismo que só  busca  ganancias, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
*        Polas nosas comunidades espalladas por todo o mundo, para que nunca esquezamos que canto rezamos ten que ir sempre unido ao noso xeito de vivir e actuar, sen que sexamos motivo de escándalo pola nosa incoherencia, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
*        Por cada un e cada unha de nós, para que non renunciemos ás conviccións que nos transmitiron os nosos maiores, e continuemos a tarefa de loitar pola defensa dos máis débiles, os excluídos, os ignorados, os enfermos, os maltratados e desprazados, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
Señor, que non nos deixemos levar da moda de abandonar a convicción de que as persoas, imaxe e semellanza de Deus, e non as cousas, son as que teñen valor e ás que sempre hai que defender e acompañar. P.X.N.S. Amén.


OÍDOS ATENTOS
Amalo todo, sen apegarme a nada.
Gozalo todo, sen fartarme con nada.
Coidalo todo, sen angustiarme por nada.
Solidarizarme con todo, sen amargarme por nada.
Loitar por todo, sen violentar nada.
Esperalo todo, sen depender de nada.
Comunicalo todo, sen diluírme en nada.
Compartilo todo, sen venderme en nada.
Coñecelo todo, sen esquecerme en nada.
Acollelo todo, sen apoderarme de nada.
Esta é a gran simplicidade.
(Manuel Regal, Chorimas, 92)

No hay comentarios:

Publicar un comentario