4 DE OUTUBRO: SAN FRANCISCO DE ASÍS, PATRÓN DA ECOLOXÍA
DA ENCÍCLICA LAUDATO SI´
San Francisco de Asís
10. Non quero desenvolver esta
encíclica sen acudir a un modelo belo que pode motivarnos […]Creo que Francisco
é o exemplo por excelencia do coidado do que é débil e dunha ecoloxía integral,
vivida con alegría e autenticidade. É o santo patrón de todos os que estudan e
traballan en torno á ecoloxía, amado tamén por moitos que non son cristiáns. El
manifestou unha atención particular cara á creación de Deus e cara aos máis
pobres e abandonados. Amaba e era amado pola súa alegría, a súa entrega
xenerosa, o seu corazón universal. Era un místico e un peregrino que vivía con
simplicidade e nunha marabillosa harmonía con Deus, cos outros, coa natureza e
consigo mesmo. Nel advírtese ata que
punto son inseparables a preocupación pola natureza, a xustiza cos pobres, o
compromiso coa sociedade e a paz interior.
11. O seu testemuño móstranos tamén
que unha ecoloxía integral require apertura cara a categorías que transcenden a
linguaxe das matemáticas ou da bioloxía e conéctannos coa esencia do humano.
Así como sucede cando nos namoramos dunha persoa, cada vez que el miraba o sol,
a lúa ou os máis pequenos animais, a súa reacción era cantar, incorporando na
súa loanza ás demais criaturas. El entraba en comunicación con todo o creado, e
ata predicaba ás flores «convidándoas a loar o Señor, coma se gozasen do don da
razón». A súa reacción era moito máis que unha valoración intelectual ou un
cálculo económico, porque para el
calquera criatura era unha irmá, unida a el con lazos de agarimo. Por iso
sentíase chamado a coidar todo o que existe. O seu discípulo san Boaventura
dicía del que, «cheo da maior tenrura ao considerar a orixe común de todas as
cousas, daba a todas as criaturas, por máis desprezables que parecesen, o doce
nome de irmás». Esta convicción non pode ser desprezada como un romanticismo
irracional, porque ten consecuencias nas opcións que determinan o noso
comportamento. Se nos achegamos á
natureza e ao ambiente sen esta apertura ao estupor e á marabilla, se xa non
falamos a linguaxe da fraternidade e da beleza na nosa relación co mundo, as
nosas actitudes serán as do dominador, do consumidor ou do mero explotador de
recursos, incapaz de poñer un límite aos seus intereses inmediatos. En
cambio, se nos sentimos intimamente unidos a todo o que existe, a sobriedade e
o coidado brotarán de modo espontáneo. A pobreza e a austeridade de san
Francisco non eran un ascetismo simplemente exterior, senón algo máis radical:
unha renuncia a converter a realidade en mero obxecto de uso e de dominio.
12. Por outra banda, san Francisco,
fiel á Escritura, proponnos recoñecer a
natureza como un espléndido libro no cal Deus nos fala e reflíctenos algo da
súa fermosura e da súa bondade: «A través da grandeza e da beleza das
criaturas, coñécese por analoxía ao autor» (Sb 13,5), e «a súa eterna potencia
e divinidade fanse visibles para a intelixencia a través das súas obras desde a
creación do mundo» (Rm 1,20). Por iso, el pedía que no convento sempre se
deixase unha parte do horto sen cultivar, para que crecesen as herbas silvestres,
de maneira que quen as admirasen puidesen elevar o seu pensamento a Deus, autor
de tanta beleza. O mundo é algo máis que un problema a resolver, é un misterio gozoso que contemplamos con xubilosa loanza.
COMENTARIO AO CÁNTICO DAS CRIATURAS DE FRANCISCO
DE ASIS
Esta bela oración de San Francisco é coñecida
por varios nomes: Cántico das Criaturas, Loanzas das Criaturas e Himno da Irmá
Morte. Foi escrito en romance umbro (a terra do santo) e é considerado o primeiro poema na lingua
italiana. Celebrouse como "o máis belo anaco de poesía relixiosa logo dos
Evanxeos" e como "a expresión máis completa e lírica da alma e da
espiritualidade de Francisco". A data da súa composición é o outono de
1225, posiblemente en San Damián. A estrofa sobre o perdón redactouna con
ocasión dunha controversia entre o Podestá de Asís, primeira autoridade da
cidade, e o Bispo, reconciliándoos. E a última, sobre a irmá morte, compúxoa en
outubro de 1226.
As circunstancias en que se achaba o “Poverello”
obviar os comentarios e provocan as conclusións: desangrado polos estigmas,
case cego, enfermo do fígado, desnutrido e con febres, fortemente decepcionado
pola marcha da orde que fundara, só e atormentado. Nunha noite de tormento saíu
da súa cabana e elaborou o cántico como expresión de loanza a Deus en todas as
súas criaturas. Como só desde a cruz se preludia a alegría da Pascua, á hora de
cantar o "aleluia" ningún mellor que Francisco.
Cantouno por todos, por ti e por min; polas
persoas e os astros; polas criaturas e as plantas; por toda esta natureza que
Cristo reconciliou na súa cruz e plenificou na súa resurrección. Francisco interpretou o silencioso canto
que toda a creación eleva a Deus, e a silenciosa melodía que Deus canta na
creación. E fíxoo porque ocupaba o último lugar, e así puido ser o primeiro.
Porque era o máis humilde dos servos, e isto permitiulle comprender como
ninguén a grandeza do seu Señor.
Versión do Cántico da Criaturas que se usa na
liturxia
Altísimo e omnipotente bo Señor,
túas son as loanzas,
a gloria e a honra e toda bendición.
A ti só, Altísimo, convéñenche
e ningún home é digno de nomearte.
Loado sexas, meu Señor,
en todas as túas criaturas,
especialmente no Señor irmán sol,
por quen nos dás o día e nos iluminas.
E é belo e radiante con gran esplendor,
de ti, Altísimo, leva significación.
Loado sexas, meu Señor,
pola irmá lúa e as estrelas,
no ceo formáchelas claras e preciosas e
belas.
Loado sexas, meu Señor, polo irmán vento
e polo aire e a nube e o ceo sereno e
todo tempo,
por todos eles ás túas criaturas dás
sustento.
Loado sexas, meu Señor, polo irmán lume,
polo cal iluminas a noite,
e é belo e alegre e vigoroso e forte.
Loado sexas, meu Señor,
pola irmá a nosa nai terra,
a cal nos sostén e goberna
e produce diversos froitos con coloridas
flores e herbas.
Loado sexas, meu Señor,
por aqueles que perdoan polo teu amor,
e sofren enfermidade e tribulación;
benaventurados os que as sufran en paz,
porque de ti, Altísimo, coroados serán.
Loado sexas, meu Señor,
pola nosa irmá morte corporal,
da cal ningún home vivente pode escapar.
da cal ningún home vivente pode escapar.
Ai daqueles que morran
en pecado mortal.
Benaventurados aos que atopará
na túa santísima vontade
porque a morte segunda non lles fará mal.
Loen e bendigan ao meu
Señor
e déanlle grazas e sírvano con gran humildade.
e déanlle grazas e sírvano con gran humildade.
Comentarios
Publicar un comentario