Domingo 30 de Ordinario B

DOMINGO XXX ORDINARIO  -   CICLO B


Primeira Lectura    Xer 31, 7-9
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Congregarei cegos e coxos
  
            Así fala o Señor:
            ‑ Aclamade a Xacob con gritos de alegría,
gritádelle á primeira das nacións.
Pregoade, loade, clamade:
            "Salva, Señor, o teu pobo,
salva o resto de Israel".
            Vede: vounos traer do país do norte,
vounos reunir desde os cabos do mundo.
            Entre eles haberá cegos e coxos,
a que está en cinta xunto coa parida,
volverán en enorme multitude.
            Velaí, chegarán chorando;
pero entre aclamacións de agradecemento,
heinos conducir, heinos levar aos regueiros de auga
por un camiño seguro onde non han tropezar.
            Si, volvereime pai de Israel,
e Efraím será o meu primoxénito.

 Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/.  (3):  O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.

Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.

Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.

Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.


Segunda Lectura     Heb 5, 1-6
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec
  
            Irmáns:
            Todo Sumo Sacerdote, escollido de entre os homes, constitúese Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados.
            É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os perdidos, porque tamén el está rodeado de fraquezas.
            Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos do pobo coma polos seus.
            Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como o foi  Aharón.
            Do mesmo xeito, tampouco Cristo procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:
            "Ti es o meu Fillo,
hoxe xereite Eu".
            Entendido conforme o que di noutro sitio:
            "Ti es sacerdote para sempre,
á maneira de Melquisedec".

   Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 10, 46-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Mestre, que vexa! 

            Naquel tempo,  ao saír Xesús de Xericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño.
            Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a gritar e a dicir:
            ‑ Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!
            Moitos reprendíano para facelo calar, pero el gritaba aínda máis alto:
            ‑ Fillo de David, ten piedade de min!
            Xesús detívose e dixo:
            ‑ Chamade por el.
            Chaman entón polo cego e dinlle:
            ‑ Veña, érguete, que te chama!
            El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
            ‑ Que queres que che faga?
            O cego respondeulle:
            ‑ Mestre, que volva ver.
            Xesús díxolle:
            ‑ Vai; a túa fe salvoute.
            E no intre comezou a ver, e seguíao polo camiño.

  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo    


APRENDAMOS A VER A TRAVÉS DOS OLLOS DE MISERICORDIA A REALIDADE QUE CONSTRUÍMOS, IMPERFECTA E NECESITADA DAS MANS E DOS CORAZÓNS DE CANTOS A CONFORMAMOS –  30º Domingo TOB 2015

POWER POINTS

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
·         ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
·         LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
·         OFERTORIO: Eu soñei
·         COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme

OLLOS ABERTOS

Constantemente escoitamos -mesmo tamén dicimos- que o mundo é imperfecto, que hai cousas que non nos gustan, que cada día uns teñen máis -moito máis- e a gran maioría menos ou nada. A pesares desta nosa queixa, pouco ou nada facemos para cambiar as cousas. Non estamos a falar de que vaiamos polos parlamentos , xuntas de goberno ou consellos de administración onde se decide; senón de que, alí onde esteamos, no achegado e pequeno da nosa vida, tamén estamos chamados a facer as cousas doutro xeito. Cambiar a forma de tratarnos, de relacionarnos uns cos outros, de axudarnos, e tamén de dicirnos as cousas que non facemos ben e debemos cambiar. E isto podemos facelo nas nosas casas, no traballo, cos amigos e na Igrexa. Si, tamén nas cousas que vemos que deberiamos cambiar na nosa pastoral parroquial temos voz para manifestalo. Porque de nada nos vale queixarnos unha e outra vez: do cura, das celebracións, da pouca formación, da... se logo non facemos nada para que as cousas cambien. 
A realidade é imperfecta, como o somos nós, pero coa colaboración de todos, e non deixándonos levar da crítica mordaz e pouco construtiva, si que podemos ila cambiando, unindo, traballando xuntos ou dando a nosa opinión cando nola pidan. 
Esta é a motivación que nos propón a celebración que agora comezamos,para que saiamos de aquí cheos de gozo e convencidos de que, se poñemos algo de nós, as cousas que non nos gustan poden ir cambiando. 

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque imos abrindo fendas de crítica para cos demais, sen recoñecer os nosos erros,
  • SEÑOR,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
·         Porque seguimos sendo moito de ritos e pouco de conviccións,
  • CRISTO,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
·         Porque nos urxe o accidental e despreocúpanos o importante,
  • SEÑOR,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
  •  
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
Moitas veces sentimos a sensación de baleiro, tristeza, desacougo ou incomprensión. Como se nada nin ninguén puidera valernos e axudarnos a aquecer o corazón, que experimentamos como frío e sen gana de nada. Nesta experiencia, que seguro todos temos pasado, hai Alguén, ao que non sempre somos capaces de percibir, que está... inda que non o vexamos. E o seu estar non é para pasarnos a conta do moito que ten feito por nós, nin para que lle agradezamos que sempre teña sacado a cara na nosa defensa, ou para calquera outra cousa que puidera refregarnos nos beizos. Non, a súa é unha presenza silenciosa na que nos invita a mirar cara dentro para sacar o mellor de nós –que o temos, inda que pensemos o contrario-. Ese Alguén é Deus. E cando dicimos Deus imos ás imaxes que del nos van ofrecendo os textos da biblia, nos que se nos mostra como o que está, acompaña, alenta, anima, reforza...e o que é máis importante: o que nos quere e consola. Cantas veces non o temos botado en falta pola nosa cegueira ou xordeira de corazón! A imaxe dese Deus a quen rezamos, a quen queremos e en quen confiamos é a de quen sempre camiña, sen parar, e coa man tendida para dicirnos: segue, paga a pena, non estás solo. O Deus ao que tantas veces se refire o papa Francisco cando nos di que é o que pon ás persoas por riba das cousas ou das ideas; dos proxectos ou dos grandes logros. O Deus sensible que acompaña o noso silencio e non busca manipularnos, senón querernos desde a súa misericordia chea de tenrura.
A súa tenrura connosco é o que o fai verdadeiramente grande, como ben tiña descuberto o pobo de Israel, e por iso rezaban o salmo recoñecendo esa proximidade e a ledicia que lles achegaba. Podemos nós dicir o mesmo? Recoñecemos a súa grandeza na presenza, día a día, ao noso lado? Sentimos a ledicia –xa nolo lembraba Francisco na “Evangelii gaudium”- sementando o que facemos, o por que o facemos e o como o facemos de esperanza? 
Dámonos conta do que significa poñer nos nosos beizos expresións tales como: agarímanos coa túa tenrura, aloumíñanos na túa misericordia ou renova en nós a esperanza? Si, temos que ir facéndonos preguntas para poder descubrir e coñecer o verdadeiro rostro de Deus, non o que moitas veces voces “autorizadas”, convertidas en interesadas, nos teñen presentado. E convencernos dunha vez que é amor, agarimo, confianza, liberdade; e non medo, castigo nin condena. Se somos capaces de facer este camiño de maneira persoal e sentindo a forza e o alento da comunidade, acabaremos entendendo por que Deus se converte no Alguén importante na nosa vida. Aquí reside a súa grandeza, polo que, como facía o pobo de Israel, tamén nós podemos dicir e sentir: Que o Señor estivo grande connosco e estamos alegres.
Nesta alegría imos poñendo, chanzo a chanzo, a nosa esperanza, desde a que entender que celebrar, compartir, estar pendentes e preocupados por canto lle pasa aos que temos máis preto e, sen esquecer aos que son esquecidos e descartados, lonxe convértese nunha consecuencia de seguir a Xesús para dar e construír vida alí onde esteamos. E a vida non se fai poñendo atrancos, dificultades, normas e leis, senón testemuño, exemplaridade, entrega, xenerosidade e capacidade de acollida. Unha acollida onde nunca somos moitos, e sempre cabemos máis. Sen ter medo, porque como El ten dito outras veces: “fun forasteiro e non me acollestes”. Neste verdadeiro mestre que non busca nada máis ca nosa felicidade poñemos nós a confianza e, como aquel cego do evanxeo, tamén hoxe lle dicimos: Mestre, que poida ver.


FRATERNIDADE ORANTE

Nesta momento no que somos invitados a abrir o corazón á misericordia de quen acolle e á solidariedade de quen axuda, dicimos xuntos: 
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA 

            Para que a Igrexa saiba ter o corazón sensible e aberto para acoller e perdoar a quen se ten equivocado, afastado ou esquecido de que Ti es amor e acougo, OREMOS.
            QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
            Para que cantos conformamos as parroquias e comunidades coas que compartimos a fe, sexamos guieiros de tolerancia, perdón, escoita e colaboración, e non muro infranqueable de indiferenza, OREMOS.
            QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
            Para que saibamos poñer algo do noso tempo ao dispor de quen está só, enfermo, triste, illado ou derrotado polo fracaso das súas ilusións e proxectos, OREMOS.
            QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Señor, acompaña a nosa oración comunitaria, para que sintamos sempre preto a forza da túa presenza, sempre misericordiosa. 
PXNS.


OÍDOS ATENTOS

A ledicia do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se encontran con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesucristo sempre nace e renace a alegría... Quero dirixirme aos fieis cristiáns para invitalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa alegría, e indicar camiños para a marcha da Igrexa nos próximos anos.
O gran risco do mundo actual, coa súa múltiple y abafante oferta de consumo, é unha tristeza individualista que brota do corazón cómodo e avaro, da busca enfermiza de praceres superficiais, da conciencia illada. Cando a vida interior se clausura nos propios intereses, xa non hai espazo para os demais, xa non entran os pobres, xa non se escoita a voz de Deus, xa non se goza a doce alegría do seu amor, xa non palpita o entusiasmo por facer o ben. Os crentes tamén corren ese risco, certo e permanente. Moitos caen nel e convértense en seres resentidos, queixosos, sen vida. Esa non é a opción dunha vida digna e plena, ese non é o desexo de Deus para nós, esa non é a vida no Espírito que brota do corazón de Cristo resucitado. (E.G. 1-2).


Comentarios

Publicacións populares