Domingo Defuntos do Tpo. Ordinario B

DÍA DOS FIEIS DEFUNTOS  - LECTURAS
(UNHA POSIBILIDADE)


Primeira Lectura   Sab 3, 1-6
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Aceptounos como sacrificio de holocausto

 As vidas dos xustos están na man de Deus:
non haberá tormento que as toque.
As xentes insensatas coidaban que morreran
e o seu pasamento semellaba unha desgraza,
o seu partir de entre nós, unha desfeita,
mais eles fican en paz.
Aínda que para o ollar humano fosen magoados,
a súa esperanza ía preñada de inmortalidade;
corrixidos no pouco, acadarán moito
pois foi Deus quen os probou e atopounos dignos de si.
Depurounos como ouro no crisol,
aceptounos como sacrificio de holocausto.

  Palabra do Señor


Salmo Responsorial  Sal 102, 8 e 10. 13‑14. 15‑16. 17‑18
R/. (8a): O Señor é misericordioso e clemente.

O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Non nos trata conforme os nosos erros
nin nos paga conforme as nosas culpas.

Canto un pai ama os seus fillos,
así ama o Señor os que o temen.
El sabe de que estamos feitos,
recorda que somos lama.

Os días do home son coma o feo,
o seu florecer como o da flor:
aínda non a roza o vento, xa se foi,
e o seu sitio xa non a volve ver.


Segunda Lectura        Rm 8, 3 lb‑35. 37‑39
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS ROMANOS
¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo?

Irmáns:
Se Deus está connosco, ¿quen contra nós? Aquel que non aforrou a seu propio fillo senón que o entregou por todos nós, ¿como non nos va¡ regalar todo xunto con El
     ¿Quen acusará ós escolleitos de Deus?:
¿non é Deus o que perdoa?;
¿quen os vai condenar.....
morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus
e quen intercede por nós?
¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo?:
¿a tribula­ción, a angustia, a persecución,
a fame, a nudez, o perigo, ou a espada?
Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou.
Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida,
nin os anxos nin os principados,
nin o presente nin o porvir,
nin as potestades, nin a altura nin o abismo,
nin calquera outra criatura nos poderá afastar
do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.

Palabra do Señor



Versículo antes do Evanxeo Ap l4,13
Benia os mortos que morren no Señor;
descansen das súas fatigas;
porque as súas obras van con eles.



Evanxeo Lc 7, 11‑17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Rapaz, falo contigo: ¡Érguete!
  
Naquel tempo, foi Xesús a unha vila, chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente.
Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila. ó vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
‑ Non chores.
E achegándose, tocou o cadaleito  ‑os que o levaban pararon ‑, e el mandou:
‑ Rapaz, falo contigo: ¡érguete!
0 morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai.
Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo:
‑ Un gran profeta xurdiu entre nós. Deus visitou ó seu pobo.
E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.

Palabra do Señor


 

Mais para os que o temen,
o amor do Señor dura por sempre,
a súa xustiza chega ós fillos e ós netos
dos que gardan a súa alianza,
dos que recordan os seus mandatos e os cumpren.


 UNHA MISERICORDIA
QUE VENCE A MORTE


POWER POINTS

CANTO GOZOSO
§  LECTURAS: Canta aleluia

ESCOITA ACTIVA
A esperanza ía preñada de inmortalidade”, escoitaremos na lectura do libro da Sabedoría que logo proclamaremos. Está é a razón de que esta mañá nos xuntemos como comunidade crente para lembrar a tantas persoas, familiares e amigas, que nos deixaron e agora viven xa no colo agarimoso de Deus. Por iso a nosa non é unha lembranza desesperada, senón unha lembranza agradecida e confiada na misericordia dun Deus Pai-Nai que nos crea por amor, un amor que nin a morte é quen de destruír.
Que este momento de oración compartida que agora comezamos sexa para nós esperanza e alento nun recordo agradecido e agarimoso polos nosos seres queridos que gozan xa dunha vida plena con Deus.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
ü Porque a miúdo desesperámonos diante da morte, dubidando da esperanza que Ti nos ofreces por medio da fe, SEÑOR, ALENTA A NOSA ESPERANZA.
ü Por non ter sabido e querido acompañar, alentar e acariñar a quen sofre por calquera manifestación de morte, CRISTO, ALENTA A NOSA ESPERANZA.
ü Polas veces nas que seguimos crendo e testemuñando un Deus sádico, que se recrea na morte, en lugar de poñer o acento na esperanza, na misericordia e na vida que nos regalas a mans cheas, SEÑOR, ALENTA A NOSA ESPERANZA.

Odres Nuevos Evangelio 1 de noviembre 2015 color

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Ø  A primeira lectura, tomada do libro de Sabedoría, dinos que as vidas das persoas xustas están na man de Deus. De verdade cremos isto? De verdade estamos convencid@s de que as nosas vidas están nas súas mans? Se cadra si que o pensamos; pero dun xeito que non é o correcto. Si, porque moitas veces escoitamos, mesmo dicimos, frases do tipo: “Deus así o quixo”, “foi cousa de Deus”, “que sexa o que Deus queira”.... relacionadas con desgrazas, enfermidades, sufrimento e morte, coma se El fose un sádico que se comprace na dor. Porén, non é esa a idea que se tenta transmitir, senón que o que se nos quere dicir é: somos obra de Deus, dun Deus que nos crea porque nos quere, dun Deus que nos coñece, dun Deus para quen somos importantes e que, certamente, ten as nosas vidas nas súas mans; pero non para xogar ás cartas, aos dados ou ao dominó con elas, senón para coidalas, acariñalas e protexelas.
Ø Por iso podemos dicir convencid@s, sen medo nin vergoña, que o Señor é o noso Pastor e que nada nos falta: El é Aquel que repón as nosas forzas coa oración; co Pan de vida partido e repartido; con tantas e tantas mans amigas que, no camiño da vida, nos axudan a erguernos de novo cando temos tropezado e caído; con tantas ilusións compartidas coa xente que, coma nós, traballa por un mundo mellor; con tantas manifestacións da súa bondade e do seu amor que coverten a nosa vida nunha experiencia única chamada a testemuñar a misericordia e a tenrura deste Deus que sempre camiña con nós.
Ø Desde esta perspectiva entendemos, xa que logo, por que estamos aquí hoxe: non por costume, por tradición social, para que nos vexan, porque toca visitar o cemiterio.... Non. Estamos aquí para reafirmar a nosa fe na resurrección, nunha nova vida chea de sentido e de presenza de Deus, unha vida pola que imos loitando e traballando durante o noso paso polo mundo. Os nosos defuntos xa remataron este camiño, acadaron a meta, e nós cremos que están ao lado de Deus, porque as nosas vidas están preñadas de inmortalidade, porque, como proclamamos no evanxeo de Xoán, temos escoitado a voz dun Deus que nos fala de misericordia, de xustiza e sempre de vida, porque El non é Deus de mortos nin de morte, senón de vivos e de vida plena.

FRATERNIDADE ORANTE
Neste día no que encomendamos aos nosos seres queridos que xa están na plenitude de Deus, fagamos da nosa oración sacramento de vida e digamos:
QUE VIVAMOS DESDE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN
·         Para que a Igrexa non faga nunca da morte un negocio, senón momento privilexiado de testemuño da misericordia, da xenerosidade e da esperanza que veñen de Deus, OREMOS.
QUE VIVAMOS DESDE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN
·         Polos nosos familiares defuntos, que nos legaron o que somos e temos, para que sempre saibamos valorar a súa entrega e o seu traballo por deixarnos un futuro máis digno, OREMOS.
QUE VIVAMOS DESDE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN
·         Por todas aquelas persoas das que nunca ninguén se lembra, e nacen, camiñan e morren no anonimato e na indiferenza máis absoluta, OREMOS.
QUE VIVAMOS DESDE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN
·         Por todas as persoas, coñecidas ou descoñecidas, que repousan nos cemiterios das nosas parroquias, para que nunca esquezamos que Deus é Deus de vivos, non de mortos, OREMOS.
QUE VIVAMOS DESDE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN
·         Por cada unha e cada unha de nós, para que nunca sexamos indiferentes diante da dor, da enfermidade e do sufrimento dos irmáns e das irmás, senón que co noso testemuño abramos unha porta á confianza e á esperanza que veñen de Deus, OREMOS.
QUE VIVAMOS DESDE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN
Grazas, Señor, porque a resurrección do teu Fillo ábrenos un camiño de esperanza e plenitude. Que saibamos transmitilo cunha vida xusta e solidaria. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Só nos acariciará o amor que prodigamos.
Só nos alegrará o sorriso que regalamos.
Só nos refrescará a auga que xuntos temos bebido.
Só nos alimentará o pan que compartimos.
Só nos cubrirá o vestido co que ao próximo arroupamos.
Só nos descansará o cansazo do peregrino que hospedamos.
Só nos consolará a palabra coa que reconfortamos.
Só nos guiará a verdade que proclamamos.
Só nos sandará o consolo do enfermo que visitamos.
Só nos librará o peso que de moitos ombreiros quitamos.
Só nos dará paz a ofensa que perdoamos.
Só fará renacer a esperanza a mirada que ao ceo diriximos e as mans con que abrazamos.
Só nos conducirá á VIDA, a confianza que en DEUS depositamos.
Que a túa FE sexa grande e convencida para que, ao final, recollas o que cres; para que a nosa herdanza cando nos vaiamos deste mundo sexa grande.
Todo depende do que teñamos dado. Iso quedara nos corazóns de moitos e será un legado de amor.
Así que sementa para que mañá cando DEUS recolla, pense en ti che diga que cumpriches o teu labor.
O ceo conquístase co hoxe.


Comentarios

Publicacións populares