Domingo 28 de Ordinario B

DOMINGO XXVIII ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura     Sab 7, 7-11
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
En nada considerei as riquezas comparándoas coa sabedoría

            Roguei e foime dada a prudencia,
supliquei e veu a min o espírito da sabedoría.
            Preferina a cetros e tronos,
en comparanza a ela, coidei ser nada a riqueza;
non se lle asemella a alfaia de máis prezo,
pois todo o ouro,  ao seu lado, é unha manchea de area,
e xunto a ela a prata é coma a lama.
            Ameina por riba da saúde e da beleza,
escollín posuíla en troques da luz,
pois o seu raiolar non ten solpor.
            Con ela viñéronme xuntos todos os bens,
polas súas mans, riquezas incontables.

  Palabra do Señor                              R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 89, 12-13. 14-15. 16-17
R/.  (14):  Énchenos da túa misericordia, Señor, e brincaremos de ledicia.

Ensínanos a contar os nosos días,
para que acheguemos o corazón á sabedoría.
Volve, Señor. Por canto aínda?
Apiádate dos teus servos.

Dános de mañá a fartura da túa misericordia,
para que teñamos felicidade e ledicia toda a nosa vida.
Alégranos polos días en que nos aflixiches,
por tantos anos de coitas.

Que se vexa a túa obra nos teus servos,
e a túa gloria nos seus fillos.
Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco,
que el consolide as obras das nosas mans.



Segunda Lectura     Heb 4, 12-13
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
A palabra de Deus xulga pensamentos e intencións do corazón

             A palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante ca unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a medula.
            Ela xulga os proxectos e os pensamentos.
            Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable aos seus ollos: é a ela a quen lle temos de dar contas.

 Palabra do Señor                              R/.  Grazas a Deus



ALELUIA    Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Ditosos os pobres no espírito
porque deles é o Reino dos Ceos.
Aleluia.

 

Evanxeo     Mc 10, 17-30 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e despois ven e sígueme
  
            Naquel tempo, estaba Xesús saíndo para se pór en camiño, e chegou correndo un home, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:
            ‑ Mestre bo, que teño que facer para acadar a  vida eterna?
            Xesús respondeulle:
            ‑ Por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non rou­bes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.
            El replicoulle:
            ‑ Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
            Xesús fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:
            ‑ Aínda che falta unha cousa: Vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
            Pero el tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.
            Xesús, mirando arredor, díxolles aos discípulos:
            ‑ Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
            E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
            ‑ Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.
            Eles, aínda máis asombrados, comentaban entre si:
            ‑ E quen se vai poder salvar?
            Xesús fitounos coa súa mirada e dixo:
            ‑ É imposible para os homes, pero non para Deus; porque todo é posible para Deus.
            Entón comezou Pedro a dicirlle:
            ‑ Mira que nós deixámolo todo e seguímoste.
            Dixo Xesús:
            ‑ Dígovolo de verdade: Non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai ou fillos ou leiras por cousa miña e por cousa do Evanxeo, que pase sen recibir agora, neste tempo, cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nais, fillos e leiras, xunto con persecucións, e no mundo futuro, a vida eterna.

  Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo


Ou:  17-27 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, estaba Xesús saíndo para se pór en camiño, e chegou correndo un home, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:
            ‑ Mestre bo, que teño que facer para acadar a  vida eterna?
            Xesús respondeulle:
            ‑ Por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non rou­bes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.
            El replicoulle:
            ‑ Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
            Xesús fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:
            ‑ Aínda che falta unha cousa: Vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
            Pero el tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.
            Xesús, mirando arredor, díxolles aos discípulos:
            ‑ Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
            E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
            ‑ Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.
            Eles, aínda máis asombrados, comentaban entre si:
            ‑ E quen se vai poder salvar?
            Xesús fitounos coa súa mirada e dixo:
-         É imposible para os homes, pero non para Deus; porque todo é posible para Deus.

  Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo




Só un corazón quente é quen de entender que a misericordia de Deus é sabedoría de felicidade -  28º Domingo TOB  2015

Odres Nuevos Evangelio 11 octubre 2015 color

POWER POINTS

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA:  Ti es camiño e verdade
o   OFERTORIO:  Na nosa terra
o   COMUÑÓN:  Déixate querer

OLLOS ABERTOS
Vivimos con cara de tristeza. Non coa de vinagre, pero si coa de tristeza. Por que nos pasa isto se o temos todo: casa, coche, médicos, profesores? Estamos rodeados de xente, a televisión están permanentemente emitindo, as emisoras de radio non deixan de soar, os teléfonos seica son intelixentes, os ordenadores persoais... por que entón ese corazón tan reseco e esa cara marcada polas engurras da tristeza? Non será que a nosa confianza seguimos a poñela no ter, no posuír, no gardar, no cobizar, e non no ser: ser persoa, ser amigo/a, ser feliz, ser bo marido, boa muller, bo fillo, bo cura...? Que mellor momento ca este, no que estamos reunidos sen présa, nun lugar tranquilo e sen o bombardeo da sobredose de palabras, para, no silencio da oración que agora imos comezar, preguntarnos por que tendo tan claros os horizontes aos que nos invita Xesús, facemos o posible por darlle as costas.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque nos fai máis felices ter moito que querer moito; 
SEÑOR, PERDOA O NOSO INMOBILISMO.
 Porque nos fai máis felices ser importantes que ser servidores, 
CRISTO, PERDOA O NOSO INMOBILISMO.
Porque nos fai máis felices ter razón que escoitar; 
SEÑOR,PERDOA O NOSO INMOBILISMO.


PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·        Para moitas persoas é desesperante, motivo de envexa e de non poder vivir en paz cun mesmo, pensar que un ten menos bens que o veciño, e fan todo o posible para quitarlle mérito e importancia a canto outros teñen feito ou logrado co seu traballo. Os seus corazóns están resecos, porque quedaron parados no externo, no aparente, no que non dá a felicidade. Si. Acumular riqueza, como única e exclusiva razón da vida, fainos persoas desconfiadas, pouco xenerosas e moi lonxe do proxecto de amor do Deus que nos crea non para que nos dobremos diante del, senón porque nos quere, nos recoñece iguais en dignidade e nos dá un “plus” de igualdade que nos une coma irmáns para descubrírmonos posuidores da súa mesma imaxe e semellanza. Somos de Deus; pero tamén somos coma Deus: merecedores do mesmo respecto. Non somos cousas nin algo. Somos os alguén que camiñamos desde o proxecto de Deus para o mundo. Aquí está a verdadeira sabedoría, como acabamos de escoitar na lectura: a sabedoría que pon as cousas ao noso dispor, e non nos pon a nós ao dispor das cousas, de tal xeito que nos acaben escravizando.
·        Por iso a palabra de Deus o que busca e ao que nos chama é a ter corazóns quentes: humanos, afables, amables, sensibles, con capacidade de empatía... O que hoxe se lle chama ser persoas con intelixencia emocional. É entón esta Palabra unha Palabra sempre en saída, en busca, en tarefa permanente para que as persoas non nos pechemos en nós mesmos ata incomunicarnos, senón que nos abramos ao escoitar, acompañar, compartir, agarimar. Unha Palabra que nos di que non debemos –podemos?- ser nin limóns nin vinagre nin pomelo. Porque se nos falta a dozura á hora de ver o mundo como casa común, a amargura acabaría por devorarnos. Só no seguimento desta Palabra que sempre nos fala ao corazón poderemos dicir que temos entendido o por que da misericordia de Deus para connosco, e de nós para cos demais.


·        Esta misericordia que nos achega e iguala uns aos outros é a que guía a proposta de Xesús. Para aquel tempo e para hoxe. O “vende todo e sígueme, non é máis que unha invitación a fitar a nosa mirada no que de verdade é importante: o que nos achega, humaniza, posibilita que nos atopemos, fai posible que unamos as mans en tarefas e proxectos comúns. Nunha palabra: que non fagamos do enfrontamento nin da crispación metodoloxía do noso día a día. Desprenderse dun corazón cheo de adherencias que o insensibilizan diante do que pasa no noso mundo e ao noso redor responde á proposta que un día máis nos fai Xesús. Vender e seguir, unha dialéctica nada doada e pouco comprensible hoxe en día. Pouco comprensible no mundo pero tamén na Igrexa; e dentro desta, nos que deberiamos ser servidores da gratuidade e da permanente actitude de acollida e escoita. Canto corazón endurecido na celebración convertida en estipendio. Canto corazón endurecido no funeral dos cartos, máis importante que na oración comunitaria compartida! Canto corazón ennegrecido polo apego aos cartos e ás cousas, aínda que sexan no nome de Deus! Canto engano en forma rito e consumo de tempo no templo cando á porta está o irmán que está só, pide unha axuda ou necesita un sorriso! Nin sequera xustificando que foi a praxe –foi, pero xa non pode seguir sendo– ou dicindo que son sacramentais aprobados pola Igrexa, poderemos facer dela nin o noso ministerio nin o xeito de ser cristián que testemuña os homes e mulleres do noso tempo.


FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus non quere corazóns de pedra que só pensan nas cousas, senón corazóns de carne que nos une e fai sensibles diante das situacións de dor e tristeza dos irmáns, dicimos:
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA

Para que a Igrexa sexa pobre e dos pobres, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA
Para que a indiferenza non marque as relacións entre os veciños das nosas comunidades parroquiais, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA
            Para que a nosa fe saibamos vivila desde unha actitude de ser os ollos, as mans, os oídos e os pés de quen poida necesitarnos, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE A INXUSTIZA

Grazas, Señor, por volver invitarnos a ter presentes na oración a todos sen exclusións:, amigos, veciños, parentes, compañeiros de traballo, inmigrantes, enfermos, presos, explotados... e a non esquecer que non é no ter, senón no saber ser: filla, nai, pai, fillo, avó, avoa... onde está o tesouro co que nos agasallas cada día desde o Evanxeo. 
P.X.N.S. Amén.

OÍDOS ATENTOS
O consumo, a riqueza, a abundancia,
a seguridade para o presente e para o futuro por riba de todo,
di a propaganda;
 e Ti disnos:
quen dea un vaso de auga a un pequeno,
non perderá a súa recompensa.
A orde, a ausencia de conflitos,
o respecto ao sistema e ás leis por riba de todo,
dinos o noso medo;
e Ti disnos:
vin traer lume á terra
e canto desexo que arda.

Grazas pola túa novidade,
que provoca e rompe tantos principios inamovibles da nosa sociedade;
que cuestiona, clara e limpamente,
sen panos quentes,
tantas cousas da nosa vida.
Ti que es máis grande que todos os nosos pecados,
recréanos e danos un futuro novo e mellor.

Comentarios

Publicacións populares