Teatro de Nadal 3
O NADAL SEMPRE ACTUAL
Xosé Antón Miguélez
ESCENA PRIMEIRA
Nena. Canto rebumbio e cantar,
canta luz aquí e alá.
Por favor dime avoíño
que pasou polo Nadal?
Avó. Foiche un gran milagre.
Deus fíxose noso
e do mesmo sangue.
Nena. Avó, que alegría!
con Deus na familia
iremos arriba.
Avó. Iso dixo un día
o anxo Gabriel
a santa María.
Nena. Pois cóntame avó
como empezou todo
e tal como foi.
ESCENA SEGUNDA
(o avó xa non se ve, só se oe)
Avó. A Virxe estaba
aló en Nazaré
cando veu un anxo
de parte de Deus.
Anxo 1. Bendita mociña,
o Señor me manda
con grandes noticias.
María. E mándate a min?
Pero se eu son pobre
e moi nova á fin!
Anxo 1. Pois non es cativa
que estás chea de gracia,
pura marabilla!
María. Estou asombrada,
non sei que traerán
as túas palabras!
Anxo 1. Deus mándache un fillo,
Xesús salvador
o chamado Cristo.
María. Non entendo ben...
Eu non son casada
pero se Deus quer
eu son a súa escrava!
Anxo 1. O poder do Alto
virá sobre ti,
parirás o Santo
que che prometín.
María. Pois que sexa logo
segundo ti me dis,
que se cumpra todo
o que queira en min.
ESCENA TERCEIRA
Nena. Agora xa sei,
mais cóntame axiña
cando Deus naceu.
Avó. San Xosé e María
ían de viaxe
mais ninguén lles daba
na casa hospedaxe.
Xosé. Pousadeiro, pousadeiro
déanos casa cuberta
que somos dous
forasteiros.
Pousadeiro. Veñen con mala fortuna,
a casa está
que rebenta,
¡non hai
sitio pra unha agulla!
Xosé. Quero pedirche un favor:
teño a muller pra parir,
xa lle principiou a dor.
Pousadeiro. ¡Que xentiña tan raiante!
¡Sigan
vostedes pra adiante!
Xosé. Algún recanto terás
no sobrado ou no pallar.
Pousadeiro. Non me veñas dar a lata
que non che
estou para líos.
¡Nin que me
cubras de prata
quero nesta
casa un crío!
Xosé. Dásme
pena pousadeiro
con esa alma de aceiro.
Pousadeiro. Pois sabes o que?
Esta casa é
miña
e o camiño é
teu (pecha).
María. É posible que en Belén
non nos acolla ninguén?
Xosé. Ti estás segura María
que aquel arcanxo
Gabriel
de parte de Deus viría?
María. Por que o preguntas Xosé?
Seica perdiches a fe?
Xosé. Cando
sae todo ó revés
xa
o dubido algunha vez.
María. Comprendo
que Deus non queira
darnos
praza de primeira,
pero
pasar tanto apuro
non
é fácil que é moi duro!
Xosé. Abre
pousadeiro
que
anque somos pobres
traemos
diñeiro!
Pousadeiro.
Non é por cobrar,
se
se encontra mal
vaia
a un hospital.
Xosé. Como se
os houbera
no
tempo de Cristo.
Seica
estás de chiste
pero
eu non me río!
Pousadeiro. Se non a empreñaras
non tabas
así.
Ese é teu
problema
pois resólveo
ti.
Xosé. Mira pousadeiro
que me está chegando,
e se me toreo
non sei as que fago.
María Non rabees meu
homiño
e sigamos o camiño.
Xosé Como mandes ti Maruxa.
E dime, esa dor apuxa?
María. Vaise aguantando
pero dáme pena
que Deus veña ó mundo
de contrabando.
Xosé. Mira aló... Hai outra casa!
Chamarei de novo
a ver o que pasa.
María. Ai Ai, que xa vén o neno!
Xosé. Aguanta un pouco cariño,
hai aquí un cortello
vello
María. Está visto que Deus
quere
nacer pobre e nun
presebe.
Xosé. Pois se Deus está con nós
que o medo non nos free.
Contamos co seu valor!
ESCENA CUARTA
Avó. E o Rei de toda grandeza
naceu en moita pobreza,
e en vez dun pazo real
habitou choza aldeá
e viron a súa figura
non a xente de finura
senón un boi e unha
mula.
Nena. E a mula non o trababa?
Avó. A mula dáballe alento
e o neno estaba
contento.
Nena. E o boi
non o trepexaba?
Avó. O boi resultou ó cabo
insecticida eficaz
matando moscas co rabo.
Nena. E ninguén foi axudar
que non fose un animal?
Avó. foi un anxo desde o ceo
que era un pouquiño
tatexo,
e a uns pastores avisa
que vaian a toda prisa.
ESCENA QUINTA
Anxo. Papas, papas, papas....
Pastora. Quen pide papas agora?
Anxo 2. Papastores espertade
que vavades caer de cu.
Caca, caca, caca...
Pastora. Antes coas papas
e agora caca
¡que confitura!
Anxo 2. Papastores espertade
que vavades caer de cu
cacacando o saibades.
Pastora. Dime axiña que pasou
Anxo 2. O Neneno xa chegou.
Pastora. Pero de que neno falas?
Anxo 2. Do fififillo propropro.
Pastora. Do fillo do profesor?
Anxo 2. Do fifillo prometido
por Deus o noso Señor.
Pastora. Compañeiros, compañeiros
xa naceu o neno Deus.
Pastor 1. Outra vez cos soños teus.
Pastor 2. Calade xa dunha vez
estouvos moi a gustiño
quero durmir ata as dez!
Pastora. Pois sabes o que che digo?
Que eu vou deica Belén
a ver o que o Anxo dixo
e vós folgazáns tamén,
[sacudindo neles]
veña, veña, hai que
erguerse
que hai un neno nun
presebe
porque non ten outro
berce.
Pastor 1. Por que non vas ti soa
e
nolo contas á volta
e traes tamén gominolas?
Pastor 2. E pipas e coca-cola!
Pastora. E chamádesvos pastores?
naceu o Año do ceo
humilde e pobre moi
preto
e vós de consumidores!
Pastor 1. Scht,
calade un pouco! Escoitade!
Pastora. Sentiches por fin o anxo?
Pastor 1. Sinto un chorar miudiño
que pode ser dun meniño
Pastor 2. Algo
pasou tes razón
porque me entrou un
formigo
moi doce no corazón.
Pastor 1. Imos ver e non baleiros
porque o mirar non
mantén.
Pastor 2. O caso era dar con el.
Anxo 2. Vivide canda a min
e levareivos alí.
ESCENA SEXTA
Lavandeira1. Por máis que frego e
restrego
este branco
segue negro.
Lavandeira 2. E logo que xabón usas?
Lavandeira 1. Pedra e pao para as saias,
pao e pedra
para as blusas.
Lavandeira 3. Ai Ai, pobre de min,
moito me doen
os cadrís.
Lavandeira 4. Con quen te queres quedar?
Inda acabas
de empezar
e xa te estás
a laiar?
Anxo 2. Mumulleres vivivi...
Lavandeira 2. Non viches nunca muller?
Anxo 2. Vivivide adorar
o Neneno que recén
nanaceu aló en Belén
e vailala lalala.
Lavandeira 3. Dis un meniño que baila?
ha estar
medrado abofé!
Lavandeira 4. Deixa acabar de falar
se te queres
enterar.
Anxo 2. Vivivide adorar o Neniño
que de parte dedede Deus veu
lavar oooo mal deste mundo.
Lavandeira 1. Si, falta tiñamos diso
que haber
haiche moito lixo.
Lavandeira 2. E principiando por ti,
porque peor
non a vin.
Lavandeira 1. Anda que ti meiga verde,
malapécora
doente,
ponzoñas como
a alacrán.
Anxo 2. Non pepepepelexedes
que toda a terra é país
e en todos hai que
rañar,
pepepero vén salvar
a totototoda a xente.
Todos. Ó noso salvador
imos adorar.
ESCENA SÉTIMA
(No portal)
Pastora. Saúde Xosé e María,
saúde neno Xesús,
moitiñas gracias
moitiñas
por vires darnos a luz.
Lavandeira 3. Eu non che arrendo a
ganancia,
meu neniño
salvador,
se tes que
lavar o mundo
de tanto mal
pecador.
Mal o pasarás
meu rulo,
difícil o tes
amor,
hoxe pareces
marulo,
mañá na cruz
perdedor.
Lavandeira 4. E despois dese mal trago,
irmán
resucitador.
Graciñas,
conta comigo
conta connosco
Señor.
Pastor 2 Bendito o Deus que te manda,
bendita a mai que te
deu,
bendita esta noite
santa,
benditos tódolos teus.
Lavandeira 2. Moito me dá que pensar
ver a Deus
tan indefenso
el será que
nos precisa
anque sexa
tan inmenso?
Hoxe douche
un biquiño
na túa cara
de mel.
Mañá
valéndolles ós pobres
heicho dar a
ti tamén.
Pastor 1. Xesucristo en ti confío,
o Deus humilde entre nós.
Conta comigo
pra sempre,
ti serás o
meu pastor.
Lavandeira 1. Dáme un corazón doído,
compasivo e
xeneroso,
que deixe
fóra os caprichos
e poida
valerlles ós outros.
ESCENA OITAVA
Avó. E naquela noiteboa
o
portal case se atoa.
Nena. Quen me dera estar tamén
de pastora ou lavandeira
aquela noite en Belén,
aquela noite primeira.
Avó. Pois non te engañes netiña,
que ti non tes
desvantaxe
de toda aquela xentiña.
Nena. Explícame esa verdade.
Avó. Non te decatas bonita
que Xesús está presente
sempre e en tódolos días
na xente feble e doente?
Nena. Aínda que sexa moi mala?
Avó. Tamén nesa está pedindo
o ben para remediala.
Nena. Estou que alucino [ como pensando].
Daquela o Nadal...
Non é cousa vella
é sempre actual!
Avó. Así o cre o cristián
e por iso cada ano
non cansa de o celebrar.
Nena. Avó, ti tamén o cres?
Avó. Eu creo con moita fe.
Nena. E a xente que nos ve?
Avó. Pregúntalles como é.
Nena. Ei amigos do Colexio,
credes que o Nadal de
Cristo
tamén é verdade agora?
TODOS. Cremos
Nena. Pois xuntos cantemos
unha panxoliña
a Xesús Deus neno.
Todos. E se vos gustou
a nosa función,
unhas palmadiñas
Comentarios
Publicar un comentario