Ficha e Lectio - Domingo 3. Advento B





LECTIO:

DOMINGO III DE ADVENTO 
(Ciclo B: 14. XII. 2014)

       O próximo domingo é xa o último domingo de Advento, antes da festa entrañábel do Nadal. Xoán Bautista segue hoxe a prepararnos para o noso encontro co Señor do Nadal.
       Diciamos estes días pasados que os profetas son os que removen as inercias e as pasividades de crentes e non crentes. O evanxeo de Xoán alude hoxe ós representantes da que poderiamos chamar, para entendérmonos, a igrexa xerárquica de entón: os sacerdotes e levitas do xudaísmo. Se ve que eles tiñan preocupación, quizais tamén un pouco de molestia, porque algunhas persoas, que non pertencían ó estamento oficial e dirixente do xudaísmo, parecían interferir dalgunha maneira nas súas funcións. Xoán Bautista era sen dúbida o máis importante entre eles. O Bautista non exercía funcións cúlticas, non era sacerdote nin levita. E, a pesar diso, predicaba ó pobo, movía a xente a se arrepentiren e bautizaba ós que se achegaban a el coa auga do Xordán, anunciándolles a próxima chegada do Mesías.
       Desde logo non deixa de ser curioso e algo desconcertante o feito de que Deus Pai, o Pai do noso Señor Xesús Cristo e Pai noso, utilizase para preparar a chegada do seu Fillo onda nós, utilizase –digo- a persoas que estaban máis ben á marxe dos que poderiamos chamar os seus representantes “oficiais”. Porque Xoán Bautista vive no deserto e de forma distinta e tamén bastante distante dos considerados oficialmente relixiosos. Mais Deus é sempre sorprendente. El é meirande cás redes e conceptos cos que inutilmente queremos comprendelo e atrapalo.
       Ante o estraño caso do Bautista, ós sacerdotes e levitas do xudaísmo semella que non lles quedaba outra opción que intentar controlar as cousas e, en primeiro lugar, mandar intermediarios para informárense exactamente de quen era el e de que era o que facía. “Os xudeus mandaron de Xerusalén –dísenos no evanxeo de Xoán- sacerdotes e levitas onda el”, onda o Bautista, para lle facer unha serie de preguntas.
       E resulta que Xoán Bautista -contra o que eles podían sospeitar- lles responde con toda claridade e humildade: que el non é nin o gran profeta Elías que volvera á vida, nin o Cristo-Mesías, nin sequera ten estritamente categoría de “profeta”.
       O Bautista era, si, como se nos di no mesmo evanxeo, “testemuña da luz”. Como a lúa é testemuña, de noite, do sol que está sempre a vir. A lúa non é a “luz”. A lúa non é o “sol”. Pero esa lúa chea, que podemos contemplar regularmente nalgunhas noites, podería dicir de si mesma, coma o Bautista, que é testemuña do Sol. Porque do sol recibe a lúa a súa luz, e co seu resplandor, por limitado que sexa, anuncia que o sol está oculto mais existe e vai nacer dentro de poucas horas co abrente do próximo día.
       A humildade do Bautista é a humildade da lúa, que sabe ben que, se pode iluminar, ese poder non é seu. Ela non fai máis que actuar como voceiro ou reflexo do sol. Ela, a lúa, prepáranos para podermos recibir o sol. Ese sol, ó que non poderemos mirar directamente, porque nos quedariamos cegos, pero que nos posibilitará camiñar sen tropezos, con seguridade, de maneira libre e alegre e creando sempre novos horizontes. O sol é, desde logo, un símil moi axeitado do que Deus é. Coa súa luz, que procede del mesmo, posibilita a vida, a calor e a capacidade de saber onde estamos e onde imos.
       Pero en todo isto coido que hai algo moi importante e que está en relación tamén co evanxeo de hoxe. Vou ver se me aclaro.
       O Bautista di de si mesmo que é “testemuña da luz”. El anuncia e fai presente, á súa maneira, a luz que só pode proceder de Deus. Como dicía, o sol non o podemos ollar directamente, porque a súa luz é excesiva e poderiamos incluso quedarmos cegos. De aquí proveñen as precaucións que debemos tomar para mirar cara ó sol cando queremos observar unha eclipse solar.
       Pois ben, resulta que Deus-Pai vai facer un prodixio incríbel para que o podamos ollar a el sen quedarmos cegos, “sen morrermos”, como se pode ler no Antigo Testamento cando, despois de ter algún profeta ou vidente unha experiencia de Deus por medio dun anxo ou do que fose, se di que tiñan medo de morrer porque viran a Deus. Cal é ese prodixio? O prodixio non é nin máis nin menos que Xesús de Nazaret. Mirando, ollando, presenciando a Xesús estamos a ver realmente a Deus sen quedar cegos, nin morrer. Lembrarédesvos unha vez máis daquilo que dicía Xesús: “quen me ve a min, ve ó Pai”. Polo tanto, se queremos ver a Deus, vexamos, miremos, contemplemos ese Xesús de Nazaret, imaxe viva e perfecta do Pai, que vai nacer no Nadal.
       O Bautista mesmo está a anunciárnolo tamén cando no evanxeo de Xoán se nos di que el, o Bautista, era ”testemuña da luz”. El non é a luz, pero anúncianos a luz. E aquí está, como digo, o incríbel. Porque ¿onde está esa luz divina que se poida ver? Cando os enviados polos xudeus lle fan ó Bautista a última das preguntas, a de por que entón el bautiza se non é nin Elías, nin o profeta nin o Cristo, o Bautista responde: “Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes, do que non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia”.
       É dicir, a luz visíbel de Deus está entre nós, aínda que non a coñezamos. Dado que a luz invisíbel de Deus non pode ser vista, Deus Pai fíxose visíbel, e de maneira verdadeira e perfecta en Xesús. Deus está polo tanto realmente “entre nós”. Agora entendemos por que Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. E por iso nos resulta difícil recoñecelo, porque a Deus con frecuencia o imaxinamos estando onde non está (alá arriba, na estratosfera ou non sei onde). Non. Deus está aquí, con nós ó se facer un de nós e se converter en irmán noso. Agora entendemos tamén por que el, tal e como comentabamos hai algúns días, considerará o que lles fagamos ou deixemos de facer ós nosos irmáns como algo que lle fixemos ou deixamos de facer a el mesmo.
       Neste sentido, podemos, pois, dicir con verdade que así como Xesús é a luz visíbel de Deus Pai, así tamén a luz visíbel de Xesús, máis alá do tempo histórico ou biográfico en que el viviu, son e serán sempre, ó longo da historia humana toda, os pobres, os necesitados, é dicir, os que máis se asemellan a el.

CREDO

PRECES

            Unimos as nosas oracións neste tempo de Advento para lle pedir a Deus Pai que nos aprenda a recoñecer no seu fillo Xesús a face amorosa de Deus e a súa identificación con tódolos necesitados da terra, dicindo. Todos: Escóitanos, Pai.
            Dános, Pai, luz para vermos no teu fillo Xesús a túa presenza misteriosa entre nós. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            Concédenos, Pai, a túa graza para podermos ver e considerar a tódalas persoas do mundo como luz e manifestación visíbel do teu fillo Xesús, que puxo a súa tenda entre nós. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            Fai, Pai, que saibamos ver nos máis pobres e necesitados a presenza entre nós do teu fillo Xesús que se identificou con eles. 
Todos: Escóitanos, Pai.

            PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. 
TODOS: AMÉN.

Manuel Cabada Castro









Comentarios

Publicacións populares