Velaí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo - Lc 1, 26-38

Domingo 4 de Advento - ciclo B



O CAMIÑO DOS POBRES

Ai, meu Deus, meu Deus,
quen me dese espertar cada mañá 
co saúdo do teu anxo,
invitándome á alegría máis completa,
recordándome a túa presenza grande e sa,
que me envolve en abrazo de cariño fiel!  

Quen me dese tamén
sorprenderme e verme sorprendido,
turbado, abraiado, desconcertado,
descubrindo o teu amor gratuíto por min,
aínda que son pouca cousa e pecador,
sen moitas ideas e posibles!

Quen me dese igualmente
que o corazón non me collese dentro
ó ver como ollas e escolles
as persoas e grupos dos pequenos
para introducir no mundo a forza do imposible,
que vai tirando barreiras
e anunciando o día da irmandade!

Quen me dese, meu Deus,
quen me dese verme arrastrado por ti,
por Santa María de Nazaré
e por moitos máis coma ela,
polo camiño dos pobres con espírito,
polo camiño dos pobres unidos e confiados,
polo camiño dos verdadeiros creadores de porvir!

Quen me dese! Pero. .. Imitando a María,
fiado no poder do teu Espírito,
que ti repartes gratuitamente, proclamo:
Velaquí a escrava do Señor,
cúmprase en min o que ti queiras.





Comentarios

Publicacións populares