28 dic. 2014

Ditosos os que temen ó Señor e van polos seus camiños - Salmo 127

Festa da Sagrada Familia


NOS CAMIÑOS DO AMOR

Pronunciar o teu nome a cada hora,
Erguer a alma e recordarte a feito,
saudarte no amencer de toda aurora,
sentirte docemente no meu peito,
ser un contigo, sempre, como agora,
sen dubidar, sen ánimo tolleito:
ti para min, eu para ti, querida,
conforto e luz, apoio e forza: vida.

Dicirlle non ós medos que nos atan,
abrirlle as portas ao amor que nos libera,
matar con paz aquilo que nos mata
e deixar que floreza a primavera
nos nosos corazóns, nos que Deus cata
o doce mel que neles el vertera:
un para o outro, os dous para Deus,
querida, no pobo dando e recibindo vida.

Con tempos para o amor e para a tenrura,
con horas de vagar gustando arreo
o gozo dos teus bicos e a quentura,
que sabe a pan recente, do teu seo;
vencendo a dor dos intres en apuro,
vivir en corpo e terra xa no ceo:
fundirnos un no outro, a!, querida,
aperta fonda e fondo no de vida.

Na escola dun amor que nos constrúa
aos dous en berce e soños de irmandade,
o amor será en nós amor que flúa,
corrente con relanzos de orfandade,
bebendo a luz de Deus, cal do sol lúa
que aluma e dá sabor de claridades:
santiña, meu amor, miña querida,
raiola do amencer, pomba de vida.



No hay comentarios:

Publicar un comentario