Domingo 3 de Advento - ciclo B
3º DOMINGO DE ADVENTO - CICLO B - LECTURAS
Primeira
Lectura Is 61, 1-2a. 10-11
LECTURA DO LIBRO
DO PROFETA ISAÍAS
Alegrareime con
grande gozo no Señor
O
Espírito do Señor, Deus, está sobre min, porque o Señor me unxiu.
Mandoume
anunciar a boa nova aos pobres, curar os de corazón esnaquizado,
proclamarlles aos
cativos o indulto e aos presos a liberación,
e promulgar un ano
de graza do Señor e o día do rescate do
noso Deus.
Exulto
ledicioso no Señor,
e a miña alma
relouca no meu Deus,
por me vestir con
roupas de salvación
e me envolver co
manto da xustiza,
coma noivo cinguido
con coroa,
coma noiva que se
adorna coas súas xoias.
Pois,
como a terra fai saír os seus gromos,
e como un horto fai
brotar as súas sementeiras,
así o Señor fará
brotar a xustiza,
e a loanza ante
todos os pobos.
Palabra do Señor R/ Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL
Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54
R/. (Is 61, 10b): A
miña alma exultará no Señor, meu Deus.
Proclama a miña
alma a grandeza do Señor,
alégraseme o espírito
en Deus, o meu Salvador.
Porque reparou na
humillación da súa escrava.
Desde agora
chamaranme ditosa
todas as xeracións,
porque fixo
marabillas
en min o Poderoso;
o seu nome é Santo.
A súa misericordia
chega
xeración tras xeración
a todos os que o
temen.
Os famentos
encheunos de bens,
e os ricos
despediunos baleiros.
Amparou a Israel, o
seu servo,
lembrándose da súa
misericordia.
Segunda
Lectura 1 Tes 5, 16-24
LECTURA DA
PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO AOS
TESALONICENSES
Gardade a vosa
vida, o voso espírito, o voso corpo para a chegada do Señor
Irmáns:
Estade
sempre alegres. Orade constantemente. Dade grazas en todas as ocasións: que isto é o que Deus
quere de vós como cristiáns.
Non
apaguedes o Espírito; non desprecedes as palabras inspiradas.
Examinádeo
todo e agarrádevos ao que é bo.
Afastádevos
de toda especie de mal.
Que
o Deus da paz vos santifique totalmente: que todo o voso ser ‑espírito, alma e
corpo‑ se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo.
Pois
o que vos chama é fiel, hao facer.
Palabra do Señor R/ Grazas a Deus
ALELUIA Is 61, 1 (Cit. en Lc 4,
18)
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor
está sobre min:
mandoume anunciar a
boa nova aos pobres.
Aleluia.
Evanxeo Xn 1, 6-8. 19-28
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No medio de vós
está aquel a quen non coñecedes
Houbo
un home mandado por Deus: o seu nome era Xoán.
Este veu de
testemuña para dar testemuño da luz,
para que todos
cresen por el.
Non
era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
E
este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes
e levitas onda el, para lle preguntar:
‑
Ti quen es?
El
declarou e non negou. Declarou:
‑
Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
‑
Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
‑
Non son.
‑
Es o profeta?
Respondeu:
‑
Non.
Daquela
dixéronlle:
‑
E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos
mandaron. Que dis de ti mesmo?
El
dicía:
‑
Eu son a voz do que clama no deserto, "endereitade o camiño do Señor"
como escribira o profeta Isaías.
Algúns
dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
‑
Entón, por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán
respondeulles:
‑
Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; o que vén
detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.
Todo
isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
TOMADO DE : http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
SINAL DE ADVENTO:
Continuamos engadindo
elementos ao noso sinal de Advento. Desta volta son tres as follas de carballo,
coa súa chama acendida no medio, as que colocamos sobre o panel.
ESCOITA ACTIVA
Vivimos un momento de pesimismo e sensación de derrota. Aqueles nos que
confiabamos fóronnos decepcionado: os políticos menten e corrómpense; os
banqueiros engánannos e sácannos os cartos; na Igrexa hai curas que abusan e
lle fan dano aos máis pequenos e inocentes; no fútbol os grandes contratos
fannos sentir humillados porque con pouco que fagan gañan todo que, sumados
todos os membros e idade laboral da nosa familia, non somos capaces de gañar en
trinta anos. É logo….,as cousas só son así? Non haberá raiola de luz nin de
esperanza ningunha?
Se a nosa análise fose só superficial teriamos que dicir que si; pero se
afondamos un pouco, seguro que somos capaces de descubrir políticos honestos e
traballadores –os que nunca saen nos telexornais-, traballadores de banco que
cumpren co seu horario e tentan servir aos seus clientes; curas que sen
facer cousas espectaculares, intentan estar ao lado de que sufre, axudar a quen
non ten ou visitar a quen está enfermo; mesmo hai xente nova que cada semana
xoga a fútbol porque lle gusta e divirte.
Todo isto dinos que hai outra foto da nosa sociedade. Claro que é unha foto
que non está no foco da noticia nin no horario estelar de emisión das grandes
cadeas. Si, hai esperanza, hai vida, hai moitas vidas dándose para levar
agarimo, paz, acollida e solidariedade a quen a necesite. Unámonos tamén nós a
esta xeira, aparentemente invisible nos medios espectáculo, e fagamos da vida
unha experiencia de compartir sorrisos e esperanzas.
Que o tempo de Advento sexa a nosa liña de saída nesta carreira por facer visible
a esperanza, que a hai, ao noso redor, e de unirnos nós tamén a ela!
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Porque nos deixamos guiar polo balbordo
dos que fan barullo e pensamos que xa non hai nada que facer, SEÑOR, QUE
SAIAMOS DO DERROTISMO.
· Porque nos deixamos guiar polo que vemos
de mal ao noso redor, e non poñemos forzas nin medios para non caer nel, CRISTO,
QUE SAIAMOS DO DERROTISMO.
· Porque nos deixamos guiar polas
primeiras impresións e acabamos xulgando sen coñecer, SEÑOR, QUE
SAIAMOS DO DERROTISMO.
PALABRA ENRAIZADA
· Gústame a primeira lectura que acabamos
de escoitar porque nos axuda a darnos conta de que a realidade non é só aquela
que nos contan de xeito insistente as televisións, as radios ou os xornais.
Non. Detrás de todo iso que escoitamos e lemos, hai unha vida moito máis grande
e profunda, composta polo esforzo, o traballo, as gañas de facer ben as cousas,
a sensibilidade para achegarse aos máis necesitados…. de moita xente. Persoas
que, de xeito individual ou organizadas colectivamente, van facendo posible que
xurdan novos gromos das moitas sementeiras feitas. Os que sementan en Cáritas,
o Banco de Alimentos, os Médicos sen Fronteiras, os que se agrupan para poñer a
súa arte ao servizo de causas xustas e solidarias, os... Poderiamos seguir
dicindo cousas que se fan no nome da esperanza, dunha sociedade mellor, duns
veciños para que gocen nas súas parroquias das actividades de lecer que outros
lles ofrecen. Xente nova e non tan nova que sementa esperanza máis alá do foco
ao que sempre apuntan –e de tanto facelo xa cansa– os medios de comunicación.
Isto novo é o que tamén hoxe está a xurdir e a crecer, e inda que aos poderosos
ou os que queren influír para que pensemos todos o mesmo, non lle interesa,
existe a está aí, non lonxe de nós, senón ao noso lado. Parádevos a pensar
canta xente está ao voso redor comprometida e implicada en grupos, en
institucións que teñen como cometido non o seu propio interese, senón facer
agromar un sorriso na vida, tan e tantas veces dura, das persoas. A isto nos
invita o texto de Isaías: a saír de nós mesmos, a mirar máis lonxe do noso e
dos nosos, a deixarnos enchoupar pola presenza e a forza do Espírito que, igual
que no tempo do profeta, tamén hoxe está sobre nós para que levemos a boa nova
aos pobres, para curar os corazóns magoados, para alegrarnos e alegrarlles a
súa vida. E o tempo de Advento quere ser un vieiro a abrir para que poida ir
pasando por nós esta xeira de esperanza.
· É este o gozo polo que exulta, se aleda,
e brinca a alma -o noso ser, a nosa dignidade, o noso espírito- tal e como nos
di o Salmo que rezamos entre unha e outra lectura. Unha ledicia que se
manifesta cada vez que nos achegamos aos pobres, cada vez que somos capaces de
deixar de facer caridade para facer compromiso e transformación social, cada vez
que non calamos diante das inxustizas, os enganos, as medias verdades, os
abusos ou as mentiras que nos contan para aproveitarse de nós. Non son todos, é
verdade, pero os que son, canto mal fan a cantos si o fan ben! Que as xeracións
vindeiras nunca poidan dicir que os enganamos deixándolles un mundo máis
triste, desigual, corrupto e baseado no engano e a mentira; un mundo máis pobre
e empobrecido. Se calamos acabarán triunfando os de sempre. Se actuamos,
evitamos que se siga crecendo nesta mentira á vez que lles estaremos abrindo
novos carreiros de xustiza e humanización aos nosos fillos, netos, sobriños ou
veciños. O Señor, que encheu de bens aos famentos, mandou baleiros aos ricos e
poderosos… porque eles non poden ser os triunfadores, esperte neste Advento en
nós a forza para non quedar nin quietos nin durmidos. É tempo de espertar, non
de consumir, non de gastar, senón de actuar buscando que os de sempre non sexan
os vencedores. Outro Nadal é posible se facemos do Advento unha experiencia de
conversión e cambio!.
· Así, nesta actitude é na que nos debera
atopar Xesús cando chegue. Non importa se hai moitas luces de cores nin moitos
produtos de rebaixa.O que importa é que nos atope co corazón cambiado e
disposto, desde a alegría, tal e como nos di Paulo, dando testemuño de ser luz
para endereitar o camiño que leva a Deus. Sexamos, como nos di Xoán, voz que
clame contra canto fai ás persoas infelices por tratalas como cousas, como
números, como datos ou como estatísticas.
FRATERNIDADE ORANTE
O Deus que nos invita a ter o camiño preparado para cando chegue,invítanos
agora a compartir a oración, o que facemos dicindo xuntos:
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
· Pola igrexa, para que aproveite toda
ela, pero especialmente os que toman as decisións, para converterse do seu
pecado de non estar ao servizo dos máis débiles e necesitados, OREMOS.
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA
CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
· Polas nosas parroquias, para que non
volvamos nunca a vista ante as inxustizas, os malos tratos ou os abusos que
poidamos coñecer, sabendo que a súa denuncia é sempre o mellor servizo que
podemos facer á causa de Xesús, OREMOS.
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
· Por cada un de nós, para que este tempo
de Advento reavive no noso interior o convencemento de que moitas veces os
nosos comportamentos se afastan do Evanxeo e así nos esforcemos en poñelos ao
servizo non dos que teñen poder, senón dos humildes e sinxelos, OREMOS.
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
Grazas, Señor, por deixar que non durmamos ante un mundo cada vez máis
entristecido pola mentira e o abuso dos máis pequenos e débiles. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
PARA CAMIÑAR NA LEDICIA DO ADVENTO
Se falas
por teléfono, faino con alegría.
Quen está no outro lado da liña descubrirá a
alegría da fe.
Se tes
que corrixir a alguén, faino con alegría.
Conséguese máis con mel que con fel.
No teu
traballo, procura poñer o esforzo do sorriso.
Quen te vexa descubrirá que a ledicia de
Deus vai contigo.
Na
dificultade e no sufrimento, non perdas nunca a esperanza.
Leva ilusión e agarimo alí onde hai dor.
Inda que
por dentro chores, leva sempre un bo xesto no teu rostro.
Hai xente que ante as bágoas dos outros é
capaz de achegarse; pero outra xente, pola contra, rise delas. Non axudemos a
que fagan menos de nós!.
A alegría
debe ser a linguaxe normal e habitual dos cristiáns.
Xesús, en tódalas circunstancias, buscou o
ben dos demais.
O Advento
afina as cordas da alma.
Prepárate coa Palabra de Deus, coa oración
comunitaria do domingo, co sacramento da misericordia que Deus pon ao noso
dispor, e... por dentro sentirás a harmonía que Deus pon no teu corazón.
(A partir
dun texto de Cáritas, ADVENTO 2014 p. 75 )
CANTO GOZOSO
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario