Domingo Sagrada Familia

SANTA FAMILIA DE XESÚS, MARÍA E XOSÉ


PRIMEIRA Sir 3, 3-7. 14-17a (gr. 2-6. 12-14)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Quen teme ó Señor honra ós pais

O Señor honrou ó pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.

Quen honra a seu pai redime as culpas.
Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.

Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.

O que respecta ó pai terá vida longa
e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai

Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.

Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.

O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer coma compensación do pecado;




SALMO RESP. Sal 127, 1-2. 3. 4-5.
R/ (cf 1): Ditosos os que temen ó Señor e van polos seus camiños.

Ditosos os que temen ó Señor
e van polos seus camiños.
Cando comes do froito das túas mans,
ditoso ti e afortunado.

A túa muller é coma parra fecunda
no medio da túa casa.
Os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así é bendito
quen teme ó Señor.
Bendígate o Señor desde Sión,
que vexas na prosperidade a Xerusalén
tódolos días da túa vida,

Palabra do Señor                                T/ Grazas a Deus





SEGUNDA Col 3, 12-21
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO ÓS COLOSENSES
Vida familiar na presencia do Señor

Irmáns e rmás:

Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de
misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns
ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou,
perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo
que todo o une e leva a perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa
que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.

Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e
alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento
cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. E todo canto fagades, de
palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai
por medio del.

Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. Homes,
amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.

Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor.
Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados.


Palabra do Señor                                T/ Grazas a Deus




ALELUIA Col 3, 15a. 16a

Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns;

que a palabra de Cristo habite abondosamente en vós




EVANXEO

Lc 2, 22-40 (longo)
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
O neno medraba, cheo de sabedoría

Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron Xesús a
Xerusalén, para llo presentaren ó Señor (pois así está escrito na Lei do Señor: Todo
varón primoxénito consagraredes ó Señor), e tamén para faceren unha ofrenda ,
conforme se di na Lei do Señor: Un par de rulas ou dous pombiños.

Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que
agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, tíñalle
prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.

Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para
cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus
dicindo:

-Agora podes, Señor, segundo a túa promesa,
despedir en paz o teu servo,
porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,
o que preparaches para tódolos pobos:
luz de revelación para os xentís
e gloria do teu pobo Israel.

O pai e maila nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno.
Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:

-Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser
bandeira de discusión; e a ti mesma unha espada hache atravesa-la alma: así ficarán
descubertas as cavilacións de moitos corazóns.

Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer,
que vivira sete anos co seu marido desde que casara, e logo como viúva ata os oitenta
e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xexún e
oracións. Presen-tándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno
a tódolos que esperaban a redención de Xerusalén.

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de
Nazaret. O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a gracia de Deus estaba con
el.


Ou máis breve: Lc 2, 22. 39-40
Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron Xesús a
Xerusalén, para llo presentaren ó Señor

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de
Nazaret. O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a gracia de Deus estaba con
el.

L/ Palabra do Señor                                    T/ Loámoste, Cristo




GOCEMOS DO NOSO SER FAMILIA DESDE O AGARIMO E A TENRURA DUNHA IGREXA QUE QUERE SER NAI E NON MADRASTA


ESCOITA ACTIVA
                O nacemento de Xesús que celebrabamos hai uns día lémbranos a tod@s cales son as nosas raíces e a nosa identidade. Non nacemos por xeración espontánea nin por arte de maxia, senón que nacemos no seo dunha familia, e somos froito do amor. Non do amor pulsión e instinto, senón do amor tenrura, agarimo e xenerosidade; o amor do que Xesús nos deu testemuño desde a súa familia de Nazaret.
          Cando por fin a Igrexa está decidida, máis alá das presión e atrancos dos grupos máis conservadores, a ser verdadeiramente nai; non ao xeito dunha formulación teolóxica, senón desde a súa capacidade para abrir as portas e acoller, escoitar e acubillar, celebremos con gozo a alegría do evanxeo que nos di que, máis alá das diferenzas físicas, o que fai familia é a capacidade de querer e camiñar xunt@s.
Que a celebración que agora comezamos sexa unha verdadeira experiencia de agradecemento e oración compartida a quen quixo ser familia nacendo coma un de nós.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque non sempre somos capaces de valorar o esforzo dos que comparten con nós ser familia, SEÑOR, TERMA SEMPRE DE NÓS.
·         Porque ás veces esquecemos que a familia non é unha pensión, senón un encontro de cariño, respecto e xenerosidade, CRISTO, TERMA SEMPRE DE NÓS.
·         Porque nos falta colaboración nas familias e nos sobra tempo perdido en causas e cousas menos importantes, SEÑOR, TERMA SEMPRE DE NÓS.

PALABRA ENRAIZADA
Máis alá das tradicións e costumes, a Palabra de Deus volve invitarnos hoxe a facer un esforzo de interiorización, a mirar cara dentro de cada un de nós para ver cales son as actitudes que nós aportamos ao desenvolvemento cotián das nosas familias. Cando utilizamos esta palabra rapidamente deixamos de pensar en abstracto para facelo desde a concreción da nosa propia experiencia. Tod@s nós temos nacido no seo dunha familia, e tod@s nós tamén temos vivido nela situacións múltiples para o bo e para o malo, o que fai que as actitudes que a Palabra de Deus nos presenta hoxe ao referirse á familia, constitúan unha invitación a revisar se cada un de nós fai o esforzo de vivilas poñéndoas en practica na relación cotiá das nosas familias.

-   Honrar desde a misericordia e a bondade. Inda que agora a moitos lles parece que a familia pasou de moda, e que cadaquén ten que buscarse a vida sen ningún tipo de compromiso, a Palabra de Deus, e con ela a proposta de familia á que se nos invita a vivir aos cristiáns é a que camiña construíndose na honradez, non nos papeis nin nas aparencias. Honrar esixe valorar, recoñecer, prezar e non facer diferenzas entre os que a compoñen. E a honradez ha ir unida a outras dúas actitudes que nos temos que esforzar por poñer en práctica: a misericordia e a bondade. Porque a familia ten que ser unha experiencia de comuñón, de escoita e de dispoñibilidade a comprender e perdoar, e iso só é capaz de entendelo non quen coida que a familia é unha pensión na que se come e durme sen ningún tipo de compromiso por parte de tódolos seus membros; senón quen, coma cristiáns que somos, a vive desde a tarefa de facer dela unha experiencia de xenerosidade solidaria na que tod@s nos sentimos enriquecidos dando o mellor de cada un. Por iso, xunto coa misericordia, estamos chamad@s a facer da nosa relación familiar unha experiencia de comportamento ético, na que a bondade se converte en guieiro sobre a que se van estreitando as relacións entre uns e outros.

-   Respectar, desde a humildade e a sinxeleza. Xunto coa honradez, a familia tamén ten que ir crecendo nunha relación de respecto de uns para cos outros. Un respecto que non se basea en quedar ben externamente, senón que se vai construíndo nunhas relacións onde ninguén se cre con capacidade de impoñer unilateralmente aos demais o que pensa e decide; ao contrario, o respecto  vaise vivindo sabendo escoitarnos uns aos outros con humildade e sinxeleza. Porque nas familias non hai que establecer xerarquías de importancia e imposición. Pluralidade e respecto, é verdade que non son doadas de vivir, pero esta é a tarefa que nos corresponde a cada un de nós para que non fagamos das familias exércitos de imposición e obediencia cega, no canto de berces de diálogo e igualdade.

-   Perseverar desde a tolerancia e o perdón. Esta tarefa non é flor de un día, senón un esforzo continuo de paciencia -que non submisión indiferente- e perseveranza, para ir pouco a pouco estreitando lazos, crecendo en diálogo e poñendo en práctica a tolerancia e o perdón. Si, o perdón. Porque nas familias moitas veces damos por suposto o que non é. Por iso necesitamos aprender a pedirnos perdón cando ferimos, a escoitarnos cando alguén ten algo que manifestar e a tolerarnos sen necesidade de impoñer un único criterio para tod@s, como se a uniformidade fose solución aos problemas cando estes chegan. Non é doado, si, pero se non afrontamos as relacións familiares desde estas actitudes, corremos o risco de educar  no resquemor e na despreocupación cando aqueles que nunca son escoitados e aos que só se lle impoñen cargas, se vexan libres do ollo familiar que todo o pretende ver.

Nesta proposta que nos presenta hoxe a Palabra de Deus, que como vemos está baseada no amor e no cariño, é desde onde temos que ir facendo das nosas familias berces onde sentirnos chamados a mecer e ser acunados. E para isto no hai que facer da familia campo de batalla, pois isto só leva a que compartamos teito, pero non capacidade de diálogo en liberdade.

FRATERNIDADE ORANTE
Recemos xunt@s por tódalas familias, por tódalas maneiras de ser e sentirnos familia, tendo hoxe especialmente presentes as nosas familias. E digamos convencid@s:
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR

*      Para que aprendamos a ser unha Igrexa que se sente familia e crece desde a escoita, o respecto e o diálogo entre cantos nos sentimos parte dela, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR
*      Para que nos esforcemos nas nosas familias por crear espazos de respecto, diálogo e escoita, sen caer na falsa obediencia de quen di si, pero sente todo o contrario, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR
*      Para que cada un de nós venza a tentación de entender a familia como un encontro no que só recibimos, pero sen poñer nada da nosa parte para enriquecela en experiencias de sinxeleza, igualdade e cariño, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR

Grazas, Señor, por lembrarnos unha vez máis que a familia debe ser sempre unha experiencia de ledicia evanxélica onde nos queiramos, escoitemos e axudemos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Chegue aos nosos oídos, aos nosos corazóns, Señor, a alegría do Evanxeo.
Que ninguén na comunidade eclesial poida desentenderse, Señor, 
da misión de ser familias alegres.
Porque todos temos recibido de Ti a vocación ao amor.
Todos estamos chamados a ser testemuñas dun amor novo, 
dunha gran alegría, 
que será o fermento dunha cultura renovada, 
que pasa pola defensa do amor e da vida 
como bens básicos e comúns á humanidade.
Nesta festa da Sagrada Familia, 
pidamos a graza de experimentar 
a alegría do evanxeo da familia 
testemuñando esta alegría nos fogares, na Igrexa e na sociedade, 
de modo particular alí onde 
as diversas pobrezas materiais, sociais ou espirituais 
precisan dun anuncio convincente de esperanza e salvación.

(Da mensaxe dos Bispos españois para o día da Sagrada Familia 2014)


CANTO GOZOSO

ENTRADA:
Amigos nas penas e na festa
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:




POWER POINTS


Comentarios

Publicacións populares