Ficha e Lectio - Domingo 2. Advento B
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO II DE ADVENTO
(Ciclo
B: 7. XII. 2014)
Os profetas do Antigo Testamento eran renovadores das
tradicións e da fe do pobo. Xurdían sobre todo en tempos de crise política e
moral. Xoán Bautista foi un deles. A pesar da súa humildade, sobre todo en relación
co papel que lle estaba reservado a Xesús, o Bautista foi, como o mesmo Xesús
dirá del, o máis grande dos nados de muller.
Nunca debemos esquecer que tanto os profetas como
calquera que, en todo tempo ou lugar, proclame a necesidade de practicar o ben
ou que simplemente faga o ben e se comporte como cómpre na súa vida, todos
eles, están movidos polo espírito de Deus, por Deus mesmo. Deus actúa sempre no
mundo por medio dunha ou doutra persoa. E todos deberiamos aguzar oído, vista e
corazón para escoitar, albiscar ou sentir os sinais que, dunha ou doutra
maneira, nos chegan del a nós por medio de tantas persoas boas. Porque Deus é
sempre o misterioso creador e sorprendente impulsor de todo ben que ocorre na
terra, e moitas veces de maneira inesperada para nós.
Hai xa anos que son coñecidas polos técnicos e mais pola
xente (polo menos de oír de falar delas) unhas que chaman tuneladoras que
realizan un traballo moi complexo, furando debaixo da terra para construíren
con rapidez e comodidade grandes obras, como vías para trens, etc. Hai un par
de anos furaron, como lembraredes, tamén aquí, nas proximidades de Vigo, para o
AVE dúas destas tuneladoras que levaban nomes de dous candorosos animaliños: o
de “Miñoca” e mailo de “Lebre”.
Pois ben, o Bautista era, na dimensión social e relixiosa,
algo así como unha especie de tuneladora, un proclamador e facedor de grandes
obras, no caso del obras morais. Viña sendo como un animador do comportamento
moral das persoas para que o Deus que estaba e está sempre a vir non se atopase
con tantos atrancos no súa vinda onda nós. O Bautista intentou, de maneira
semellante ó que hoxe en día fan os enxeñeiros e obreiros por medio desas
grandes máquinas, achanzar o camiño moral para que, en definitiva, as persoas e
os pobos puidesen vivir en paz e xustiza, unidos e irmandados entre si.
O Advento é, como ben xa sabemos, un tempo dedicado a
preparármonos para a vinda, a chegada de Deus onda nós. A vinda dun Deus, que naturalmente
está desde sempre xa onda nós, pero que quere facerse cada vez máis activo e presente
en todos e cada un de nós. Deus non forza a ninguén a entrar no seu Reino, mais
non deixa por iso de convidarnos a cotío a un encontro cada vez máis estreito
con el.
Cada un de nós poderemos saber, ou polo menos sospeitar,
que tipo de atrancos lle poñemos de feito a Deus para que poida el facerse
verdadeiramente presente nas nosas vidas, no noso comportamento.
En calquera caso, non deberiamos enganarnos. O encontro
paternal e filial de Deus con nós, que se realiza en Xesús, non chegará a se
facer realidade verdadeira mentres non saibamos encontrármonos fraternalmente
con calquera persoa coa que nos atopemos na vida.
Por iso o “preparade o camiño do Señor, endereitade os
seus vieiros” do Bautista vén coincidir de feito co esforzo particular e
comunitario que deberiamos practicar por derrubar barreiras e valados que
entorpezan o camiñar das persoas e dos pobos cara á súa liberdade, cara ó seu
desenvolvemento, xeral e particular, nos eidos cultural, social ou relixioso. Pois
Deus só pode vir onda nós e atoparse a gusto con nós cando vaiamos construíndo,
el con nós e nós con el, un mundo onde haxa xustiza, paz e entendemento mutuo.
Porque, tal como nos di o apóstolo Pedro, na carta da Segunda Lectura que
acabamos de escoitar, “nós, conforme á súa promesa (é dicir, conforme á promesa
de Deus), esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza”.
Cara aí ha de camiñar o noso esforzo, individual e
comunitario. Cara a ese novo ceo e nova terra, que rexeitará como vello todo o
anterior, pero que certamente terá o seu asento na xustiza, no amor e na
igualdade ou fraternidade. Gloriámonos moito e con razón da cantidade de adiantos técnicos que podemos advertir e
admirar durante os poucos anos de vida que podemos vivir. Do mesmo xeito, deberiamos
tamén desexar que os nosos adiantos morais, que tanta relevancia teñen para a
felicidade das persoas e dos pobos, non tivesen un ritmo inferior.
O Bautista chamaba seguramente a atención dos seus
contemporáneos vivindo no deserto, vestindo e comendo pobremente. Por iso viña
tanta xente onda el. Nin ía campado con roupa de marca, nin podía convidar a
ninguén a beber con el un viñiño dunha selecta denominación de orixe. Para
vivir, éralle a el abondo, como nos comenta o evanxelista Marcos, con manterse
“de saltóns e mel bravo”.
Mais non o dubidemos. O Bautista sentíase seguramente
feliz no seu papel de precursor do Señor, na súa tarefa de anunciar e proclamar
o ben, a xustiza e o arrepentimento polos malos comportamentos. El sabía que as
velas da súa barca estaban ben inchadas polo vento do Espírito de Deus e
aturaba así con paciencia e bo ánimo calquera contratempo que puidese xurdir. O
importante para el era saber que o vento de Deus era o que movía e impulsaba a
súa vida ó servizo do que ía vir: do Mesías de Deus, do Deus feito home que se
convertería desde entón e para sempre en irmán maior noso, de tódolos homes e
mulleres da humanidade toda.
Traballemos, pois, todos conxuntamente para que estes
proxectos de Deus se vaian facendo realidade, cada vez máis ampla e intensa, no
noso mundo.
CREDO
PRECES
Xa que debemos orar sempre a Deus e sen
desanimármonos, fagámolo todos xuntos dicindo: Escóitanos, Pai.
-Pola
igrexa, para que reciba o alento evanxelizador da vinda de Cristo.
ROGUEMOS Ó
SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.
-Para que os
dirixentes políticos e as instancias económicas cooperen á chegada do Reino de
Deus rebaixando as montañas de inxustizas erguidas pola cobiza humana e
achanzando os abismos da desigualdade.
ROGUEMOS Ó SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.
-Para que deixemos
a Xesús achegarse onda nós, afastando dos nosos vieiros toda autosuficiencia e
dureza de corazón:
ROGUEMOS Ó SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.
-Para que o
sentido da vida que ofrece a Boa Nova de Xesús encha o baleiro das persoas que
carecen de esperanza:
ROGUEMOS Ó SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.
PEDÍMOSCHO,
Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario