Ficha e lectio - Natividade do Señor B






LECTIO:

FESTIVIDADE DO NADAL 
(Ciclo B: 25.XII.2014)

            Hoxe está de aniversario aquel a quen seguimos os cristiáns: Xesús, o Cristo, o Fillo benquerido de Deus e irmán noso. Temos, pois, que felicitalo e agradecerllo. Cumpre anos, moitos. Día máis ou día menos, 2014 anos. Porque morrer, o que se di morrer, nunca morreu. De modo que segue a vivir. El dicía que era a Vida. ¿Como podería morrer a Vida? Imposíbel. E se segundo as nosas categorías ou o noso modo normal de pensar morreu, en realidade habería que dicir máis ben que o mataron, non que morreu. E foi, morrendo desa maneira, como se converteu en vida para sempre, para el e para todos. Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque morrer, o que se di morrer, tampouco nós morreremos, se é que de verdade cremos nese Neno de Belén que naceu hoxe hai 2014 anos.
            É curioso. Parece que na festa de Nadal non habería que falar de morte ou cosas desagradables como esa, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida. E, con todo, a liturxia deste día faino, polo menos indirectamente, cando despois da comuñón se di na oración final o seguinte: “O Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que El nos conceda tamén o don da inmortalidade”.
            Isto quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada para sempre na nosa natureza mortal algo así como a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó poñer con Xesús a súa tenda entre nós, como nos di Xoán, ó se converter nun de nós, ó se unir en Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais... Estas son as marabillas de Deus, porque –como lle comunicaba o Anxo da Anunciación  a María- “para Deus non hai imposibles”.
            Claro que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós, queirámolo ou non. Non. Esta participación na divindade de Xesús, que se fai hoxe en Belén irmán noso e que nos converte en inmortais, é un labor noso de cada día, que terá certamente unha boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús e non deixamos de pedirllo a Deus. De feito, acabamos de pedirllo na primeira oración da Eucaristía desta festa de Nadal cando nela diciamos: “Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade”.
            Agora ben, ¿que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de Deus?
            Pois significa algo que en si mesmo non deixa de ser verdadeiramente paradoxal. A ver se me explico. Cando Deus se fai home en Xesús, isto quere dicir que temos aí diante, no Neno Xesús, a un Deus humanizado. En consecuencia, participar na divindade de Xesús é participar nesa divindade humanizada. Iso significa que se queremos ser verdadeiramente divinos (e deberiamos querelo) temos que ser verdadeiramente humanos. E, desde logo, non debe de ser moi doado iso de convertérmonos e sermos verdadeiramente humanos cando Deus tivo que se facer el mesmo home para aprendernos a nós a sérmolo de verdade.
            Porque sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos ós demais, querer e amar a todos, sobre todo ós que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper coas desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos que sofren e alegrarse cos que se alegran, e moitas máis cousas que se poderían engadir aquí e que todos ben sabedes.
            Todo isto está incluído na mensaxe, incríbel e universal, do Nadal.
            ¿E como andan as cousas da nosa sociedade despois de tantos anos da vinda humana e humanizadora de Deus onda nós? Non fai falla argumentar moito para decatármonos de que queda aínda moito por facer para que o Deus humanizado do Nadal sexa realmente un Deus “Emmanuel”, un “Deus connosco”. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade deben mellorar aínda moito máis para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa en nós ó seu cumprimento.
            Dunha sociedade poderase dicir que está sa, cando, á semellanza do que se nos anuncia no Nadal, hai nela fe e ilusión no futuro, porque os nenos (coma o Neno Xesús) son precisamente ese futuro que vai vir.
   Unha sociedade está sa, cando os matrimonios poden ter fe e esperanza no seu futuro e no dos seus fillos; cando os nenos bulen polas rúas e hai moitos máis rapaces e mozos que xente coma min ou algúns de vós, xa bastante eivados polos anos; cando son moitos máis os que nacen que os que nos deixan.
   Unha sociedade está sa, cando hai máis alegría, ilusión e traballo en común que tristura o odio por non atoparmos lugar nela.
   Unha sociedade está sa, cando estranxeiros, inmigrantes e pobres de calquera xénero que sexan son aceptados como irmáns e “pequenos deuses”.
   Unha sociedade está sa, cando tódolos membros dela son respectados nos seus dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos.
   Unha sociedade está sa, cando as persoas se senten orgullosos da súa cultura e da súa lingua e non, como diría Rosalía, como “estranxeiros na súa patria”.
   Unha sociedade está sa, cando inviste máis en educación que noutras cousas aparentemente máis importantes.
   Unha sociedade está sa, cando se amosa sensíbel para calquera palabra de Deus que poida nacer nela, como o Xesús de Belén, palabra total e definitiva de Deus.
   Unha sociedade está sa, cando é capaz de celebrar agradecida a festa de Nadal.

            Celebrémola, pois, nós hoxe agradecidos e sentíndonos unidos a toda a humanidade, toda ela destinataria da Palabra que Deus Pai lle dirixe ó mundo no Nadal.

FELIZ NADAL!!!

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2014/12/25-de-decembro-nacemento-do-senor.html

Comentarios

Publicacións populares