Domingo 4 de Advento B

4º DOMINGO DE ADVENTO  -  CICLO B


Primeira Lectura         2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16
LECTURA DO SEGUNDO LIBRO DE SAMUEL
O reino de David permanecerá para sempre diante do Señor
  
Despois que o rei David se instalara na súa casa e que o Señor lle dera a paz cos seus inimigos do arredor, díxolle o rei ao profeta Natán:
‑ "Repara que eu estou habitando nunha casa de cedro, mentres a arca do Señor habita nunha tenda".
Natán respondeulle ao rei:
‑ "Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo".
Pero, aquela mesma noite, veulle a Natán esta palabra do Señor:
-          "Vai e dille ao meu servo David: Isto di o Señor: Vasme edificar ti unha casa para que eu habite nela?
Eu saqueite dos pasteiros, de detrás dos rabaños, para que foses o xefe do meu pobo Israel; estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus inimigos diante de ti. Eu dareiche un nome tan sonado coma o nome dos grandes da terra.
Eu vou destinar un lugar para o meu pobo Israel e vou plantalo alí, para que viva nel sen sobresaltos, sen que os fillos da iniquidade volvan asoballalo, como noutrora, no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Eu dareiche a paz cos teus inimigos todos e, ademais, o Señor anúnciache que el che dará unha dinastía.
Cando se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. Eu serei para el un pai e el será para min un fillo.
A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presenza para sempre, o teu trono manterase firme eternamente".

     Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
           
                                                                                                                                 

SALMO RESPONSORIAL           Sal  88, 2-3. 4-5. 27 e 29
 R/. (cf. 2a): Cantarei eternamente a misericordia do Señor.

Quero cantar por sempre o amor do Señor,
pregoar polas xeracións a súa fidelidade:
"Penso que o teu amor está fundado co mundo,
a túa fidelidade asentada cos ceos".

Co meu elixido asino unha alianza,
ó meu servo David fágolle un xuramento:
"Afincarei a túa liñaxe para sempre,
construireiche un trono duradeiro".

El dirame: "Ti es meu pai,
meu Deus, rocha da miña salvación.
Gardareille o meu amor eternamente
e a miña alianza con el será leal.


Segunda Lectura             Rm 16, 25-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS  ROMANOS
O misterio escondido desde sempre, agora manifestouse
  
Irmáns:
A aquel que é potente para vos afiunzar no meu Evanxeo e no anuncio de Xesús Cristo, conforme a revelación do misterio escondido durante tempos eternos, pero manifestado agora polas Escrituras proféticas, e por disposición do Deus eterno dado a coñecer a todas as nacións para as levar á obediencia da fe, a Deus, o único sabio, por medio de Xesús Cristo, sexa a gloria para sempre. Amén.

   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



ALELUIA     Lc 1, 38 
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Velaquí a escrava do Señor,
cúmprase en min o que dixeches.
Aleluia.



Evanxeo          
Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Velaí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo
  
Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
‑ Alégrate, chea de graza , o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
‑ Non teñas medo, María, porque acadaches graza  ante Deus. Velaí que vas concibir no teu ventre e dar á luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
Díxolle María ao anxo:
‑ Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
O anxo respondeulle:
‑ O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
Entón María dixo:
‑ Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
E o anxo marchou de onda ela.
                                                                                                                                            
  Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo


QUE GOZO PODER CANTAR A MISERICORDIA DO SEÑOR, E FACER DELA UNHA DAS ACTITUDES DO NOSO ACTUAR!  4º Advento - 2014
SINAL DE ADVENTO
Incorporamos as catro últimas follas de carballo ao taboleiro. E se non o temos feito, explicamos o sentido que lle quixemos dar á utilización deste sinal ao longo do Advento: a esperanza está ás portas, unha esperanza que ha vivirse e testemuñarse na realidade cotiá de cada un/ha dos que nos chamamos cristiáns. Non hai esperanza sen inculturación, a fe nunca pode ser allea á lingua, preocupacións e raíces dos que a profesamos. Esta é a razón da utilización da folla de carballo. Por último, tamén debemos entender/explicar que esa esperanza está sempre nutrida pola forza do Espírito –a luz amarela no interior da folla-. Camiñemos logo co corazón preparado a acoller ao neno que chega! 

ESCOITA ACTIVA
Xoán e María volveron ser no Advento as referencias que nos van traendo a Xesús. Cada un de xeito diferente; pero os dous a través da súa experiencia de vida. O si de María e a acollida de Xoán son para nós testemuñas do que ha ser a vida de cada un/ha de nós. Se non somos capaces, ou mellor, se non estamos dispostos a acoller a Xesús tal e como chega: nos excluídos, nos empobrecidos, nos enganados, nos fracasados e desilusionados coa Igrexa, coa política, coa economía, cos amigos... non podemos dicir que estamos preparados para acollelo a El. Xoán e María entenderon e deron un paso cara adiante. Fagamos nós o mesmo e gocemos da presenza de Xesús en nós!. 

CORAZÓN MISERICORDIOSO
-Pola nosa teimosía para superar prexuízos respecto a Deus e aos demais, 
SEÑOR, ALÉNTANOS NO ESFORZO POR CAMBIAR.
-Por non deixar que o corazón se abra a recoñecer os nosos erros e equivocacións, 
CRISTO, ALÉNTANOS NO ESFORZO POR CAMBIAR.
-Porque seguimos tendo moito medo e pouca confianza en Ti, 
SEÑOR,ALÉNTANOS NO ESFORZO POR CAMBIAR.
PALABRA ENRAIZADA
Ao longo de todo o A.T., Deus Pai aparece como Aquel que sempre vai termando do pobo. Verbos como acompañar, preocupar, acubillar, estar... aparecen sempre para poñer de manifesto cal é actitude de Deus respecto do seu Pobo. A diferenza dos deuses dos pobos veciños, o Deus de Israel non os deixa solos, non lles falla nin practica con eles o masoquismo de facelos sufrir. Deus, coma Pai, está sempre pendente e termando do pobo... Mesmo cando o pobo se afasta del e lle da as costas, El permanece á espera. Samuel danos a razón desta actitude ao poñer en boca de Deus a permanente disposición a non afastarse do seu pobo, mesmo cando o pobo fai oídos xordos ao seu compromiso de gardar a Alianza –“saqueite dos pasteiros. Estiven contigo en todo o que emprendiches”-. Algo así pasa tamén hoxe con nós: esperamos que chegue Xesús, falamos de Nadal, mesmo podemos adornar as nosas casas con motivos referentes a este tempo, pero no importante, nos nosos corazóns, pásanos como lle pasaba a Israel. Tamén nós lle damos as costas, o afastamos da nosa vida, prescindimos del no profundo das decisións que temos que tomar. Rapidamente esquecemos que El está, e que a súa presenza lémbranos que actitudes fundamentais como son a honestidade, a verdade, a responsabilidade, a acollida, o respecto aos demais... actitudes que para un crente deberan estar sempre en relación coas exixencias de seguimento e fidelidade ao Deus no que manifestamos crer. Deixemos logo que Xesús volva ao noso corazón non como algo externo e superficial, senón para transformalo. Pero para iso necesitamos unha cousa: deixarnos. Seremos capaces de facelo? As misericordias do Señor non son palabras bonitas, senón deixar que actúe en nós para que coa súa presenza e a nosa liberdade lle vaiamos dando outro rumbo á nosa vida. 

Porque as súas misericordias temos que ilas facendo realidade nós co xeito de vivir, necesitamos ir construíndo espazos e experiencias de encontro, de colaboración, de convivencia fraterna alí onde esteamos, coas persoas que están ao noso redor. A fe non é unha experiencia para gardar individualmente, senón que é sempre chamada a encontrase, escoitar, tender pontes, unir mans para facer proxectos de cambio e transformación que fagan ás persoas máis felices e xustas. Nesta tarefa non estamos nunca solos. Os que nos sentimos tocados pola persoa e a mensaxe de Xesús sabemos ir experimentando e descubrindo como vai movendo o corazón, e como nos vai levando a superar intolerancias, prexuízos ou afáns de vinganza; o que nos fai sentir pequenos, necesitados e sempre en actitude de aprender o que outros nos poidan dicir; de deixarnos corrixir, de superar teimosías que tanto dano, cando pensamos nelas, nos fan. O que nos axuda a descubrir que a fe é universal e non se pecha nin nos nosos nin tampouco ten como única forma de ver as cousas a dos que pensan coma nós. Aprendamos logo desta palabra que nos invita a transformar o corazón e fagamos do Advento tempo no que, estando atentos aos sinais dos tempos, nos esforcemos por achegarnos e tender a man a quen pensa distinto, fala outra lingua ou non lle reza ao mesmo Deus ca nós.

E, como María, deixemos que a alegría vaia enchoupando a nosa vida –o Papa Francisco vén de dicilo na exhortación “A ledicia do Evanxeo”– e que os medos, os complexos e as limitacións non nos fagan sentir menos cós demais, senón dispostos a saír e buscar quen nos poida axudar botándonos unha man, buscando tempo para escoitarnos ou acompañándonos co seu silencio respectuoso pero sempre activo. Tamén para nós chegou a graza, e o mesmo que lle ocorreu a María, estamos chamados a facerllo saber aos demais. A forza do Espírito vainos alentar neste camiño. Adiante! 


FRATERNIDADE ORANTE
Señor, presentámosche a oración comunitaria coa confianza de que non só a escoitas, senón sabendo que a transformas en esperanza para a nosa vida. Por iso dicimos xuntos: 

GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA

* Para que en toda a Igrexa este tempo de Advento sexa tempo de perdón e misericordia, OREMOS. 
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
* Para que nas nosas parroquias saibamos recoñecer os nosos erros e pedir perdón a quen lle temos faltado e entristecido, OREMOS. 
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
* Para que este tempo de Advento remate en cada un/ha de nós celebrando e participando do gozo da conversión e do perdón, que Deus nos ofrece tendéndonos a man á reconciliación, OREMOS. 
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA

Grazas, Señor, por invitarnos a vivir a oración desde a esperanza que reconcilia, transforma e endereita o noso corazón a participar e ofrecer a túa misericordia. P.X.N.S. Amén. 

MIRADA ESPERANZADA
Pai, que sexamos unha comunidade
na que a caridade sexa dignidade e respecto para:

Aprender a acoller e escoitar;
Saber ser humildes e solidarios;
Non pechar os ollos á realidade inxusta e excluínte,
Escoitar a túa palabra e deixarnos transformar por ela;
Cambiar os nosos corazóns e deixar atrás a indiferenza;
Non volver a cara ante o engano, a mentira e a corrupción.
Pai, que tomemos en serio a túa Palabra,
e que vivamos con esperanza o gozo de sabernos
seguidores dunha mensaxe que nos invita
a non quedar quedos, senón a loitar
por transformar os corazóns e cambiar os comportamentos.
Que a túa misericordia compasiva sexa sempre o noso guieiro. Amén. 

CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Volve, Señor                                   
LECTURAS:
OFERTORIO:
Todos xuntos                      
COMUÑÓN:

OUTRAS:

POWER POINTS





Comentarios

Publicacións populares