Ficha e Lectio - Sagrada Familia B
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
A SAGRADA FAMILIA
(28 Nadal 2014: Ciclo B)
Estamos
no tempo de Nadal. Moi próximos aínda a esa escena tan familiar do nacemento do
Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o sol que co seu resplandor fai case
desaparecer lúa e estrelas que están arredor del. Refírome a María, a Xosé, ós
pastores e ós outros agarimosos animais domésticos que a tradición coloca á súa
beira.
Mais
os que están á beira de Xesús son, pese a todo, algo esencial na primeira
mensaxe de Xesús ó mundo coma fillo benquerido do Deus Pai. Pois a palabra
derradeira de Deus Pai á humanidade non se fixo escoitar no mundo dunha maneira
illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de nacer e de vivir. Ela
aparece, polo contrario, en familia. Porque é o Deus Pai mesmo quen existe tamén
en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para nós, con trazos familiares.
O Deus cristián é un determinado xeito, o máis misterioso e fondo que se pode
concibir, de vida familiar. Deus é Pai, é Fillo e é Espírito Santo. Un
marabilloso modo de ser e de vivir en unidade e diferenza, modelo máximo e
supremo de todo vivir humano.
Cando
Xoán quere definirnos e describirnos como é Deus, dinos que El é “amor”.
Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o que isto quere dicir, se Deus
fose en si mesmo un ser solitario, un eremita, algo que no interior de si mesmo
non estivese relacionado con ninguén. Por iso entendemos algo mellor a Deus
como amor se se nos di que Deus é en si mesmo un Deus en tres persoas, por máis
que isto non suprima senón que agrande aínda máis o misterio do noso Deus. O
misterio da que chamamos a Santísima Trindade.
Familia
significa pluralidade na unidade. O que crea esta unidade e pluralidade é
precisamente o amor. Como vedes, a festa que celebramos hoxe da Sagrada Familia
lévanos en principio máis alá do misterio concreto do nacemento de Xesús no seo
dunha familia concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios ou
recursos que lles sobran ás familias ricas e poderosas, pero que é abondosa en
algo que, se non se ten, de pouco lles serven a elas en último termo eses
outros medios e recursos exteriores. Se algo ten esta primeira familia formada
por María, Xosé e o Neno, é precisamente o amor co que se queren. Nisto non
poden ter envexa a ninguén. Un amor que é a cara e o corazón de Deus mesmo. Por
iso esta familia de Nadal é verdadeiramente “sagrada”: a “Sagrada Familia” que
hoxe estamos a celebrar.
Chámame
bastante a atención que na primeira Lectura, do
libro do Eclesiástico, se fale moito das bondades que trae consigo o
amar, respectar, atender ou honrar ós pais (tanto á nai coma ó pai). En cambio,
non se comenta para nada nela o feito de que para que os fillos amen, respecten
ou honren ós pais é preciso que antes os pais os amen e queiran abondosamente.
Para aprender a amar hai que recibir antes moito amor. Non se lle pode esixir amor
a ninguén, se antes non o recibiu de alguén. Os fillos só poderán amar a seus
pais se experimentan a cotío o seu amor continuo, o seu coidado, o seu agarimo.
É así como se constrúe unha verdadeira familia, unha familia na que todos os
seus membros se atopan a gusto, unidos, e na que, ó mesmo tempo, se recoñecen,
respectan e queren como diferentes.
Precisamente
por iso, no terreo máis directamente relixioso, para podermos ter inclinación e
forzas para amar a Deus, precisamos tamén coñecer e experimentar antes o moito
que Deus nos quere e nos ama. Deste xeito, por exemplo, se aprendemos a ver no
Xesús de Nadal a proba concreta do amor que Deus Pai nos ten ó darnos ó seu
Fillo benquerido, entón sentirémonos fondamente movidos a amar a Deus, a Xesús
e ós irmáns e irmás nosos do mundo enteiro.
Só
así, experimentando o amor que Deus nos ten, seremos capaces de formarmos entre
todos unha familia semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén,
en último termo, a esa familia primordial que Deus mesmo é. Desde estas
consideracións, é ben doado comprender o programa que Paulo pon diante de nós
na súa carta ós Colosenses: “revestídevos de sentimentos de misericordia, de
bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e
perdoádevos... Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais,
non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto pode ser visto como unha verdadeira
revolución nuns tempos nos que a muller adoitaba ser considerada como algo
inferior e subordinado ó home e cando a importancia do amor ós fillos tardaría
aínda moitos séculos en ser descuberta. Algo
que, polo que se ve, continúa aínda a ser revolucionario nos tempos actuais, a
xulgar pola sorpresa e admiración da xente, cando o papa Francisco nos fala da
importancia da “tenrura” e do cariño, que el mesmo practica un día si e outro
tamén con enfermos, pobres ou xente carente de recursos materiais. Francisco
xustifica este comportamento seu co que nos di na súa “Exhortación” que leva
como título “A alegría do evanxeo”. Dísenos alí: “Todo ser humano é obxecto da tenrura infinita do Señor, e El mesmo
habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu precioso sangue na cruz por esa
persoa. Máis alá de toda aparencia, cada un é inmensamente sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega. Por
iso, se consigo axudar a unha soa persoa a vivir mellor, iso xa xustifica a
entrega da miña vida”.
Como
vedes, Francisco fala aquí de que toda persoa é “inmensamente sagrada”. De modo
que non nos debemos limitar a considerar “sagrados” unicamente os membros,
Xesús, María e Xosé, da chamada “Sagrada
Familia”. Para Francisco, como tamén o era para Xesús, “sagrados” somos todos,
máis alá da nosa aparencia exterior. Así como lle damos un bico a unha reliquia
ou a unha imaxe relixiosa, con moita máis razón llo deberiamos dar a un enfermo
ou a un leproso. Así o fai polo menos quen está aí, como bispo de Roma,
ensinándonos a comportarmos como verdadeiros cristiáns, como seguidores dese
Xesús que se fixo irmáns de todos, empezando por aqueles que non nos parece que
sexan irmáns nosos.
Que
esta festividade entrañábel da Sagrada Familia nos axude a profundar na nosa
fe, na nosa esperanza e no noso amor mutuo en canto membros dunha mesma familia
que somos ou que, polo menos, estamos chamados a ser.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Deus
todopoderoso e misericordioso, que te fixeches por amor Pai de todos nós,
dándonos como guieiro o teu Fillo benquerido e irmán maior noso, Xesús Cristo.
Escoita a nosa oración e as necesidades que nela che presentamos, dicindo: Axúdanos, Pai noso!
Para
que saibamos facer da nosa Igrexa unha comunidade de comunidades, un verdadeiro
fogar cristián onde todos nos sintamos acollidos na nosa condición de fillos
teus:
Axúdanos, Pai noso!
Para
que os que os nosos gobernantes desenvolvan políticas tendentes a favorecer as
familias: Axúdanos, Pai noso!
Para que o respecto mutuo, o reparto equitativo de
tarefas, a responsabilidade compartida, a alegre convivencia e o amor constitúan
o ámbito familiar de crecemento persoal e de enriquecemento social: Axúdanos, Pai noso!
Pedímoscho, Pai noso, con humildade e confianza,
pola intercesión da Sagrada Familia que Ti mesmo escolliches para a salvación
do mundo. Por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario