Santa María, Nai de Deus
SOLEMNIDADE DE SANTA MARÍA NAI DE DEUS
Primeira Lectura
Num 6, 22-27
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Invocarán o meu nome a prol dos fillos de Israel e Eu
bendicireinos
Naquel día, o Señor faloulle a Moisés:
- Dilles a
Aharón e a seus fillos: Desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel:
"Que o Señor
te bendiga e te garde; que faga brillar o seu rostro sobre ti e che conceda a
súa graza; que o Señor volva os seus ollos cara a ti e che dea a súa paz".
Invocarán así o
meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/. (2a): Deus teña piedade de nós e nos bendiga.
Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós.
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.
Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.
Lóente os pobos, oh Deus,
lóente todos os
pobos.
Que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.
Segunda Lectura
Gal 4, 4-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller
Irmáns:
Así que
chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e
suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei de xeito que
puidésemos recibir a adopción de fillos.
A proba de
que sodes fillos del é que Deus mandou aos vosos corazóns o Espírito do seu
Fillo que exclama Abbá! (que quere dicir meu Pai! ).
Polo
tanto, ti xa non es escravo, senón fillo.
E, por
seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Heb 1,
1-2
Aleluia, aleluia.
En moitas ocasións, e de moitos xeitos, veulles falando Deus
ós nosos devanceiros por medio dos profetas;
ultimamente falounos por medio do Fillo
Aleluia.
Evanxeo Lc 2,
16-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Encontraron a María e a Xosé e o neno. E despois de oito
días puxéronlle de nome Xesús.
Naquel
tempo, os pastores foron correndo, e atoparon a María e mais a Xosé, e o neno
deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do
meniño aquel.
E cantos o
oíron, quedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.
María, que
trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.
E os
pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto oíran e viran, todo
como lles fora anunciado.
Ós oito
días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o
anxo antes da súa concepción.
Palabra do
Señor R/.
Loámoste, Cristo
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA
ACTIVA
Ao comezar un novo ano, damos grazas por todo o que
recibimos de Ti, Xesús. Primeiramente agradecemos o amor e o apoio da familia,
a vida compartida coas persoas que nos queren e axudan; a saúde; o cariño e
amor que recibimos; os días cheos de proxectos e esperanzas e tamén os días
tristes e difíciles que aparecen na nosa vida; os amigos, o traballo, por todo
o que de Ti imos recibindo.
Agradecemos canto temos vivido ao longo do ano que onte
rematou, no que rimos e sufrimos, traballamos e descansamos, no que puidemos
construír momentos bonitos e solidarios. Grazas porque foron aparecendo no noso
camiño persoas que nos fixeron felices
ao cruzarse nós: os amigos, os compañeiros de traballo, os veciños, as persoas
que amamos, as que están lonxe, as que nos botaron unha man, ás que puidemos
axudar.
Queremos tamén pedir perdón polo ben que non fixemos, polas
persoas ás que ferimos ou danamos, polas
nosas envexas, polos momentos de arrogancia, polas nosas preguizas, polo tempo
malgastado, polas ofensas que saíron da nosa boca. Axúdanos neste novo ano a
ser testemuñas túas e irmáns e irmás tod@s. Amén
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
Para que este ano que comeza sexa para nós experiencia de
encontro e colaboración, SEÑOR, QUE AO LONGO DO ANO NON NOS APARTEMOS DE TI.
Para que ao longo do ano nos esforcemos por non vivir na
amargura nin na tristura, CRISTO, QUE AO LONGO DO ANO NON NOS APARTEMOS DE TI.
Para que non caiamos na tentación de facer deste ano que
comeza rutina e aburrimento, SEÑOR, QUE AO LONGO DO ANO NON NOS APARTEMOS DE
TI.
PALABRA
ENRAIZADA
No comezo do ano novo volvemos xuntarnos con un triplo
obxectivo:
- comezar con
ilusións e esperanzas o novo ano,
- rezar e
comprometernos en ser homes e mulleres de paz e
- honrar a María no
día en que celebramos a festa da súa maternidade.
Desde estas tres
invitacións a celebrar, os textos da Palabra de Deus que temos escoitado son
toda unha chamada a deixarnos agarimar e bendicir por El. Hoxe somos nós o seu
pobo: un pobo que moitas veces se ten afastado do amor e da cercanía de Deus;
pero El, a pesares dos nosos afastamentos e infidelidades, segue a chamarnos,
como fixo con MARÍA, para que fagamos da nosa vida unha verdadeira maternidade;
é dicir, unha experiencia de dor e gozo, amor e preocupación, tremor e
xenerosidade. A esta maternidade, inda que pareza un contrasentido, estamos invitad@s
cantos nos chamamos e sentimos crentes: hoxe correspóndenos a nós levar á nosa
vida, ao actuar de cada día, as actitudes coas que María foi dando resposta á
confianza que Deus puxera nela. E desde a súa resposta tod@s nós estamos
chamados a ser:
- Homes e mulleres
de bendición
- De paz
- De compromiso por
construír unha antropoloxía ecolóxica na que os seres humanos sexamos centro e
cumio pr riba de ideoloxías políticas, económicas ou relixiosas; por riba do
interese e as ganancias; por riba de quen no intento de someter e dominar é
capaz de reducir ás persoas a simples autómatas aos que lles foron secuestrando
a súa liberdade. En María e con María, Deus non quere que trunfen os inxustos,
corruptos e abusadores, senón que para El os preferidos son os que abaixan aos
soberbios e serven e se entregan ao servizo dos máis humildes.
E que mellor
que poñernos a esta tarefa desde xa!. Que fermosa maneira de comezar un novo
ano, sabendo que estamos chamados a tomar en serio ás persoas, e non o partido
que delas poidamos sacar!. Grazas, María, porque o teu si ergueu ata o
infinito, á plenitude de Deus, a nosa dignidade!.
FRATERNIDADE
ORANTE
Ao comezar este novo ano poñamos ao abeiro de Deus
proxectos, ilusións e esperanzas para este ano que iniciamos e digamos xunt@s:
QUE A TÚA VIDA, SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA
Por unha Igrexa renovada e fiel ao Evanxeo, que esqueza o
poder e o dominio, OREMOS.
QUE A TÚA VIDA,
SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA
Por unhas parroquias alegres, servizais e solidarias,
OREMOS.
QUE A TÚA VIDA,
SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA
Por uns cristiáns que nos esforcemos por unir forzas e
ilusións a proxectos que sementen xenerosidade, fraternidade e colaboración,
OREMOS.
QUE A TÚA VIDA,
SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA
Grazas, Señor, pola túa palabra alentadora, polo teu pan
solidario e salvífico e pola túa invitación a facer deste comezo de ano un
compromiso de paz e amor. P.X.N.S. Amén.
MIRADA
ESPERANZADA
Con María, a que creu, esperou e amou, e convocados para
entoar un cántico de acción de grazas á obra de Deus dicimos:
Ti es, María, a experiencia máis fermosa do evanxeo.
En ti fíxose Boa Nova para o ser humano.
Es como a luz do mencer que abre camiño ao sol;
es unha estrela da mañá que anuncia o día;
es a muller crente que acolle e garda a Palabra;
a muller moza que entra no plan de Deus libre e gozosa.
Es estilo de vida cristiá, novo e fascinante na historia.
Es, María, a virxe fermosa e fecunda de Nazaret.
Grazas, María, polo teu corazón bo e dispoñible.
Aquí me tes na busca da paz, o ben e a alegría. Amén
Comentarios
Publicar un comentario