Inmaculada Concepción de María

 INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA
 Solemnidade - Día 8 de decembro


Primeira Lectura  Xén 3, 9-15. 20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller

     Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:
     ‑ Onde estás?
     El respondeulle:
     ‑ Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.
     Preguntoulle o Señor Deus:
     ‑ Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?
     Respondeulle Adán:
     ‑ A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.
     O Señor díxolle á muller:
     ‑ Que é o que fixeches?
     E a muller respondeu:
     ‑ A serpe enganoume, e comín.
     Entón o Señor Deus díxolle á serpe:
     ‑ Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.
     O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.

            Palabra do Señor                                         R/ Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL   Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4
R/.  (1a):  Cantádelle ao Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.

Segunda Lectura  Ef 1, 3-6. 11-12
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,
que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo,
para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,
por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,
para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,
por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

           Palabra do Señor                                         R/ Grazas a Deus

ALELUIA   cf Lc 1, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alégrate, María, chea de graza, o Señor está
contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.
Aleluia.

Evanxeo   Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo

            Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
            O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
            ‑ Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
            Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
            ‑ Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
            Díxolle María ao anxo:
            ‑ Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
            O anxo respondeulle:
            ‑ O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
            Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
            Entón María dixo:
            ‑ Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
            E o anxo marchou de onda ela.

             Palabra do Señor                             R/ Loámoste, Cristo



FESTIVIDADE DA INMACULADA CONCEPCIÓN AMIG@, SÉ MULLER

PÓRTICO

A Igrexa toleou ... ponnos unha muller como modelo! A Igrexa non é ben .... unha muller como exemplo! ¡A quen se lle conte! ...
Pois cremos na Igrexa, e nunha Igrexa que nin toleou nin é mal, senón nunha Igrexa que quere tomar conciencia, cada vez máis e maior, do papel da muller na construción da propia comunidade e da sociedade.
María, a muller, preséntasenos hoxe coma porta da nova humanidade e como porta da nosa salvación. Se queremos chegar a Cristo debemos entrar pola muller, descubrindo o que de feminino, de fecundo, de portadores de vida hai en nós.
Que esta celebración que agora comezamos nos axude a todos nós a que iso sexa unha realidade.

O PERDÓN

Polas veces nas que a Igrexa, basicamente a súa xerarquía, non coñece nin recoñece o papel fundamental da muller, SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.

Polas veces en que non respectamos as opinións dos demais, o seu xeito de vivir e de pensar, CRISTO, ILUSIÓNANOS DE NOVO.

Polas veces nas que á voz da muller lle esiximos un plus para ser escoitada,
SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.
REMUÍÑO

* A consecuencia do pecado é a aparición de hostilidades entre o varón e a muller. Se queremos restituír o tempo da graza, é indispensable comezar por construír a reconciliación entre ambas dimensións fundamentais do humano. Non se trata, pois, de dominador - dominada, de primeiros ­- segundas, de actores - espectadoras, de voceiros - mudas .... Trátase máis ben de traballar a prol da igualdade, de compartir funcións, de valorar a complementariedade entre ambos xéneros. Ternos un longo camiño por facer. Un camiño aberto na persoa de María. A nós, cristiáns e cristiás, tócanos ir dando pasiños para que a igualdade sexa, dentro da nosa Igrexa, unha realidade.

* O noso sermos cristiáns e cristiás é tomar conciencia da nosa elección por parte de Deus para este combate: a santidade, que esixe ir morrendo ao "home vello", que nos esixe coraxe para sermos santos, recuperadores da graza. Isto vai pedir de cada un e de cada unha de nós sermos, no medio do mundo, oíntes da Palabra, mensaxeiros e mensaxeiras da Boa Nova, construtores do Reino.

* En María, a muller, a Igrexa contempla o triunfo deste combate e descóbrese vencedora do mesmo na medida na que como el a, entende a súa existencia como nai dunha humanidade xa reconciliada, unha humanidade dadora de vida, unha humanidade que atopa sentido ao seu camiño sendo, como María, servidora. Ela soubo superar vellos prexuízos, soubo estar por riba do qué dirán, soubo, nunha palabra, poñerse nas mans de Deus. Que a súa sexa hoxe tamén a nosa oración "Fágase en min segundo a túa Palabra", que nos deixemos modelar por Deus, que só quere que sexamos felices.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Como comunidade crente, alegre e esperanzada que no camiño do Advento descubre a María como alento e modelo, presentamos a Deus as nosas peticións e dicimos:
QUE MARÍA NOS AXUDE A CAMIÑAR NA IGUALDADE

* Pola nosa Igrexa diocesana, para que seguindo o camiño que abriu o Sínodo traballe por favorecer nas parroquias e na diocese relacións de igualdade entre homes e mulleres, corrixindo calquera discriminación e encomendándolles do mesmo xeito a uns e outras tarefas eclesiais de responsabilidade: consellos de pastoral, consellos económicos, comisións, delegacións, elaboración de documentos, órganos de decisión ... , OREMOS.
QUE MARÍA NOS AXUDE A CAMIÑAR NA IGUALDADE
* Polos gobernantes e políticos, para que nos seus programas de goberno, fagan eficaz e real a igualdade entre os homes e as mulleres e así evitemos toda discriminación, todo desprezo e violencia cara as mulleres.
QUE MARÍA NOS AXUDE A CAMIÑAR NA IGUALDADE
* Polas mulleres que nas nosas comunidades levan a cabo distintos servizos na evanxelización, para que o seu traballo e esforzo sexa sempre valorado, coñecido e recoñecido, OREMOS.
QUE MARÍA NOS AXUDE A CAMIÑAR NA IGUALDADE
* Por todas as mulleres que en todo o mundo sofren polo simple feito de ter nacido mulleres: as vítimas da violencia de xénero, as que son obrigadas a. prostituírse, as que son escravizadas polos modelos estéticos imperantes na nosa sociedade, as que non teñen acceso a unha cultura que permita o seu desenvolvemento como persoa, as que son ignoradas polos vellos prexuízos, OREMOS.
QUE MARÍA NOS AXUDE A CAMIÑAR NA IGUALDADE
Grazas, María, por camiñar connosco. Que, coma Ti, sexamos quen de dar un si radical a Deus comprometendo a nosa vida polo Reino. Por Xesucristo, noso Señor. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Coma unha humilde labrega
con zocas de caña e medias
é a nai do meu Señor.

U n rostro de pan dourado
cuberto co pano galano
teno a nai do meu Señor.

Con mans de traballadora
dentro da casa e por fóra
anda a nai do meu Señor.

Os pés que corren lixeiros
levando o servizo primeiro
son os da nai do meu Señor.

O ventre que foi preñado
facéndose a Deus entregado
é da nai do meu Señor.

A ledicia do oprimido
feita de pan compartido
búscaa a nai do meu Señor.

A nai que pare en Belén
e aloumiña ao seu recén
é a nai do meu Señor.


CANTOS:

ENTRADA:
Xa nos tes aquí
LECTURAS:
Santa María, naiciña do ceo
OFETORIO:
Canta o sol
COMUÑÓN: 
Que bonito despois do traballo

POWER POINTS

Hai máis na páxina dos power points do ano anterior:
http://xanostesaqui.blogspot.com.es/p/domingos-ciclo-b-en-power-point.html

Comentarios

Publicacións populares