Domingo Gaudete - ciclo C

3º DOMINGO DE ADVENTO -  CICLO C



Primeira Lectura          Sof 3, 14-18a
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA SOFONÍAS
O Señor alegrouse por ti na loanza

Exulta, filla de Sión; berra lediciosa, Israel,
alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.
O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás os teus inimigos.
O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás ter medo da desgraza .
No día aquel diráselle a Xerusalén:
Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.
O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, é un heroe que salva.
El salta de alegría por ti, engádate co seu amor,
dá brincos de alegría por ti.
Eu arredeite da asemblea festiva; retirei de ti o seu Ai!

                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                            
SALMO RESPONSORIAL           Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
R/.  (6): Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.

Deus é a miña salvación,
procederei confiadamente e non terei medo.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
el é a miña salvación.
Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

Dádelle grazas ao Señor e invocade o seu nome.
Pregoade entre os pobos os seus feitos,
proclamade que o seu nome é grande.

Cantádelle ao Señor,
que fixo cousas magníficas,
anunciádeas en toda a terra.
Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:
Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.
                                                                                                                                            

Segunda Lectura          Flp 4, 4-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS  FILIPENSES
O Señor está cerca

Irmáns:
Estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres. Que todo o mundo aprecie a vosa xentileza. O Señor está a chegar.
Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas .
E a paz de Deus, superior a todo o imaxinable, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
                                                                                                                                            
                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus


ALELUIA        Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.


Evanxeo         Lc 3, 10-18
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
E nós que temos que facer?

Naquel tempo , a xente preguntáballe a Xoán:
 ‑ E logo, que temos que facer?
El respondíalles:
 ‑O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo o que teña que comer.
Foron tamén uns recadadores a se bautizar, e preguntáronlle:
‑ Mestre, que temos que facer?
El contestoulles:
‑ Non esixades nada máis do que vos está mandado.
Tamén uns soldados lle preguntaron:
‑ E nós, que temos que facer?
El contestoulles:
‑ Non asoballedes nin saqueedes a ninguén, e contentádevos coas vosas pagas.
Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
‑ Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e recoller na hucha o seu trigo; pero a palla ha de a queimar no lume que nunca se apaga.
Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa Nova á xente.

                             Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo 


A DEUS TAMÉN SE LLE REZA EN ZAPATILLAS. A DISIDENCIA FRONTE AOS PROFETAS DO “ESTILISMO”·

TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

Pórtico

Nos anteriores domingos, ao falar do Concilio Vaticano II, quixemos presentar canto significaron os documentos sobre a Igrexa e sobre a Revelación. Diciamos que o recoñecernos como Pobo e a necesidade de alimentarnos da palabra de Deus eran dous aspectos fundamentais e relevantes para a nosa vida como cristiáns. Neste domingo queremos achegarnos ao documento no que o Concilio estuda e desenvolve o tema da liturxia, é dicir, todo canto supón, mostra e axuda a celebrar e expresar a fe de xeito que non só o entendamos, senón que tamén participemos. Diante dun quefacer litúrxico no que non eramos máis ca espectadores, o concilio insiste unha e outra vez na importancia de recoñecermos participantes do que celebramos. Non estamos para mirar, senón para unirnos como comunidade e facer da celebración expresión da vida. E isto non pode realizarse se non é sentíndonos comunidade que con gozo se reúne para expresar, celebrar e vivir a fe, sendo tod@s participantes e facendo da celebración un momento de vivencia persoal e comunitaria de canto sentimos e queremos agradecer e compartir con Deus. Logo de escoitar tantas veces que a Deus non se lle pode rezar en zapatillas, o concilio quere invitarnos a que descubramos que a forza e a importancia da oración non está nin nos zapatos nin no traxe, senón na disposición de cada un de nós a poñernos na man de Deus, e a facelo xunt@s. Por iso lembraremos a constitución sobre a Liturxia, a Sacrosanctum Concilium, onde entre outras cousas, se nos invita a rezar na lingua propia, a lingua que falamos na casa e cos veciños, porque esa tamén é a lingua que entende Deus.
Que a celebración que comezamos sexa a mellor expresión da invitación do concilio a facer da celebración litúrxica unha verdadeira mesa de irmandade.

Perdón
    - Porque moitas veces a nosa disposición a participar nas celebración litúrxicas é rutinaria e pouco comunitaria, SEÑOR, QUE A NOSA ORACIÓN NON CAIA NO INDIVIDUALISMO.
    - Porque o noso esforzo por escoitar, coñecer e poñer en práctica a Palabra proclamada nas celebracións é máis ben escaso, CRISTO, QUE A NOSA ORACIÓN NON CAIA NO INDIVIDUALISMO.
    - Porque inda que escoitamos e dicimos moitas veces a palabra participar, cústanos facer das nosas celebracións momentos de participación que enriquece e anima a nosa fe, SEÑOR, QUE A NOSA ORACIÓN NON CAIA NO INDIVIDUALISMO. 

Remuíño

Como nos di Sofonías, o Señor alédase en e con cada un de nós. E faino cunha ledicia que non é enganosa, que non busca a comenencia, senón a sinceridade. A ledicia que brota do fondo do que é e significa Deus: amor, sinceridade, franqueza, gozo, colaboración, entrega, xenerosidade... e que, na medida en que nós imos facendo nosas estas actitudes, El vai estendéndose por todo canto somos e facemos. Que gozo poder vivir e sentir esta presenza!. Unha presenza que pouco a pouco vai configurando a nosa vida e invitándonos a encher de todo canto nos axuda a descubrirnos con sensibilidade para ir facendo posible que o amor nin se reduza a unha palabra baleira de contido nin se identifique coa expresión, efémera, dun contacto puramente físico. Amar e sentirnos amados por Deus, é o celme da vida dun crente que non se pecha en si mesmo, senón que vai dando e facendo partícipes do amor de Deus aos demais. Por iso o gozo e a ledicia da que nos fala Sofonías. Por iso é tan grande o xúbilo que sentimos, e non podemos gardalo dentro de nós, necesitamos expandilo, anuncialo, compartilo ... solidarizalo. Esa é a nosa tarefa e o noso compromiso sempre, pero especialmente neste tempo de Advento.

Gritando con xúbilo, que non dando voces nin berrando, porque o xúbilo sae do profundo e vai avanzando en nós ata mostrársenos no brillo dos ollos, na expresión dos xesto, na modulación da voz... no latexar do corazón que nos invita a non caer na somnolencia do aburrimento e da desgana, Deus, que é Xubilo, quere aos que se chaman amigos seus xubilosos. E se a vida é a mellor praza para ilo manifestando, tamén necesitamos de pequenos espazos, de recunchos cheos de sinxeleza e agarimo para celebrar esta chamada que Deus nos fai. Un deles, que non o único, é a celebración. Unha celebración que ha ser preparada e participada por tod@s os que nela están, sen quedarnos ao marxe, sen estar nela como se fosemos simples espectadores dunha representación que alguén fai para aplacar as iras de Deus ou para abrandar o seu corazón. Non, a celebración ha ser nosa, de tod@s os que nela participamos. Por iso recalca o concilio o importante que é celebrar na lingua propia, a lingua que utilizamos na casa, cos amigos e veciños; a lingua, que sempre é vehículo de comunicación, ten que servirnos para falar, comunicarnos, dialogar ou dirixirnos a Deus. E que mellor que facelo naquela na que nos sentimos máis cómodos e na que podemos contar como mellor sabemos o que nos pasa, o que sentimos ou do que nos vemos necesitados. Conscientes disto, cantos participaron no concilio Vaticano II, invitan a deixar atrás o latín –lingua que os que participaban nas celebracións nin coñecían nin entendían– para comezar a utilizar o que se chaman as linguas vernáculas, é dicir, as linguas propias de cada lugar. 

Asemade, neste camiño de renovar a liturxia e de facela máis achegada á vida dos cristiáns, insisten na importancia da participación, porque non imos a un espectáculo, senón a participar dun encontro de oración e comunitario, no que cada un pon o mellor de si mesmo e rompe coa tentación de deixar que outros, por cartos ou oficio, o fagan no nome deles. E isto non se aprende nun día nin dun momento para outro. É necesario ir coñecendo e educándonos nesta chamada a facer das celebracións momentos de comuñón e participación. Corresponde a aqueles que acompañan e presiden as comunidades levar a cabo esta tarefa de educar e renovar a vida litúrxica. Unha vida litúrxica que non está nos ritos, por moi bonitos que sexan, senón en descubrir que é Cristo o centro da nosa vida de fe, non os ritos nin os costumes. A partires de aí, todo canto supoña resaltar esta centralidade de Cristo responderá non só ao que pide o concilio, senón, e é o máis importante, a ser máis fieis á súa invitación a seguilo. A fe é un seguimento, non unha angustia nin unha culpabilidade permanente, de aí a importancia dunha boa proclamación da palabra, a elección axeitada dos cantos, a oración comunitaria que exprese o que nos preocupa e o que necesitamos compartir; a sinxeleza dos ritos e a necesidade de que tod@s participemos como membros activos da Igrexa na celebración; o descubrimento do domingo como o día do Señor -e non como unha imposición normativa e chea de medo e culpabilidade-...., son tarefas que temos que coidar e promover.

Que mellor que revisar como cada un de nós ten acollido esta renovación que hai cincuenta anos invitaba a realizar o concilio, e que hoxe, cincuenta anos despois, segue sendo para moit@s unha invitación descoñecida. Como nos dicía Xoán Bautista no Evanxeo de hoxe: que facemos nós?. Busquemos sinceramente a resposta para dignificar a liturxia, renovar as celebracións e participar nesta preparación que cada vez nos achega máis ao Señor que vén, que xa está a petar na porta. Abrámoslla!

Oración da comunidade

Como nos di o concilio, é fundamental romper o individualismo da vida cristiá para comezar a camiñar na súa dimensión comunitaria. Respondamos a esta invitación, presentándolle ao Señor a nosa oración e dicindo xunt@s:
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Para que respondendo á chamada do concilio, a Igrexa non esqueza nunca a importancia da participación dos segrares nas celebracións, para que estas sexan fonte e cume da túa presenza, Señor. OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Para que nas nosas comunidades esteamos sempre dispost@s a colaborar e así conseguir unhas celebracións máis vivas, participativas e expresivas da dimensión comunitaria da fe, OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Para que a nosa disposición a participar nas celebracións rompa a tentación de converternos en simples espectadores dun espectáculo que outros representan para e por nós, OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CON GOZO NAS CELEBRACIÓNS
Grazas, Señor, por invitarnos a tomar conciencia da importancia de que as celebracións litúrxicas sexan vivas, comprensibles e sinxelas, expresión do que vivimos cada día e queremos poñer nas túas mans. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

(Lemos durante o momento da acción de grazas o esquema da S.C. Pode ser este texto ou un que adaptemos para tal fin )
 
A grandes liñas, este é o esquema da Constitución sobre a reforma da Liturxia:
1) Principios xerais para a reforma litúrxica: a importancia da liturxia na vida da Igrexa; como promover a educación litúrxica e a participación activa do clero e fieis; algúns criterios: combinar tradición e progreso, dar prioridade á Sagrada Escritura, ao comunitario, á participación activa.
2) Renovación da Eucaristía: simplificar os ritos, incrementar a lectura da Biblia.
3) Renovación doutros sacramentos e sacramentais. O catecumenado de adultos.
4) O ano litúrxico: importancia do domingo e das festas do Señor. Centralidade da parroquia.
5) Renovación da música relixiosa: o canto gregoriano e o canto popular.
6) Renovación da arte sagrada: máis beleza que suntuosidade.
En fin, aceptación dun calendario perpetuo, fixando a Pascua nun domingo determinado.

  Cantos
    ENTRADA: Pedras vivas
    LECTURAS: Vén axiña visitarnos
    OFERTORIO: Sede o sal
    COMUÑÓN: Volve, Señor

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares