Domingo da SAGRADA FAMILIA


DOMINGO INFRAOITAVA DE  NADAL
SANTA FAMILIA DE XESÚS, MARÍA E XOSÉ
  

PRIMEIRA    Sir 3, 2-6. 12-14
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Quen teme ó Señor honra ós pais

2Pois o Señor honrou ó pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
3Quen honra a seu pai redime as culpas.
4Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
5Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
6O que respecta ó pai terá vida longa
e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai.
12Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
13Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
14O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer coma compensación do pecado.


SALMO RESP.     Sal 127, 1-5
R/ (cf 1):  Ditosos os que temen ó Señor
e van polos seus camiños.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.


SEGUNDA     Col 3, 12-21
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES
Vida familiar na presencia do Señor

Irmáns e rmás:
Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. 13Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. 14E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. 15Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.
16Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. 17E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.
18Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. 19Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.
20Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor.
21Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados.


ALELUIA     Col 3, 15a. 16a
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns;
que a palabra de Cristo habite abondosamente en vós


CICLO C:  Lc 2, 41-52
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús é encontrado polos seus pais no medio dos doutores

41Polas festas da Pascua os pais de xesús ían tódolos anos a Xerusalén. 42E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. 43Pasados aqueles días, cando eles voltaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen.
44Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. 45Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. 46E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. 47Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. 48O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle:
-¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa.
49El respondeu:
-¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?
50Pero eles non entenderon a resposta. 51Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.
52Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en gracia diante de Deus e mais  dos homes.


SABER ACOLLER A TOD@, 
TAMÉN NAS NOSAS FAMILIAS
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
Pórtico
A festa que celebramos hoxe, a da Sagrada Familia, quere ser una chamada a afianzar máis plenamente os vínculos de amor que unen ás familias. Non é una xornada para laiarse porque nos pareza que a familia está en horas baixas, ou porque o modelo de familia está cuestionado. Non. Hoxe chámasenos a atención para que potenciemos o que verdadeiramente falta en tantas familias: o amor, o perdón, o respecto, a escoita…
Que a celebración de hoxe nos axude a tomar conciencia de que tamén nas nosas familias estamos chamad@s a vivir como amigos e seguidores de Xesús: sabendo acoller a todas as persoas.

Perdón
    -Porque non temos pelos na lingua á hora de criticar o que é diferente ao noso pensamento, SEÑOR, PERDOA A NOSA DESUNIÓN.
    -Por tódalas veces nas que esquecemos que formar parte dunha familia é tamén esforzarnos para crear nela espírito de colaboración e participación, CRISTO, PERDOA A NOSA DESUNIÓN.
    -Polas veces nas que cos nosos feitos e as nosas palabras somos causa de división e enfrontamento, SEÑOR, PERDOA A NOSA DESUNIÓN.
Remuíño

A festa da Sagrada Familia é un día propicio para que valoremos cómo nos situamos nas nosas familias: qué significa na nosa vida, qué a podemos potenciar, qué temos que podar para que sexan verdadeiramente luz para os outros e especialmente reflexo do amor de Deus nas nosas vidas e na das persoas. Pero como facer esta valoración?. Non podemos quedar só no
material: necesidade dos fillos de quedar máis tempo na casa, non porque se estea ben na casa ou coa familia; nin por razóns psicolóxicas: porque non hai tensións dentro dela, porque somos máis comprensivos os pais cos fillos e entre os pais, porque os membros son máis agradecidos e cariñosos; nin por culturais: porque queda ben casarse, porque está ben valorado, porque na cultura no que estamos valorase mais o íntimo… Pero quizá a familia tense que valorar como comunidade de vida e amor. Son estas dúas, dimensións que definen o humano, porque se pode construír humanidade partindo o pequeno, das familias para ir edificando o pobo e á sociedade. 

Porque só en comunidade podemos realizarnos como persoas, podemos salvarnos, ser felices, dende a integración e a aceptación do outro, salvándonos así da soidade, da marxinación, do individualismo, da autosuficiencia. Unha comunidade que nos enriquece e nos corrixe, facéndonos crecer en comuñón.Na familia, a vida créase, recíbese e faise crecer, dende un fillo/a pero tamén na colaboración, no servizo, na superación, na comuñón, na axuda mutua, no compromiso, en compartir penas e alegrías. Porque o amor é a enerxía máis grande, o que une á familia, o máis esixente e gratificante. É a alma de toda a familia. Non habería nin comunidade nin vida sen amor. Isto leva a poñer ao outro por riba de todo, a dar e a darse. 

A familia é onde se ama sen buscar ser amados. Xesús naceu nunha familia e renovouna, converteuna en sacramento, bendiciu o amor e converteuno en fonte de comunidade, fonte de vida e fonte de amor. Que tamén nós, desde o noso ser membros dunha familia, saibamos crecer nela con confianza, sabendo querernos e respectarnos nas diferenzas, colaborando no que uns e outros necesiten e superando a tentación de converter a familia nunha pensión. A familia de Nazaret buscou o entendemento, que tamén nós saibamos facelo así, e nos deixemos de discutir sobre cuestións que nos fan perder o tempo e non responden aos dous valores que temos que ir construíndo nas nosas familias, como tamén se esforzaron en facelo María, Xosé e Xesús: amor e capacidade de comprensión. Non trabuquemos o rumbo!.

Oración da comunidade
Señor, ti acompañas o noso camiñar e formas connosco unha comunidade de amor e felicidade. Escoita hoxe a nosa oración neste día no que nos lembramos dun xeito especial de todas as familias. Por iso dicimos confiados:

QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN COMUNIDADES DE AMOR
-Pola Igrexa, para que respecte e dialogue con todas as persoas que teñen distintas formas de ver a familia, pero cuxo punto de unión é o amor, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN COMUNIDADES DE AMOR
    -Polas nosas familias, para que saibamos admitir a súa pluralidade e non caiamos na tentación de impoñer unha única maneira de manifestarse e configurarse, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN COMUNIDADES DE AMOR
    -Por todas as familias, especialmente polas que pasan dificultades económicas neste tempo de crise, por aquelas que sofren a perda dun ser querido, polas que están a piques de romperse, polas que non teñen a posibilidade de ter unha vida digna. Por todas elas, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN COMUNIDADES DE AMOR
    -Por tod@s nós para que non antepoñamos intereses económicos, sociais ou de prestixio, ao que verdadeiramente importa nas familias: o amor e o respecto, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN COMUNIDADES DE AMOR
Señor, Ti queres o mellor para nós. Pedímosche que alentes as nosas familias no quefacer cotiá. PXNS.


Para a reflexión

O amor acéptate tal como es.
Afirma a túa vontade e os teus dons.
Preocúpase por ti, quere saber que estás ben.
Impúlsate a que te realices plenamente.
Empatiza: sabe o que se sente ao ser ti.
Anímate a que creas en ti mesmo.
É amable no trato contigo.
Garda os teus segredos: estás a salvo.
É bondadoso: sempre te apoia e está ao teu lado.
Rise moito: sempre contigo, nunca de ti.
Busca a túa bondade e atópaa.
Fai que te sintas satisfeito de ser ti mesmo.
Non ten en conta as túas vaidades e debilidades.
Ora polas túas necesidades e deféndete.
Ten tacto incluso cando se enfronta contigo.
Diche a verdade sempre e con honestidade.
Pensa en ti e nas túas necesidades.
É duro e tenro, segundo o que necesites.
Compréndete e permíteche ter malos días.
Señor, pedímosche que este sexa o amor sobre o que se asenten as nosas familias.




Cantos
Entrada:
Que ledicia
Lecturas:
Escoita ti a palabra de Deus
Ofertorio:
Eu soñei
Comuñón:
O amor é o meirande


POWER POINTS
Nadal, un canto á vida
Sagrada Familia ciclo C

Comentarios

Publicacións populares