A Ti, Señor, elevo a miña alma - Salmo 24

Domingo 1 de Advento - ciclo C


O CRUCEIRO DO MONTE

Na soidade do cume da montaña,
rogando ao ceo, bendicindo a terra,
solemne, maxestoso,
érguese a cruz de pedra.

A luzada do día,
subindo dos liñares en ringleiras,
vana bicar, devotas,
as líricas lavercas.

Á caída da tarde, as badaladas
da campá da aldea
esvaécense ao seu redor, esmorecidas,
coa dozura tristeira
das bágoas, das lembranzas, dos martirios,
das divinas arelas.

Cando a pedra, durmida e acochada
da Terra - Nai no agarimoso seo,
esperta do seu sono milenario
e quer ser oración e pensamento,
florece nun varal, estende os brazos
e, póndose de pé, faise cruceiro!

Ramón CABANILLAS (1876-1959) 

Comentarios

Publicacións populares