19 mar. 2012

San Xosé - 19 de marzo

San Xosé, esposo da Virxe María
                                               
         
San Xosé é un santo moi popular. Cantos homes e mulleres levan, desde o Bautismo, o nome de Xosé, Xosefa, Xosefina, Pepe ou Pepa. Tamén van, en nome composto, con Xoán, Anxo ou María. En moitas partes, a festa de San Xosé foi elixida polas familias como Día do Pai. Non é hora de queixarse polos ecos comerciais que se apiñan ao redor desta data. Miremos con ollos cristiáns, limpos; é unha ocasión de renovar agarimos, respectos e amores filiais. Non esquezamos, ademais, que san Xosé é o Patrón da Igrexa universal.

       Á figura de San Xosé, aínda no seu silencio, o Evanxeo atribúelle unha importancia grande. É precisamente a través de San Xosé como Xesús aparece da
descendencia de David. E o pobo xudeu sabía que o Mesías debería descender da liñaxe de David.

        Non todo lle foi fácil. María esperaba un fillo cuxa orixe divina Xosé ignoraba. Por iso, ante o misterio, como bo xudeu, decide retirarse. Ademais, ama a María, sabe que é honrada, e non quere dar ocasión de entregala á lei implacable. Con razón o Evanxeo chámalle, sinxelamente, “xusto”.

       Só a intervención do anxo racha o veo das súas dúbidas. “É obra do Espírito Santo”. Poralle por nome Xesús, será o seu pai legal e sabe que a súa misión é salvar ao seu pobo. Van encaixando todas as pezas. Agora enténdeo.

       Xosé é o exemplo de fe e confianza en Deus. “Fixo o que lle mandou o anxo”. Escoita sen comprender, obedece sen saber o sentido: “Non temas en recibir a María, foxe a Exipto, volve”. Está sempre aberto á sorpresa da fe. Mantense forte nos momentos da dúbida e as dificultades. Cantas veces nos resulta espeso o silencio de Deus! Cantas veces gritamos: por que? E san Xosé invítanos a confiar. Seguro que chegará a luz.

       O Evanxeo non dedica a Xosé outro eloxio que “xusto”. Para que máis títulos? Ao falar dos santos, resultamos excesivamente barrocos. Cargámolos de milagres, portentos e cousas marabillosas.   Ás veces irrítanos ou, polo menos, asómbranos moito atopar nas Vidas de Santos un primeiro parágrafo xa absolutamente milagroso, tratando de restar humanidade á madeira de que aqueles homes estaban feitos. (Cabodevilla).

        Con razón, a liturxia cántalle a san Xosé: “Servidor fiel e prudente”.


                                                              DÍA DO SEMINARIO 2012   
                                              Paixón polo Evanxeo

                          Deus, noso Pai,
que enviaches o teu Fillo Xesucristo 
para salvar o mundo:
El segue chamando hoxe
e elixindo a algúns dos seus discípulos
para convertelos en apóstolos da súa Igrexa.
Suscita, coa forza do Espírito Santo,
xenerosas e abundantes respostas 
ás súas chamadas
nas familias, nas comunidades cristiás
e na vida dos seminarios.
Que se cumpra así a promesa,
«dareivos pastores segundo o meu corazón»:
sacerdotes, ministros fieis da Palabra,
da Eucaristía e do Perdón.
Que vivan sempre identificados con Cristo
e sintan ardentemente a paixón polo Evanxeo.

Que a Santísima Virxe, Nai sacerdotal
e estrela da evanxelización, vos acompañe.
Por Xesucristo, noso Señor.

                                                           Amén.


POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario