Que se apegue a miña lingua ao padal, se deixo de pensar en ti. Salmo 126
Domingo 4 de Coresma - ciclo B
GRACIÑAS!
Graciñas, Pai bo,
porque cada mañá me visitas
co teu abrazo fiel,
e cada noite me cobres
co teu alento esperanzado.
Graciñas, Pai xeneroso,
por Xesús, o maior dos teus regalos,
enviado por ti para sandarme
e das miñas cativezas liberarme.
Graciñas, Pai sacrificado,
por cada cruz que atopo nos camiños,
recordo constante e vivo
da túa estima por min,
e da estima traballosa do teu Fillo.
Graciñas, Pai de todos,
por todos e cada un dos meus veciños,
a quen ti aprecias tanto;
apreciándoos coma ti
eu ben sei que acertarei co teu camiño.
Graciñas, Pai da luz,
pola luz que me limpa cada día,
devolvendo aos meus ollas a inocencia
e ás miñas mans a valentía
de refacer con humildade a miña vida.
Graciñas, Pai da xente,
por todos os homes e mulleres,
que son retrato teu para nós,
e que nos fan sentir a certeza
de que es un Deus bo,
amigo da xente e da vida,
apoio do débil e aflixido,
e defensor apaixonado
dos que ven o seu porvir ameazado.
Comentarios
Publicar un comentario