2 mar. 2012

Misas ciclo B - 2º Domingo de Coresma

2º  DOMINGO DE CORESMA   -  CICLO B


Primeira Lectura    Xen 22, 1-2. 9a. 10-13. 15-18
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Sacrificio do noso patriarca Abrahán

            Naqueles días, Deus puxo a proba a Abrahán, chamándoo:
            ‑ "Abrahán!"
            El respondeu:
            - "Aquí estou".
            Deus mandoulle:
            ‑ "Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
            Chegados ao lugar que Deus dixera, tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
            Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
            ‑ "Abrahán! Abrahán!"
            El respondeu:
            ‑ "Aquí estou".
            O anxo dixo:
            ‑ "Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".
            Abrahán ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno  en sacrificio, no posto do seu fillo.
            O anxo do Señor chamou a Abrahán outra vez desde o ceo:
            ‑ "Xúroche por min mesmo ‑ palabra do Señor ‑ que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me ter ti obedecido".

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 115, 10 e 15. 16-17. 18-19

R/. (Sal 114, 9): Camiñarei na presenza do Señor, na terra da vida.

Eu tiña fe mesmo cando dicía:
"Que desventurado son!"
É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.

Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!
Ofrecereiche un sacrificios de loanza,
invocando o teu nome, Señor.

Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo,
nos adros da casa do Señor,
no medio de ti, Xerusalén.


Segunda Lectura    Rm 8, 31b-34
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Deus non escatimou a entrega do seu propio Fillo

            Irmáns:
            Se Deus está connosco, quen contra nós? Aquel que non aforrou a seu propio Fillo, senón que o entregou por todos nós, como non nos vai regalar todo xunto con El?
            Quen acusará aos escolleitos de Deus?: Non é Deus o perdoador? Quen os vai condenar? Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO

Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.


Evanxeo     Mc 9, 2-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Este é o meu Fillo benquerido

            Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán, e subiu con eles sós a un monte alto.
            Alí transfigurouse diante deles; e os seus vestidos viráron­se resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar.
            E aparecéuselles Elías e mais Moisés, que estaban a falar con Xesús.
            Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
            ‑ Mestre, que bo sería ficarmos aquí! Imos facer tres tendas: Unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías
            El non sabía o que dicía, de tan asustados que estaban.
            E formouse unha nube que os cubriu; e dende a nube deixouse oír unha voz:
            ‑ Este é o meu Fillo benquerido; escoitádeo.
            E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, senón a Xesús só onda eles.
            Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada do que viran, ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos.
            Eles gardaron a cousa en segredo, pero preguntábanse entre si que sería aquilo de "resucitar de entre os mortos".

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Loámoste, Cristo


NO AMOR DE CRISTO, O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com

SIGNO DE CORESMA:
 A frase que escollemos para colocar este segundo domingo arredor do signo principal é TAN ASUSTADO ESTABA, QUE NON SABÍA O QUE DICÍA. Con ela queremos expresar de que moitas veces a nós tamén nos pasa que estamos tan asustados que non sabemos o que dicimos, e a solidariedade convértese en avaricia e egoísmo.

PÓRTICO
                Dinos o Evanxeo de hoxe que Pedro, co susto que tiña ao descubrir quen era Xesús e como se lles acababa de manifestar, non sabía o que dicía. E cando un non sabe o que di, pola súa boca acaban saíndo cousas sen sentido, e das que moitas veces acaba arrepentíndose. Que mellor invitación entón, á luz do Evanxeo que logo proclamaremos, para que fagamos o esforzo de pensar as cousas antes de dicilas; de introducir a reflexión no canto do arrouto; de non falar para o aire. Non é doado, pero estamos na coresma, un tempo privilexiado para buscar, cambiar e rectificar comportamentos e formas de facer as cousas que sabemos están equivocadas.
                Que a celebración que agora comezamos sexa momento de esperanza, participación e reflexión desde a que retomemos o camiño do que as veces as nosas rutinas nos van apartando.

O PERDÓN
*        Porque estamos tan ben aquí, no primeiro mundo, seguros, aburguesados, cómodos e instalados, que non queremos baixar do pedestal para escoitar os berros de tantos irmáns e irmás que viven na desesperanza, na fame ou na tristura,
                                         SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
*        Porque non acabamos de conseguir pensar as cousas antes de dicilas, evitando así ferir co que sae pola nosa boquiña,                
                                                   CRISTO, QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
*        Porque a nosa falta de confianza en Ti fai que vivamos unha fe chea de complexos, teimas e medos en vez de coma unha proposta e un agasallo que nos fas para encher a nosa vida de sentido,                                         
                                                   SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.

REMUÍÑO
  • Uf!. Que difícil é manter as nosas convicións!. Que difícil resulta ser fieis a principios e valores que nos axudan a ser máis felices, máis humanos, máis solidarios!. Abrahán descubriu na súa propia experiencia que a confianza supón esforzo, traballo e, na meirande parte das veces, moito sacrificio. Un sacrificio que nos pode facer cuestionar esa confianza que poñemos ben sexa nas persoas que están preto de nós, ben sexa nos nosos amigos, na familia e mesmo en Deus. Confiar ten o seu risco, e implica ás veces ser incomprendidos ou mesmo rexeitados por quen non nos entende ou por aqueles que pensabamos que eran achegados a nós. E isto é así porque a confianza móstrase tanto nos momentos nos que todo parece correr ben como naqueles onde temos a impresión de que as cousas van esmorecendo... e nós con elas. E isto pásanos moitas veces, pero especialmente vivímolo na nosa relación con Deus. Nela non pode ser o medo e a submisión os que nos guíen, senón a capacidade de descubrilo a El como quen sabe estar ao noso lado en todos os momentos da vida. Un estar que respecta as nosas decisións e non cae na tentación de manipularnos e facer que actuemos como a El lle gusta, senón que nos concede a liberdade para poder reflexionar e actuar con responsabilidade e coherencia, sendo nós mesmos e non uns monicreques nas súas mans. Crer é gozo, pero tamén sacrificio, paciencia e loita para seguir no camiño ao que El nos invita e chama, pero ao que ninguén pode responder por nós. A resposta á súa chamada é persoal, libre e responsable. Teremos mediacións ao noso redor que nos poden axudar, pero ao final son eu, e non outros por min, o que ten que dicir se verdadeiramente estou disposto a seguilo. Que coma Abrahán aprendamos a poñernos nas mans de Deus, a fiarnos del.... porque, aínda que ás veces nos custe entendelo ou mesmo non queiramos darnos por aludidos, estamos seguros de que non nos vai fallar.

  • Sabemos entón que hai moito camiño por percorrer... e que non todo é liso e chan. Atoparemos pendentes, baixadas, curvas..... tamén rectas. Pero, de seguro que o Señor vai con nós. A nosa confianza non é cega, sen probas, senón que, como nos lembra Paulo “Deus daranos todo”, ou o que é o mesmo, temos que ser persoas que proxecten a súa vida desde os valores de Deus, persoas presentes no noso contorno con toda a intensidade, persoas comprometidas no mundo e co mundo, sabendo pór en cada acontecemento, por pequeno e sinxelo que sexa, a luz da fe; persoas conscientes e convencidas de que, co noso esforzo, seremos capaces de parir una nova sociedade máis xusta, máis igualitaria, máis fraterna, máis humana... pois El camiña ao noso lado.

  • Por iso non é de recibo chancearnos no “que ben se está aquí”, no noso Tabor, no noso primeiro mundo, na sociedade da opulencia e do benestar. Ao pé da montaña hai moitos irmáns e irmás que agonizan en tantas e tantas cruces: na cruz do desenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame, da ignorancia, da enfermidade, da soidade, da incomprensión, da marxinación... e que esperan que nós baixemos da montaña máxica e irreal dos poderosos e dos duros de corazón para escoitalos, axudalos e comprometernos con eles, axudándolles a levar a súa carga. Se Deus é o sentido da nosa vida, estamos chamados a anuncialo, dando a coñecer a súa mensaxe. Deixemos de pasmar mirando ao ceo, baixemos do Tabor, de tantos falsos tabores e pousemos os pés na terra, onde hai abondo que facer.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Na invitación a camiñar na presenza do Señor, atopamos a man que nos vai orientando e levando a superar o pesimismo e a vivir na esperanza. Deixándonos acompañar por ela, dicimos:
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*        Para que todos e todas nós, que formamos a túa Igrexa, saibamos acollerte non desde o medo ou a imposición, senón desde o convencemento de que lle has dar sentido á nosa vida, OREMOS.
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*        Para que as nosas parroquias se vaian convertendo en verdadeiros obradoiros nos que aprendamos a vivir entre os veciños a ledicia de compartir a fe nun Deus que ama e sae ao noso encontro para acompañarnos no nada doado camiño da vida, OREMOS.
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*        Por cada un e cada unha de nós, que nos sentimos seguidores e seguidoras túas, para que non deixemos pasar este tempo de graza que é a coresma e o aproveitemos para deixar atrás canto nos fai superficiais, frívolos, rutineiros e inmaturos, impedíndonos ser espellos teus no medio do mundo, OREMOS.
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR


Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nos falsos tabores dos templos, senón nos sorrisos e nas dificultades da vida, onde temos que saber descubrirte. PXNS. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
APRENDER A FALAR CON DEUS
Pelando patacas, rozando as leiras, limpando a casa, preparando a comida, facendo a compra, colocando plaqueta, dando unha clase... podemos dicir a Deus, sen cansarnos, sinxelamente, que o queremos, que é importante para nós. E iso vale tanto como moitas novenas, procesións ou rosarios.
                Nunca deberiamos cansar de dicir: Deus, ofrézoche o día que agora comeza: as miñas accións, os meus pensamentos, as miñas palabras, os meus xestos, as miñas ledicias e tristuras; os meus acertos e erros.
                Todo canto de ben poida facer ao longo deste día, póñoo, Señor, aos teus pés, para que o arco da vella de cores co que ti nos agasallas, siga iluminando o camiño da miña vida. Amén.


CANTOS
*       ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
*       LECTURAS: Lemos o Salmo
*       OFERTORIO: Seguirei os teus pasos
*       COMUÑÓN: Queda Señor connosco


POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario