11 mar. 2012

Destruíde este templo e en tres días heino restablecer - Xn 2, 13-25

Domingo 3 Coresma - ciclo B


CARA E CRUZ

Non hai triunfo sen cruz,
nin amenceres sen noite,
nin hai oídos que escoiten
sen tebras, falar da luz.

A semente sementada  
para chegar a dar froito
viste de seguida o loito 
dunha morte naufragada.
                                                                  
E non hai muller parida 
nin por parir neste mundo
que faga o seo fecundo 
sen laiar de dor ferida.
Nada cae do ceo feito:
o máis pequeno progreso
para se ver limpo e teso
precisou esforzo a eito.

Non se fai revolución,
nin se melloran as causas,
sen remover as lousas
que conservan a opresión.

Por iso a xente sinxela, 
que sabe tanto de cruces, 
prenderá no ceo luces 
na noite sen luces cega.



No hay comentarios:

Publicar un comentario