Misas ciclo B - 4º Domingo de Coresma

4º DOMINGO CORESMA  CICLO B



Primeira Lectura    2 Crón 36, 14-16. 19-23
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DAS CRÓNICAS
A ira e a misericordia do Señor maniféstanse no desterro e liberación do pobo

                Naqueles días, as autoridades de Xudá, os sacerdotes e o pobo obraron inicuamente, 1mitando as abominacións dos pagáns e profanando o templo que o Señor consagrara en Xerusalén.
                O Señor, Deus de seus pais, mandáballes continuamente mensaxeiros, porque sentía compaixón do seu pobo e da súa morada; pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen remedio contra o seu pobo.
                Os caldeos conquistaron Xerusalén, incendiaron o templo, derrubaron a muralla, prenderon lume a todos os seus palacios e esnaquizaron todos os obxectos de valor. Levaron consigo desterrados a Babilonia os superviventes da matanza e foron escravos seus e dos seus descendentes ata o triunfo do reino persa.
                Cumpriuse así o que anunciou o Señor a Xeremías, e a terra gozou do seu descanso sabático todo o tempo que estivo desolada, ata cumprirse setenta anos.
                O ano primeiro de Ciro, rei de Persia, o Señor, para cumprir o que anunciara por medio de Xeremías, moveu a Ciro, rei de Persia, a promulgar de palabra e por escrito en todo o seu reino:
                ‑"Ciro, rei de Persia, decreta: O Señor, Deus do ceo, entregoume todos os reinos da terra e encargoume construír un templo en Xerusalén de Xudá. todos os dese pobo que viven entre nós poden volver. E que o Señor, seu Deus, estea con eles".

                               Palabra do Señor                                              
                            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 136, 1-2. 3. 4-5. 6

R/. (6a): Que se apegue a miña lingua ao padal, se deixo de pensar en ti.

Á beira dos ríos de Babilonia
sentabamos a chorar,
con saudades de Sión.
Nos salgueiros das ribeiras
penduramos as cítolas.

Alí os que nos desterraran
pedíannos palabras de cantares,
os nosos verdugos, himnos alegres:
"Cantádenos cántigas de Sión".

Como cantar un canto do Señor
estando en terra allea?
Se me esquecese de ti, Xerusalén,
que seque a miña man dereita.

Que se apegue a miña lingua ao padal,
se deixo de pensar en ti,
se non poño a Xerusalén
por riba de toda ledicia.


Segunda Lectura    Ef 2, 4-10
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Os que morrestes ao pecado, fostes salvados pola graza

                Irmáns:
                Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou cando estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por pura benquerenza) e resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús, para mostrarlles aos séculos vindeiros a rebordante riqueza da súa graza, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús.
                Porque vos salvaron por graza, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para que ninguén se poida gabar.
                Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facer obras boas nas que Deus dispuxo de antemán que camiñemos.

                               Palabra do Señor                                                              
                            R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Xn 3, 16

De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo Unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.


Evanxeo    Xn 3, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Mandou Deus ao seu Fillo para que, por mediación del, se salve o mundo

                Naquel tempo, díxolle Xesús a Nicodemo:
                - Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna.
                Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
                Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.
                Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras.
                Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras pois están feitas como Deus quere.

                               Palabra do Señor                                                              
                            R/. Loámoste, Cristo


A LIBERACIÓN, PROXECTO DE AMOR DE DEUS PARA CON NÓS :O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com

SIGNO DE CORESMA: A frase que escollemos para colocar este cuarto domingo da coresma arredor do signo principal é NON MANDOU DEUS O SEU FILLO AO MUNDO PARA XULGAR, SENÓN PARA AMAR.

PÓRTICO
Neste domingo de Coresma, xa pasado o ecuador, invítasenos a dar vida, a poñer paz, servizo, alegría, fe, unión, amor...desde a cruz. Si, porque hoxe somos invitados a volver os nosos ollos, coma Nicodemo, cara á cruz para descubrir que non todas as cruces son salvadoras. Hai cruces inevitables (certos momentos, climas, traballos...) que debemos asumir Hai cruces que che endosan (en forma de calumnia, illamento, contaxio....) que temos que evitar. Hai cruces que te atrapan (cartos, poder, fama, envexa....) e das que temos que fuxir. Hai cruces de temporada (Coresma, Semana Santa, enterros, xaxún...) que o mellor é miralas ben e non facelas máis pesadas. Tamén hai cruces de competición (traballo, aguanto, sufro, rezo, comprométome... máis ca ninguén) das que hai que rirse.
Porén, hai unha cruz que temos que admirar e coa que podemos e debemos cargar: a que procura que as persoas non teñan cruces, a que axuda a levar a cruz, a que sufre porque ama e sente coma súa propia a dor dos demais. Esta é a cruz de Xesús que hoxe se nos invita a mirar. Esta é a cruz que dá vida, a cruz que nos salva. Non a rexeitemos.

PERDÓN
*       Fáltanos amor e sóbranos prepotencia, 
SEÑOR, QUE NUNCA ME ESQUEZA DE TI.
*       Fáltanos compromiso e sóbranos leria, 
CRISTO, QUE NUNCA ME ESQUEZA DE TI.
*       Fáltanos confianza e sóbrannos medos, 
SEÑOR, QUE NUNCA ME ESQUEZA DE TI

REMUÍÑO
  • Cantas veces da nosa boca teñen saído expresións, comentarios, afirmacións que danaron a honra daquelas persoas sobre as que estabamos a falar!. Cantas veces no nome do que escoitamos, sen facer o esforzo por saber se era ou non verdade, temos posto tristura, rabia, desacougo e soidade na vida das persoas sobre as que non nos cortabamos en absoluto en dicir delas o primeiro que se nos ocorría!. Cantas veces...!. Si, cantas veces o temos feito e que tranquilos nos temos quedado sen darnos conta do mal que lle podíamos ocasionar a outra/s persoa/s. O Salmo de hoxe lémbranolo cunha expresión que aparentemente pode parecer dura, pero que simplemente busca que a entendamos: “se me esquezo de Ti, que se me pegue a lingua ao padal”. E esquecémonos del cando non respectamos ás persoas, cando falamos o que non deberamos, cando non aprendemos a calar, inda que pensemos que tiñamos razón sen tela; cando non nos mordemos a lingua á hora de facer un comentario inoportuno ou fóra de tempo, cando nos poñemos como mellores, primeiros e únicos, cando... Si, en todos eses casos... esquecémonos do Señor. E non é un Señor calquera, é o liberador, o Deus ao que lle pedimos, agradecemos, confiamos e rezamos. En que pouca estima o temos cando nos esquecemos del ao non valorar a dignidade que puxo nos demais!. Pero El non cansa, volve insistir unha e outra vez, volve saír ao noso encontro constantemente. Non se esgota, e non o fai porque nos respecta, porque nos aprecia, porque lle preocupamos, e, o que é máis importante, quérenos e está disposto a loitar por nós. Constante e continuamente vai facendo da misericordia o manto co que quere cubrirnos para que non esquezamos que ha ser esa misericordia a que levemos no actuar, dicir e facer dos que nos chamamos seguidores del.

  • Porque esa misericordia quere abranguer toda a nosa vida, en Cristo todos fomos salvados. A súa experiencia e a súa entrega fannos vivir de xeito novo e distinto diante de canto pasa e nos pasa. Non é que nos sintamos inmunes ás dificultades ou por ser cristiáns teñamos a “criptonita” da fe. Non. En Cristo atopamos forza, esperanza, alento, horizonte, e o que é máis importante pegadas para poder seguir camiñando sen sentírmonos levados nin polo destino –a nosa liberdade fai que cuestionemos esta afirmación– nin pola conciencia dun deus máxico que nos move como se foramos monicreques. O noso pecado, que é real e existe (son moitas as veces nas que facemos as cousas porque queremos e sabendo que lle facemos mal, tanto a nós como aos demais), é froito da nosa liberdade. A salvación ofrecida tamén necesita da nosa liberdade para acollela, porque se Deus non intervén por nós cando decidimos afastarnos del, tampouco o fai para achegarnos a El. Simplemente depende de nós.

  • Por iso mandou ao seu Fillo. Non quedou na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que facendo un xesto de querer seguir ofrecéndonos camiños e posibilidades, enviou ao seu Fillo, a Xesús para que puideramos gozar da experiencia da salvación. Unha salvación que non é enredar no abstracto para desentendermos do que pasa ao noso redor e no noso mundo, senón para que tomemos conciencia de que do mesmo xeito que Xesús non escapou do conflito, a denuncia profética, o desenmascarar a mentira... sentíndonos salvados no Fillo, fagamos presente a salvación no aquí e agora do noso tempo, da nosa historia, dos problemas que nos afectan en calquera recuncho do mundo que habitamos. A salvación, porque é universal e non para un grupo de elixidos, esíxenos que esteamos sempre atentos ao aquí máis achegado, e que non esquezamos nunca o alá que está máis afastado, porque nun e noutro sitio, o seu amor “aprémanos”.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Rezamos logo desde esta convicción de que Deus non só non nos deixa, senón que segue a camiñar ao noso carón, para que poidamos dicir xuntos:
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
*       Pola Igrexa, por todos e todas nós, para que non nos ocupemos tanto de xulgar e condenar como de salvar e acoller, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
*       Polas nosas comunidades parroquiais, para que non permitamos comportamentos de puro consumo mercantilista á hora de poñerlle rostro e vida á mensaxe de Xesús, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
*       Por cada un e cada unha de nós, para que, sentindo na nosa vida a ledicia de sabérmonos salvados por Deus lla saibamos transmitir coas nosas obras a tantas persoas crucificadas do noso mundo: as que sofren con máis intensidade a crise, os parados, os enfermos, os marxinados, os que non teñen motivo para a esperanza, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
Grazas, Señor, porque día a día nos dás mostras da túa misericordia, chamándonos a espallala ao noso redor. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
"A fe e a oración non resolven os problemas, pero permiten afrontalos cunha luz e unha forza novas, dunha forma digna do ser humano, e tamén de forma máis serea e eficaz. Si miramos á historia da Igrexa veremos que é rica en figuras de santos e beatos que, precisamente partindo dun diálogo intenso e constante con Deus, iluminados pola fe, souberon atopar solucións creativas, sempre novas, para responder ás necesidades humanas concretas en todos os séculos: a saúde, a instrución, o traballo, etc. A súa forza estaba animada polo Espírito Santo e por un amor forte e xeneroso polos irmáns, especialmente polos máis débiles e desfavorecidos... Deixádevos conquistar totalmente por Cristo!. Poñédevos tamén vós, con decisión, sobre o camiño da santidade, é dicir, de estar en contacto, en conformidade con Deus –camiño que está aberto a todas as persoas– porque isto faravos ser tamén máis creativos en buscar solucións aos problemas que atopades,e en buscalas xuntos!".
Bieito XVI, Sulmona 5/7/2010



CANTOS
ö     ENTRADA: Eu sei de quen me fiei
ö     OFERTORIO: Ti es camiño e verdade
ö     COMUÑÓN: Á beira da nosa esperanza


Comentarios

Publicacións populares