24 mar. 2012

Misas ciclo B - 5º Domingo de Coresma

5º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO B


Primeira Lectura    Xer 31, 31-34
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Establecerei unha nova alianza e non me lembrarei do pecado

            Velaquí os días ‑ é o Señor quen fala ‑
nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel
unha alianza nova;
non coma a alianza que pactei cos seus pais,
o día no que os collín pola man
para os sacar do país de Exipto;
pois eles quebrantaron o meu pacto,
aínda que eu seguín sendo o seu Señor
‑ é o Señor quen fala ‑.
            Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel
despois deses días ‑ é o Señor quen fala ‑:
            Hei meter a  miña lei nas súas entrañas,
escribireina nos seus corazóns,
serei para eles o seu Deus,
e eles serán para min o meu pobo.
            Xa ninguén terá que instruí-lo  compañeiro,
xa ninguén terá que instruír o seu irmán,
dicíndolle: "Respectade o Señor";
senón que todos eles me farán caso,
desde o máis noviño ao máis grande
‑ é o Señor quen fala ‑,
pois eu perdoareilles a súa iniquidade,
e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 50, 3-4. 12-13. 14-15

R/. (12a): Crea, oh Deus, en min un corazón puro.

Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Ensinarei o teu camiño aos pecadores,
e volverán a ti os descarreirados.


Segunda Lectura     Heb 5, 7-9
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da eterna salvación

            Cristo, nos días da súa vida mortal, a berros e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa docilidade.
            Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse para todos os que lle obedecen en causa de salvación eterna.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Xn 12, 26

Quen me serve, que me siga, di o Señor;
e onde eu estou, alí estará tamén o meu servidor.


Evanxeo     Xn 12, 20-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Se o gran de trigo morre enterrado, dará froito abondoso

            Naquel tempo, algúns dos gregos, que subían a adorar no día da Festa, achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
            ‑ Señor, queremos ver a Xesús.
            Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:
            ‑ Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai.
            Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.
            Chegou entón unha voz do ceo:
            ‑ Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.
            Ó oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". Xesús interveu dicindo:
            ‑ Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
            Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Loámoste, Cristo


 A BOA SEMENTE CAE NA TERRA E MORRE PARA VOLVER LOGO DAR MÁIS E MELLOR FROITO; O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com

SIGNO DE CORESMA: A frase que escollemos para colocar este derradeiro domingo da coresma arredor do signo principal é MORRER PARA DAR FROITO.

PÓRTICO
         Para que o gran de trigo, coma calquera outra semente, poida dar froito logo de sementalo, é necesario ter preparado antes a terra. De non ser así, o traballo sería baldío, e o froito nunca se tería acadado.

As cousas, cando as preparamos con paciencia, esforzo, cariño e tempo, acaban por dar os seus froitos; en todos e cada un dos ámbitos nos que as persoas nos vemos inmersas.

Unha boa sementeira sempre dá bos froitos. E na vida isto é fundamental sabelo e non esquecelo. Este tempo de coresma que estamos a vivir quere ser tamén para nós tempo de preparar a nosa vida para que a chegada da pascua poida dar en nós os mellores froitos. Que non deixemos pasar esta nova oportunidade que a liturxia pon diante de nós para aproveitala e gozala.

PERDÓN
        Porque a nosa pouca memoria fainos esquecer que Deus segue a querernos, e que somos nós os que nos imos afastando, SEÑOR, QUE A FRIAXE NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.

        Porque a nosa rebeldía non nos leva a traballar contra as inxustizas que vemos ao noso redor, senón a querer camiñar no individualismo que só nos fai pensar nas nosas cousas e no noso beneficio, CRISTO, QUE A FRIAXE NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.

        Porque non acabamos de aproveitar a coresma como tempo de preparación paciente e sincera, que nos leve a poder gozar dos froitos da pascua, SEÑOR, QUE A FRIAXE NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.


REMUÍÑO
        Deus segue a insistir na alianza que fixera co pobo; unha alianza que se vai desenvolvendo non desde o intento de pasar factura polas infidelidades e esquecementos do pobo, senón desde o presente, desde o que estaban a vivir naquel momento. Deus non quería mirar atrás para cobrar débedas, senón que encaraba o futuro desde o agora que estaban a vivir, non exento de problemas e dificultades para o pobo. Por iso lles di que volvía saír ao encontro deles, a tenderlles a man, a preocuparse do que lles pasaba. Nunha palabra, Deus seguía a dicirlles que eran importantes e non se esquecía. Algo así deberiamos de formularnos tamén nós, porque moitas veces actuamos na man contraria da que se nos mostra aquí. Gústanos pasar factura, cobrar débedas de moito tempo atrás, e non desaproveitamos a ocasión de dicir canto de bo fixemos, e que bos somos que non quixemos ter en conta, inda que podiamos –acostumamos a dicir–, as moitas que nos tiñan gardadas. En fin, que a nosa alianza non se constrúe habitualmente sobre o amor, a confianza e a amizade, senón sobre o rancor, a vinganza e a pouca capacidade para perdoar. Porén, aínda, mellor, sempre estamos a tempo de cambiar, de deixar atrás eses xeitos de ver e entender as cousas que nos afastan de Deus e nos levan a cuestionar que sinceramente nos consideremos irmáns uns dos outros. Deámonos tamén a nós mesmos unha nova oportunidade para corrixir o noso rumbo.Nunca é tarde: Deus é paciente e misericordioso.

        Facelo é querer tomar en serio canto rezabamos no Salmo: esforzarnos por ter un corazón puro, limpo, sinxelo, sen segundas lecturas, e sempre disposto a acoller. Non sexamos nós daqueles que dicimos cos labios canto somos incapaces de sentir co corazón, porque de ser así, o percorrido é moi curto e a decepción, non só con Deus e cos irmáns, senón con nós mesmos, sería moito máis grande; e a fenda aberta non conseguiriamos pechala. A carta aos Hebreos volve insistir na persoa de Cristo para lembrarnos que foi El quen se converteu en autor da salvación, e fíxoo poñendo toda a súa vida ao servizo da misión que o Pai lle encomendara. A súa dispoñibilidade, a confianza, a capacidade para ir facendo da súa vida mensaxe e presenza de Deus, foinos abrindo a nós a porta para seguir os vieiros que nos foi marcando. Por El estamos hoxe aquí, celebrando, participando, revisando a vida, para que a salvación que nos trouxo sexamos quen de anunciala coa coherencia de vida, co compromiso e a loita pola dignidade das persoas, polo esforzo en non deixarnos vencer polo pesimismo e a desgana que tantas veces nos cohiben e frean á vez que nos impiden mobilizarnos contra canto está supondo engano e aproveitamento das persoas. Iso é o que lle irá dando á nosa vida sentido, riqueza interior e capacidade para sentírmonos a gusto co que facemos e dicimos.

        Claro que para iso é necesario sementar, preparando antes a terra para que dea froito. Non calquera froito, senón o mellor dos froitos. O que nos pide que deixemos que as nosas decisións vaian facendo o milagre de ir prezando como a semente podrece e volve xermolar coa forza do novo, do esperanzado, do que ilusiona e rompe coas rutinas que van convertendo a nosa vida en mediocridade entristecida e estéril incapaz de dar froito, o froito que nos volve entusiasmar diante do moito que temos por diante e podemos facer coa ledicia de sentírmonos implicados nun proxecto no que non estamos solos, senón unidos a moitas outras persoas que saben rebelarse contra de quen engana, esconde, corrompe ou oprime. Coma Xesús, poñámonos en disposición de morrer a nós mesmos para que co noso esforzo e traballo sexan outros, e non nós, os que poidan ver a súa dignidade recuperada e a súa vida de novo posta en camiño.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Dispoñamos a nosa palabra e o noso corazón, para expresar e sentir as nosas preocupacións e agradecementos ao Deus que nos invita a ser servidores, e digamos:
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
       Para que cantos formamos a Igrexa nas súas diferentes responsabilidades, saibamos ser sempre sensibles a ofrecer os froitos do noso traballo a quen puidera necesitalo, sen impoñelo, OREMOS.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
       Para que cantos formamos parte das nosas comunidades e grupos cristiáns, saibamos prezar a pluralidade de visións, traballos e respostas ao teu seguimento, sen buscar impoñer a nosa como única e mellor, OREMOS.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
       Para que non caiamos na tentación de desprezar aos que pensan ou actúan de forma diferente a nosa, porque nin o orgullo nin o desprezo son actitudes que poidan aniñar no noso corazón, Oremos.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
            Grazas, Señor, por lembrarnos que nin somos únicos nin tampouco os mellores. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Somos gran de trigo que morre e que dá froito:
        cando amamos, entendemos e servimos á xente da nosa casa, para facerlle a vida máis feliz e animosa;
        cando nos preocupan os traballos e as penalidades dos demais e facemos canto podemos por axudalos;
        cando deixamos algo a nosa casa e o noso tempo para visitar e acompañar a algunha xente veciña;
        cando nos preocupamos polo que pasa no mundo e nos preguntamos que podemos facer nós para remedialo;
        cando damos algo dos nosos cartos para aliviar as necesidades e miserias doutra xente;
        cando imos a unha xunta parroquial e colaboramos en solucionar problemas que teñamos;
        cando aceptamos cargos ou responsabilidades na política, no sindicato ou en calquera asociación solidaria;
        cando imos a algunha manifestación, preocupados pola crise, pola paz, pola violencia de xénero ou polo lume;
        cando nos arrimamos aos pequenos, aos que non teñen poder, para facer con eles unha terra de irmáns e de irmás;
        cando nos apegamos á aldea cun soño grande de paz nas nosas vidas;
        cando aceptamos morrer en paz e serenidade, confiados no Deus da vida que nos conforta e que nos salva.

(M. Regal “Xesús, un home da aldea” páx. 144)
 
CANTOS

        ENTRADA: Ti es camiño e verdade
        OFERTORIO: Sementar, sementarei
        COMUÑÓN: Acharte presente na vida

POWER POINTS




No hay comentarios:

Publicar un comentario