FICHA E LECTIO - Sagrada Familia A
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
+
Recursos Catequese de Galicia:
+
LECTIO:
Familia ben querida
(29 de Nadal de 2019)
Estamos no tempo de Nadal. Moi próximos aínda a esa escena tan
familiar do nacemento do Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o
sol que co seu resplandor fai case desaparecer lúa e estrelas que
están arredor del. Refírome a María, a Xosé, ós pastores e ós
agarimosos animais domésticos que a tradición coloca á súa beira.
Mais os que están á beira de Xesús son, pese a todo, algo
esencial na primeira mensaxe de Xesús ó mundo coma fillo benquerido
do Deus Pai. Pois a Palabra derradeira de Deus Pai á humanidade non
se fixo escoitar no mundo dunha maneira illada, eremítica,
desvinculada dos nosos modos de nacer e de vivir. Ela aparece, polo
contrario, en familia, formando familia, no seo e no agarimo dunha
familia. O Deus cristián -que é Pai, Fillo e Espírito- é e existe
xa desde sempre en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para
nós, con trazos familiares. Este Deus trinitario noso é así un
determinado xeito, o máis misterioso e fondo que se pode concibir,
de vida familiar. Un marabilloso modo de ser e de vivir en unidade e
diferenza, modelo máximo e supremo da vida humana que del procede.
Cando Xoán se atreve a nos definir ou describir como é Deus, dinos
que el é “amor”. Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o
que isto quere dicir se Deus fose en si mesmo un ser solitario, un
eremita, algo que no interior de si mesmo non estivese relacionado
con ninguén. Por iso entendemos algo mellor a Deus como amor cando
se nos di que el é en si mesmo un Deus en tres persoas, por máis
que isto non suprima senón que agrande aínda máis o misterio do
noso Deus. O misterio da que chamamos a Santísima Trindade.
Familia significa pluralidade na unidade. O que crea esta unidade e
pluralidade é precisamente o amor. Como vedes, a festa que
celebramos hoxe da Sagrada Familia lévanos en principio máis alá
do misterio concreto do nacemento de Xesús no seo dunha familia
concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios ou recursos
que lles sobran ás familias nobres e ricas, mais que é abondosa en
algo que, se non se ten, de pouco lles serven a elas en último termo
eses outros medios de que dispoñen. Se algo ten esta primeira
familia formada por María, Xosé e o Neno, é precisamente o amor co
que se queren. Nisto non poden ter envexa a ninguén. Un amor que é
a cara e o corazón de Deus mesmo. Por iso esta familia de Nadal é
verdadeiramente “sagrada”: a “Sagrada Familia” que estamos a
celebrar.
Chámame algo a atención que na primeira Lectura, do libro do
Eclesiástico, se fale moito das bondades que trae consigo o amar,
respectar, atender ou honrar os pais (tanto a nai coma o pai). En
cambio, non se comenta para nada nela o feito de que para que os
fillos amen, respecten ou honren os pais é preciso que antes os pais
os amen e queiran abondosamente a eles. Para aprender a amar hai que
recibir antes moito amor. Non se lle pode esixir amor a ninguén se
antes non o recibiu de alguén. Os fillos só poderán amar a seus
pais se experimentan a cotío o seu amor continuo, o seu coidado, o
seu agarimo. É así como se constrúe unha verdadeira familia, unha
familia na que todos os seus membros se atopan a gusto, unidos, e na
que, ó tempo, se recoñecen, respectan e queren como diferentes.
Precisamente por iso, no terreo máis directamente relixioso, para
podermos ter inclinación e forzas para amar a Deus, precisamos tamén
coñecer e experimentar antes o moito que Deus nos quere e nos ama.
Deste xeito, por exemplo, se aprendemos a ver no Xesús de Nadal a
proba concreta do amor que Deus Pai nos ten ó nos dar o seu Fillo
benquerido, entón sentirémonos fondamente movidos a amar a Deus,
Xesús e os irmáns e irmás nosos do mundo enteiro.
Só así, experimentando o amor que Deus nos ten,
seremos quen de formarmos entre todos unha familia semellante á
Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén, en último termo, a
esa familia orixinal e primeira que Deus mesmo é. Desde estas
consideracións, é ben doado comprender o programa que Paulo pon
diante nosa na súa carta ós Colosenses: “revestídevos de
sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza,
de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos...
Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais, non
asoballedes os vosos fillos”. Todo isto pode ser visto como unha
verdadeira revolución nuns tempos nos que a muller adoitaba ser
considerada como algo inferior e subordinado ó varón e no que a
importancia do amor ós fillos tardaría aínda moitos séculos en
ser descuberta. Algo que, polo que se ve, continúa aínda a ser
revolucionario nos tempos actuais a xulgar pola sorpresa e admiración
da xente cando o papa Francisco nos fala da importancia da “tenrura”
e do cariño, que el mesmo practica un día si e outro tamén con
enfermos, pobres ou xente carente de recursos materiais. Francisco
xustifica este seu comportamento co que nos di na súa “Exhortación”
que leva como título “A alegría do evanxeo”. Dísenos alí:
“Todo ser humano é obxecto da tenrura
infinita do Señor, e El mesmo habita na súa vida. Xesús Cristo deu
o seu precioso sangue na cruz por esa persoa. Alén de toda
aparencia, cada un é inmensamente
sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega.
Por iso, se consigo axudar a unha soa persoa a vivir mellor, iso xa
xustifica a entrega da miña vida”.
Como vedes, o papa Francisco fala aquí de que
toda persoa é “inmensamente sagrada”. De modo que non nos
debemos limitar a considerar “sagrados” unicamente os membros,
Xesús, María e Xosé, da chamada “Sagrada
Familia”. Para Francisco, como tamén o era para Xesús, “sagrados”
somos todos, alén da nosa aparencia exterior. Así como lle damos un
bico a unha reliquia ou a unha imaxe relixiosa, con moita máis razón
llo deberiamos dar a un enfermo ou a un leproso. Así o fai polo
menos quen está aí, como bispo de Roma, ensinándonos a nos
comportar como verdadeiros cristiáns, como seguidores dese Xesús
que se fixo irmán de todos, incluso daqueles ós que nos dá case
noxo achegarnos.
Que esta festividade entrañábel da Sagrada Familia nos axude a
profundar na nosa fe, na nosa esperanza e no noso amor mutuo como
membros que somos dunha mesma familia, a familia humana toda, alén
das nosas propias e particulares familias.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/sagrada-familia-a-mateu-213-15-19-23/
Comentarios
Publicar un comentario