CARTA APOSTÓLICA ADMIRABILE SIGNUM DO SANTO PADRE FRANCISCO

SOBRE O SIGNIFICADO E O VALOR DO BELÉN 
  Traductor: Xosé Manuel Lence



1.O fermoso signo do presebe, tan querido polo pobo cristián, causa sempre asombro e admiración. A representación do acontecemento do nacemento de Xesús equivale a anunciar o misterio da encarnación do fillo de Deus con sinxeleza e alegría. O belén é, en efecto, como un Evanxeo vivo, que xurde das páxinas da Sagrada Escritura. A contemplación da escena do Nadal convídanos a poñernos espiritualmente en camiño, atraídos pola humildade de Aquel que se fixo home para atopar a cada home. E descubrimos que El nos ama ata o punto de unirse a nós, para que tamén poidamos unirnos a El. 

Con esta Carta quixera alentar a fermosa tradición das nosas familias que nos días previos ao Nadal aprontan o belén, como tamén o costume de poñelo nos lugares de traballo, nas escolas, nos hospitais, nos cárceres, nas prazas … É realmente un exercicio de fantasía creativa, que usa dos materiais mais dispares para crear pequenas obras mestras cheas de beleza. Apréndese dende cativos: cando papá e mamá, cando os avós, transmiten esta alegre tradición que contén de seu unha rica espiritualidade popular. Agardo que esta práctica nunca esmoreza; inda mais, confío en que, alí onde estiver en desuso, sexa descuberta de novo e revitalizada. 

 2. A orixe do presebe atopa confirmación ante todo nalgúns detalles evanxélicos do nacemento de Xesús en Belén. O evanxelista Lucas di sinxelamente que María «deu a luz ao seu fillo primoxénito, envolveuno nuns capizos e deitouno nun presebe, porque non había sitio para eles na pousada» (2,7). Xesús foi pousado nunha manxadoira, en latín: praesepium, de onde ven o noso presebe. 

O Fillo de Deus, vindo a este mundo, atopa sitio alí onde os animais comen. A palla convértese no primeiro leito para aquel que se mostrará como «o pan baixado do ceo» (Xn 6,41). Un simbolismo que xa san Agostiño, canda con outros Padres, tiña captado cando escribía: «posto na manxadoira, converteuse en comida para nós» (Serm.189,4). En verdade o belén contén diversos misterios da vida de Xesús e fáinolos sentir próximos á nosa vida cotiá.  Mais volvamos unha outra vez ao orixe do belén tal como o entendemos. Viaxamos na mente a Greccio, no val de Reatino; alí san Francisco detívose probablemente vindo de Roma, onde o 29 de novembro de 1223 tiña recibido do papa Honorio III a confirmación da súa Regra. Logo da súa viaxe a Terra Santa, aquelas grutas lembrábanlle de xeito especial a paisaxe de Belén. E 
é posíbel que o Poverello quedase impresionado en Roma, polos mosaicos da Basílica de Santa María a Maior que representan o nacemento de Xesús, xusto canda o lugar onde se conservan, segundo unha antiga tradición, as táboas do presebe. 

As Fontes Franciscanas narran con detalle o acontecido en Greccio. Quince días antes do Nadal, Francisco chamou a un aldeán do lugar, de nome Xoán, e pediulle que lle axudara a cumprir un desexo: «quero celebrar a memoria do Neno que naceu en Belén e quero contemplar dalgún xeito cos meus ollos o que sufriu na súa invalidez de neno, como foi reclinado no presebe e como foi pousado na palla entre o boi e o asno» [1]. Nada mais escoitalo, aquel home bo e fiel foi lixeiro e aprontou no lugar sinalado o que o santo lle tiña indicado. O 25 de decembro chegaron a Greccio moitos frades de distintos lugares, como tamén homes e mulleres das granxas da bisbarra, traendo flores e fachos para alumar aquela noite santa. Cando chegou Francisco atopou o presebe coas pallas, o boi e o asno. As persoas que chegaron amosaron fronte á escena de Nadal unha ledicia indescritíbel, como non experimentaran antes. Logo o sacerdote, ante o nacemento, celebrou solemnemente a Eucaristía, mostrando o vencello entre a encarnación do Fillo de Deus e a Eucaristía. Naquelas, en Greccio, non había figuras: o belén foi realizado e vivido por todos os presentes [2]. 

Así nace a nosa tradición: todos ou redor da cova  e cheos de ledicia, sen distancia algunha entre o acontecemento que se cumpre e cantos participan no misterio. 

O primeiro biógrafo de san Francisco, Tomé de Celano, recorda que esa noite, engadiuse á escena simple e conmovedora o don dunha visión marabillosa: un dos presentes viu deitado no presebe ao mesmo Neno Xesús. De aquel belén do Nadal de 1223 «todos volveron ás súas casas cheos de ledicia» [3]. 

 3. San Francisco realizou unha grande obra de evanxelización coa simplicidade de aquel signo. A súa ensinanza penetrou o corazón dos cristiáns e permanece ata os nosos días como un xeito apropiado de representar con sinxeleza a beleza da nosa fe. Doutra banda, o mesmo lugar onde realizou o primeiro belén expresa e evoca estes sentimentos. Greccio tense convertido nun refuxio para a alma que se agocha na rocha para deixarse envurullar polo silencio.  

Por que o belén fai abrollar tanto asombro e nos conmove? En primeiro lugar, porque manifesta a tenrura de Deus.  El, o creador 
do universo, abaixase á nosa cativeza. O don da vida, sempre misterioso para nós, catívanos a maiores vendo que Aquel que naceu de María é fonte e protección de cada vida. En Xesús, o Pai deunos un irmán que ven a buscarnos cando estamos desorientados e perdemos o rumbo; un amigo fiel que sempre está preto de nós; deunos ao seu Fillo que nos perdoa e nos soergue do pecado. 

A preparación do presebe nas nosas casa axúdanos a revivir a historia ocorrida en Belén. Naturalmente os Evanxeos son sempre a fonte que permite coñecer e meditar aquel acontecemento; porén , a súa representación no belén axúdanos a imaxinar as escenas, estimula os afectos, convida a sentírmonos  implicados na historia da salvación, contemporáneos do acontecemento que se fai vivo e actual nos mais diversos contextos históricos e culturais. 

De xeito particular o presebe é, dende a súa orixe franciscana, un convite a “sentir” , a “tocar” o pobreza que o Fillo de Deus elixiu para si mesmo na súa encarnación. Daquela, é unha chamada implícita a seguilo no camiño da humildade, da pobreza, do despoxo, que dende a cova de Belén conduce ata a Cruz. É unha chamada a atopalo e servilo con misericordia nos irmáns e irmás mais precisados (cf Mt 25, 31-46). 

 4. Quixera agora repasar os diversos signos do belén para comprender o significado do que son portadores. En primeiro lugar, representamos o contexto do ceo estrelado na escuridade e no silencio da noite. Facémolo así, non só por fidelidade ao relato evanxélico, senón tamén polo significado que ten  de seu. Pensemos en cantas veces as tebras envurullan as nosas vidas. Pois mesmo neses momentos Deus non nos deixa sos, senón que se fai presente para responder ás preguntas decisivas sobre o sentido da nosa existencia: quen son eu? De onde veño? Por que nacín neste tempo? Por que amo? Por que sufro? Por que vou morrer? Para responder a estas preguntas Deus fíxose home. A súa proximidade trae luz onde hai escuridade e aluma a cantos atravesan as tebras do sufrimento (Lc 1,79). 

Tamén merecen algunha palabra as paisaxes que forman parte do belén e que a miúdo representan as ruínas de casas e pazos antigos, e que en ocasións substitúen á cova de Belén e convértense en habitación da Sagrada Familia. Estas ruínas semellan estar inspiradas na Lenda Áurea do dominico Jacopo da Varazze (século XIII), onde se relata unha crenza pagá segundo a que o templo da Paz en Roma derrubaríase cando unha Virxe 
parise. Esas ruínas son, sobre todo, o signo visíbel dunha humanidade caída, de todo o que está en ruínas, corrompido e deprimido. Este escenario di que Xesús é a novidade no medio dun mundo vello, e que veu a sandar e reconstruír, a volverlle a nosa vida e ao mundo o seu esplendor orixinal. 

 5. Canta emoción debería de acompañarnos namentres colocamos no presebe as montañas, os regatos, as ovellas e os pastores! Dese xeito recordamos, como xa o tiñan anunciado os profetas, que toda a creación participa na festa da vinda do Mesías. Os anxos e a estrela son o sinal de que tamén nos estamos chamados a poñernos en camiño para chegar á cova e adorar ao Señor. 

«Vaiamos a Belén ver o que sucedeu e que o Señor nos manifestou»; así falan os pastores logo do anuncio que reciben dos anxos. É esta unha fermosa ensinanza que se amosa na sinxeleza da descrición. A diferenza dos que queren estar en mil choios, os pastores convértense nas primeiras testemuñas do esencial, isto é, da salvación que se lles ofrece. Son os mais humildes e os mais pobres os que saben acoller o acontecemento da encarnación. A Deus que sae na nosa procura no Neno Xesús, os pastores responden poñéndose en camiño cara El, para un encontro de amor e de grato estupor. Este encontro entre Deus e os seus fillos, grazas a Xesús, é o que alenta de vida a nosa relixión e constitúe a súa beleza única, e resplandece dun xeito particular  no presebe. 

  6. Nos nosos presebes adoitamos poñer algunhas figuras simbólicas, sobre todo as dos pobres de pedir e as de xente que non coñecen outra fartura que a do corazón. Eles tamén roldan ao Neno Xesús con todo dereito, sen que ninguén poida botalos ou afastalos dun berce tan improvisado que os pobres non desentoan ao redor. Mais aínda, os pobres son os privilexiados de este misterio e, a miúdo, son quen de recoñecer mellor a presenza de Deus entre nós.  

No  presebe os pobres e pequenos lembran que Deus faise home para aqueles que mais senten a necesidade do seu amor e piden a súa proximidade. Xesús, «manso e humilde de corazón» (Mt11,29), naceu pobre, levou unha vida sinxela para ensinarnos a comprender o esencial e a vivir de elo. No presebe abrolla claramente a mensaxe de que podemos deixarnos enganar pola riqueza e por outras propostas efémeras  de felicidade. O Pazo de Herodes está ao fondo, pechado, xordo ao anuncio da alegría. Ao nacer nun presebe, o mesmo Deus inicia a única e auténtica 
revolución  que dá esperanza e dignidade aos  desherdados, aos marxinados: a revolución do amor, a revolución da tenrura.  Dende o presebe, Xesús proclama, con suave poder, a chamada a compartir cos últimos o camiño cara un mundo mais humano e fraterno, onde ninguén sexa rexeitado nin marxinado. 

Con frecuencia os cativos – e tamén os adultos!- gustan de engadir outras figuras ao belén que semellan non ter relación ningunha cos relatos evanxélicos. Porén, esta imaxinación pretende expresar que nese  mundo novo inaugurado por Xesús hai lugar para todo o que é humano e para toda criatura. Dende o pastor ao ferreiro, do panadeiro aos músicos, das mulleres que levan cántaros de auga aos nenos que xogan... todo isto representa a santidade cotiá, a ledicia de facer de xeito extraordinario as cousas de todos os días, cando Xesús comparte connosco a súa vida divina. 

  7. Aos poucos o presebe lévanos á cova, onde atopamos as figuras de María e Xosé. María é unha nai que olla ao seu cativo mostrándoo a cantos veñen visitalo. A súa imaxe fai pensar no grande misterio que envolveu a esta moza cando Deus petou na porta do seu corazón inmaculado. Ante o anuncio do anxo, que lle pedía que fora a nai de Deus, María respondeu con plena e total obediencia. As súas palabras: «Velaquí a escrava do Señor, fágase en min conforme a túa palabra» (Lc1,38) son para todos nos a testemuña do abandono na fe á vontade de Deus. Con aquel “si”, María convértese na nai do Fillo de Deus sen perder a súa virxinidade, mais aínda, consagrándoa grazas a El. Vemos nela a Nai de Deus que non ten ao seu Fillo só para ela mesma, senón que pide a todos que obedezan a súa palabra e a poñan en práctica (cf. Xn2,5) 

Canda María, nunha actitude de protección do Neno e da súa nai, está san Xosé. Adóitase representar co caxato na man e, por veces, sostendo tamén unha lámpada. San Xosé xoga un papel moi importante na vida de Xesús e María. El é o custodio que nunca cansa de protexer a súa familia. Cando Deus lle advirte da ameaza de Herodes, non dubidou en poñerse en camiño e emigrar a Exipto (cf. Mt2,13-15). E unha vez pasou o perigo trouxo de volta a familia a Nazatet, onde foi o primeiro educador de Xesús neno e adolescente. Xosé levaba no corazón o gran misterio que envolvía a Xesús e a María, a súa esposa, e como home xusto confiou sempre na vontade de Deus e a puxo en práctica. 

 8. O corazón do presebe comeza a latexar cando, no Nadal, pousamos nel a imaxe do Neno Xesús. Deus preséntase así, nun neno, para ser recibido nos nosos brazos. Na debilidade e na fraxilidade agocha o seu poder que todo o crea e transforma. Semella imposíbel, pero é así: en Xesús, Deus foi un neno e nesa condición quixo revelar a grandeza do seu amor, que se manifesta no sorriso e no tender as mans a todos. 

O nacemento dun neno fai xurdir ledicia e asombro, porque nos sitúa ante o gran misterio da vida. Vendo brillar os ollos dos xoves esposos ante o seu fillo que ven de nacer, comprendemos os sentimentos de María e Xosé que, mirando o neno, perciben a presenza de Deus nas súas vidas. 

«A vida manifestouse» (1Xn1,2); así resume o apóstolo Xoán o misterio da encarnación. O presebe fainos ver, fainos palpar ese acontecemento  único e extraordinario que trocou o curso da historia e a partir do que mesmo se ordena a numeración dos anos, antes e despois do nacemento de Cristo. 

O xeito de actuar de Deus case que pasmonea, pois semella imposíbel que El renuncie á súa gloria para facerse un de nós. que sorpresa ver a Deus que asume os nosos propios comportamentos: durme, mama o leite da súa nai, chora e xoga como todos os cativos. Coma sempre, Deus desconcerta, non se pode predicir, sáese sempre dos nosos esquema. Daquela o presebe  mentres nos amosa a Deus tal e como veu ao mundo, convídanos a pensar a nosa vida enxertada na de Deus; convídanos a ser discípulos seus se queremos acadar o senso último da vida. 

9. Cando se achega a festa da Epifanía, colócanse no Nacemento as tres figuras dos Reis Magos. Ollando a estrela, aqueles sabios e ricos señores do Oriente tíñanse posto en camiño cara Belén para coñecer a Xesús e ofrecerlle dons: ouro, incenso e mirra. Tamén estes agasallos teñen un significado alegórico: o ouro honra a realeza de Xesús, o incenso a súa divinidade ; a mirra a súa santa humanidade que coñecerá a morte ea sepultura. 

Na contemplación de esta escena no presebe, estamos chamados a reflexionar sobre a responsabilidade que cada cristián ten de ser evanxelizador. Cadaquén de  nós faise portador da Boa Nova cos que atopa, testemuñando con accións concretas de misericordia a alegría de terse atopado con Xesús e co seu amor. 

Os Magos ensinan que se pode comezar dende moi lonxe para chegar a Cristo. son homes ricos, sabios estranxeiros, sedentos do infinito, que parten para unha longa e perigosa viaxe que ha levalos a belén (cf. Mt2,1-12). Ante o Neno Rei quedan penetrados dunha grande alegría. Non se deixan escandalizar pola pobreza da escena, non dubidan en axeonllarse e adoralo. Ante El comprenden que Deus, o mesmo que regula con soberana sabedoría o curso das estrela, guía o curso da historia, abaixando aos poderosos e exaltando aos humildes. E, certamente, devolta ao seu Pais, terán contado ese encontro sorprendente co Mesías, inaugurando a viaxe do Evanxeo entre as xentes. 

 10. Ante o presebe, a mente vai alegremente a cando un era neno e esperaba con impaciencia o tempo para comezar a  montalo. Estas lembranzas lévannos a tomar conciencia  unha outra vez do gran don que se nos deu ao transmitirnos a fe; e, ao tempo, fainos sentir o deber e a alegría de transmitir aos fillos e aos netos a mesma experiencia. Non é importante como se monta o presebe, pode ser sempre igual ou modificarse cada ano; o que conta é que o belén nos fale á nosa vida. En calquera lugar e de calquera xeito, o belén fala do amor de Deus, o Deus que se fixo neno para dicirnos o cerca que está de todo ser humano, n calquera condición que se atope. 

Queridos irmáns e irmás, o presebe forma parte do doce e esixente proceso de transmisión da fe. Comezando na infancia e logo en cada etapa da vida, edúcanos a contemplar a Xesús, a sentir o amor de Deus por nós, a sentir  e crer que Deus está connosco e que nós estamos con El, todos fillos e irmáns grazas a aquel Neno Fillo de Deus e da Virxe María. E a sentir que nisto está a felicidade. Que na escola de san Francisco abramos o corazón abramos o corazón a esta graza sinxela, deixemos que no asombro naza unha oración humilde: o noso “grazas” a Deus, que quixo compartir todo connosco para non deixarnos nunca sos. 



Dado en Greccio, no Santuario do Presebe, 1º de decembro de 2019 






[1] Tomé de Celano, Vida Primeira, 84: Fontes Franciscanas (FF), n.468 
[2] cf. Ibíd, 85: FF, n.469 
[3] ibíd., 86: FF, n. 470 


Comentarios

Publicacións populares