Domingo 3 de Advento - ciclo A


PRIMEIRA Is 35, 1-6a. 10
Virá o mesmo Deus e salvaravos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS


35 1¡Que se alegren o deserto e maila terra reseca,
que brinque de ledicia a estepa e que floreza!
Que, coma a lis, 2floreza abundantemente,
que brinque en exultante danza!

Concedéuselle a gloria do Líbano,
o esplendor do Carmelo e do Xarón.

 Eles mesmos verán a gloria do Señor,
o esplendor do noso Deus.

 3Fortalecede as mans adormecidas,
e ponde firmes os xeonllos que tremen.

 4Dicídelles ós de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.

 Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".

5Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.

6Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do mudo cantará xubilosa.
10e os rescatados do Señor volverán por ela,
entrarán en Sión con xúbilo,
felicidade eterna sobre as súas cabezas.
Conseguirán ledicia e felicidade,
pois o sufrimento e o pranto fuxirán.




SALMO RESP Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/ (cf. Is 35, 4): Ven, Señor, a salvarnos
Ou: Aleluia.


7El garda por sempre a súa fidelidade:

failles xustiza ós oprimidos

e dálles pan ós famentos.



O Señor libra os cautivos,

8o Señor abre os ollos dos cegos,

o Señor endereita os dobrados,

o Señor ama os xustos.

9O Señor protexe os forasteiros,



Sostén os orfos e as viúvas,

extravía os camiños dos malvados.

10Reine o Señor por sempre,

o teu Deus, Sión, polas xeracións.




SEGUNDA Sant 5, 7-10
Afincade os vosos corazóns,
porque está xa cerca a chegada do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

7Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego coa
esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e
as serodias. 8Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará.
9Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o
xuíz está xa á porta. 10No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos
profetas que falaron no nome do Señor.




ALELUIA Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18):

O Espírito do Señor está sobre min:

mandoume a evanxelizar ós pobres


EVANXEO Mt 11, 2-11
Es ti o que ha de vir, ou agardamos a outro?
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

2Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle
preguntar:
3-Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?


4Respondeulles Xesús:
-Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: 5os cegos ven e os coxos andan,
os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles
anunciando a Boa Nova. 6E ditoso quen non se escandalice de min!

7Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
-Que fostes ver ó deserto?: unha cana abaneada polo vento?

8Pois logo, que fostes ver?: un home vestido con roupas finas? Pero os que vesten
roupas finas están nos pazos dos reis. 9Pois logo, a que saístes?: a ver un profeta? Si,
e abofé que moito máis ca un profeta. 10Este é de quen está escrito:

Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.

 11Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda
que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.

                                                                                                                                         

Palabra do Señor

Comentarios

Publicacións populares