FICHA E LECTIO - Inmaculada Concepción de María
LECTIO:
Muller escolleita
(8. XII. 2019)
Neste ano 2019, ó que lle faltan só pouco máis
de tres semanas pra rematar, cae en domingo a festividade da
Inmaculada, coincidindo esta tamén, de paso, co segundo domingo de
Advento. De modo que nos imos centrar sobre todo na festividade
mariana, aínda que sen esquecer o tempo litúrxico en que estamos,
que é tempo de espera e esperanza, como así o foi tamén o tempo
todo de María, á espera en primeiro lugar do nacemento do seu fillo
Xesús e, ó final da súa absolutamente sorprendente vida, á espera
da súa resurrección.
Así, pois, en relación coa festividade da
Inmaculada Concepción, podemos dicir que María foi a primeira
crente, a primeira cristiá. Con anterioridade incluso ós mesmos
Apóstolos, en canto que creu na palabra de Deus dirixida a ela e
aceptou con humildade o convite de Deus para ela ser nai de Xesús, o
noso irmán maior. Por iso podemos chamala tamén Nai de Deus, nai da
Igrexa e nai da esperanza.
Por esta fonda, íntima e inimaxinábel relación
con Deus tiña que estar María lonxe de calquera forma de pecado
dende o primeiro intre da súa existencia. É isto o que se quere en
definitiva dicir cando falamos da “Inmaculada Concepción de
María”. De aquí provén a súa grandeza. Ela é a “chea de
graza”, tal como a invocamos na oración “Deus te salve, María,
chea de graza...”. Porque se estar en “graza”, ter a “graza
de Deus” significa estar a ben con Deus, non pode haber persoa
humana no mundo coa que Deus poida estar máis a gusto ca coa que é
a Nai de Xesús.
Agora ben, para ser María a “chea de graza”
tivo que lle deixar, para dicilo dalgunha maneira, moito espazo a
Deus para que el puidese habitar plenamente nela. Faise ela así
pequena de todo, ata se converter na “escraviña” de Deus.
Integramente dedicada ó seu servizo: “Velaquí a escrava do
Señor”.
María era totalmente consciente de que para que
Deus fixese nela as súas marabillas, as súas grandezas, non podía
haber outro camiño có de ela non ser obstáculo algún á obra de
Deus. É dicir: o de se recoñecer pequena ante a grandeza do poder e
da bondade de Deus. Será así como María se converterá en
verdadeiramente “grande”. Recoñecerao no seu fermoso himno do
“Magníficat”, cando vai visitar a súa curmá. “Proclama a
miña alma a grandeza do Señor, alédase o meu espírito en Deus o
meu Salvador, porque ollou a humillación da súa escrava... O
poderoso fixo obras grandes por medio de min”.
Neste sentido cómpre ter en conta, como xa
algunha vez vos comentei, un detalle filolóxico que non carece de
importancia. Refírome a que propiamente non deberiamos dicir sen
máis de María que está “chea” de graza, senón que foi
“enchida” (por Deus) de graza. Así o quere dar a entender Lucas
cando escribe en grego “kejaritoméne”, que é unha forma verbal
pasiva. Como se dixésemos: “Alédate, María, Deus encheute de
graza”. Deste modo vén expresar Lucas que é sempre Deus o que
toma a iniciativa, o que “enche”. Por iso María ten plena razón
cando manifesta que foi Deus, non ela, quen fixo que nela xurdisen
grandes marabillas.
Mais non deberiamos quedarnos aquí nesta
obrigada loa de María Inmaculada pola grandeza que recibiu do noso
Deus. Tampouco nos deberiamos limitar a lle agradecer a Deus as
grandezas que realiza no mundo ó se facer fillo en Xesús dunha
muller, María, que non por iso deixa de continuar a ser unha
criatura humana como calquera de nós.
Porque a grandeza realizada por Deus en María é
toda ela unha case incríbel mensaxe. Pois todas e todos estamos
dalgún modo representados nela en canto “chea de graza”. A única
diferenza está en que o que en María é xa “plenitude de graza”,
en nós, en toda a humanidade, é un proxecto que está Deus aínda a
realizar. Todos nós temos o mesmo destino: deixármonos encher pola
sobreabundante graza de Deus, un destino no que María vai diante
nosa. Para así formarmos xunto con ela unha mesma e única
comunidade de amor a Deus Pai e de mutuo amor entre todos nós.
Ese vén ser o destino do que nos fala o apóstolo
Paulo na carta ós Efesios, cando nos di alí: “Deus Pai
bendiciunos con toda bendición espiritual, en Cristo”. Deus
“escolleunos para sermos santos e sen
mancha [é dicir, “in-maculados”]”.
Estamos “predestinados polo Pai a sermos fillos adoptivos seus”.
Fomos “prelixidos... para sermos imaxe da súa gloria”.
Agora ben, que significado concreto ten todo isto
para nós, alén de recoñecermos e agradecermos este grandioso
destino que Deus nos ten preparado?
Coido que a grandiosidade desta festa da Inmaculada está en que nos
pon de manifesto que cando unha persoa se entrega en corpo e alma a
Deus, pode el facer nela e con ela verdadeiras marabillas. Pode
convertela, como ocorre en María, en vivo e sorprendente instrumento
de salvación para moitos.
María foi así a que nos trouxo ó mundo Xesús,
que significa Salvador. Foi ela a que, coa súa plenitude de graza,
puido ter no seu colo o desexado de tódalas nacións, o Deus feito
home. Foi ela a que no seu fillo Xesús nos deu a posibilidade dunha
fraternidade universal con tódalas persoas. E non imaxinemos María
como unha muller fóra do normal, recluída no interior de si mesma
coma se o peso da súa gran dignidade a paralizase. Pois ela
entendeuse sempre a si mesma como a “escraviña” de Deus, como
muller sinxela, pobre, dilixente e traballadora, fiel coma ninguén a
Deus e ós demais, espallando entre todos o amor que ela recibira de
Deus. Como podería ser doutra forma a nai de Xesús, daquel que
naceu e viviu toda a súa vida entre xente sinxela e pobre e
identificándose con ela?
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/festa-inmaculada-concepcion-a-lucas-126-38/
Comentarios
Publicar un comentario