BO NADAL

Inda que con retraso, envíovos ,con moito agarimo,
 os mellores desexos de Nadal. 
Nestes tempos nos que a familia vai primeiro,
puxen a familia por diante mentres meu pai todavía está aquí.

Unha grande aperta de Nadal, coa tenrura
da esperanza que renace un ano máis.


(comparto convosco a miña panxoliña favorita deste ano)




Deus está de días
(25. XII. 2019)

Poderiamos dicir que hoxe está de días aquel a quen queremos seguir os cristiáns mais tamén calquera persoa de boa vontade que no fondo do seu corazón ama a practica canto amou e practicou Xesús, o Cristo, o Fillo de Deus, que nun día coma hoxe entrou na historia humana facéndose irmán noso.

En tal sentido, Xesús está de aniversario, cumpre anos. Aproximadamente, uns 2021 anos, se temos en conta que ó parecer Xesús historicamente naceu máis ou menos dous anos antes do comezo da que chamamos a era cristiá.

En calquera caso, Xesús continúa vivo. Pois o morrer, o que se di o morrer definitivo non lle afectou. De modo que segue a vivir. El dicía que era a Vida. E como podía morrer quen é a Vida mesma? Imposíbel. E se segundo as nosas categorías ou o noso modo normal de pensar morreu, en realidade habería que dicir máis ben que o mataron, non que morreu. E morrendo desa maneira, converteuse en vida para sempre, para el e para todos nós.

Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque morrer, o que se di morrer, tampouco nós morreremos se é que cremos na mensaxe que nos trae o Neno de Belén.

Semella que na festa de Nadal non habería que falar de mortes ou cousas así, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu acender tamén vida en todos nós. E, porén, a liturxia deste día faino, polo menos indirectamente. Cando despois da comuñón recitemos a oración final, chamada pos-comuñón, diremos alí: “Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que el nos conceda tamén o don da inmortalidade”.

Isto quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada para sempre na nosa natureza mortal algo así como a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó colocar con Xesús a súa tenda entre nós -como se nos di no evanxeo de Xoán- ó se unir con Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais...

Estas son as marabillas de Deus, porque –como lle dicía o anxo da Anunciación a María- “para Deus non hai imposibles”.

Claro que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós, queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén se fai hoxe irmán noso e que nos converte en inmortais, é unha angueira cotiá, que terá certamente boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús. De feito, acabamos de llo pedir a Deus Pai na primeira oración desta eucaristía da festa do Nadal deste xeito: “Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade”.

Agora ben, que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de Deus?

Pois significa algo que en si mesmo non deixa de ser verdadeiramente paradoxal. Cando Deus se encarna en Xesús, iso quere dicir que temos aí diante, no Neno Xesús, un Deus humanizado. A nosa fe cristiá sostén que Xesús é verdadeiro ser humano e verdadeiro Deus. En consecuencia, participar na divindade de Xesús é participar nesa divindade humanizada. E isto significa que se queremos ser verdadeiramente divinos (e todos o queremos dunha ou doutra forma), temos que ser verdadeiramente humanos.

E, desde logo, semella que non debe de ser moi doado iso de convertérmonos en verdadeiramente humanos cando Deus tivo que se facer el mesmo humano coma calquera de nós para nos aprender así a sermos humanos de verdade.

Porque sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos ós demais, querer sen excepción, sobre todo aqueles que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper con desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos que sofren e alegrarse cos que se alegran.
Todo isto está incluído na incríbel e universal mensaxe do Nadal do Señor.

Como funcionan as cousas da nosa sociedade despois de tantos anos da aparición humana e humanizadora de Xesús onda nós?

Non fai falla darlle moitas voltas ó tema para nos decatarmos de que queda aínda moito por facer para que os seres humanos nos parezamos de verdade ó Deus humanizado do Nadal nos nosos modos de proceder. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade deben mellorar aínda moito para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa en nós á súa realización.

Pois dunha sociedade só se poderá dicir que é verdadeiramente humana cando, á semellanza do que se nos anuncia no Nadal, pode haber nela fe e ilusión no futuro, pois os nenos (coma o Neno Xesús) son precisamente ese futuro que vai vir. Cando os matrimonios poden ter fe e esperanza no seu futuro e no dos seus fillos. Cando sexan máis os que nacen cós que nos deixan.

Unha sociedade é verdadeiramente humana, cando hai nela máis alegría, ilusión e traballo ca medo ou angustia por non atoparmos nela o lugar para se desenvolver como é debido. Cando estranxeiros, emigrantes e pobres son aceptados como irmáns de Xesús e irmáns nosos. Cando todos cantos formamos parte dela somos respectados nos seus dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos.

En fin, unha sociedade é humana e, polo tanto, tamén divina cando se amosa sensíbel e aberta á palabra derradeira que Deus dirixe á humanidade toda no Neno de Nadal. Cando é capaz de celebrar agradecida esta festa de Nadal.

Celebrémola agradecidos, sentíndonos unidos á humanidade toda, destinataria desta Palabra humano-divina, que é o Neno de Belén.

FELIZ NADAL!!!


Manuel Cabada Castro

Comentarios

Publicacións populares