FICHA E LECTIO: Domingo 4 de Advento A



FICHA:

Deus connosco
(22 de Nadal de 2019)

Un filósofo non moi coñecido, que viviu a comezos do século XIX, e que se apelidaba Krause, do que procede o chamado krausismo español, ideou un sistema filosófico coñecido como “pan-en-teísmo”, que non é o mesmo que “panteísmo”. Este último, o panteísmo, defendería que todo é Deus. Mais o “pan-en-teísmo” de Krause sostiña, polo contrario, que todo está en Deus; non que todo sexa Deus.

En realidade, dicir que todo está en Deus no debería soarnos como algo novo ou cousa recentemente inventada. Trátase dunha idea moi antiga e, desde logo, moi cristiá. Aparece con frecuencia en santo Agostiño e moitos outros importantes pensadores cristiáns, tanto antigos como modernos. Podemos imaxinarnos esta situación como algo semellante ó que lles ocorre ós peixes que, sen dárense de conta, están dentro da auga, que lles fai posible vivir e moverse. Semellante tamén ás pombas ou gaivotas, que sen ser o aire, están no aire e poden vivir e voar porque o aire as envolve e as enche de posibilidades. Os peixes e as aves non son mar nin aire. Pero están no mar e no aire e participan dalgunha maneira do modo de ser do aire ou do mar.

Xa nos Feitos dos Apóstolos aparece Paulo formulando algo semellante a isto cando falaba sobre o modo como nos relacionamos todos nós con Deus. Dicía Paulo: “Deus non está lonxe de cada un de nós, porque nel vivimos, nos movemos e estamos”. Algo parecido, como vedes, ó que lles ocorre ás aves e ós peixes en relación co seu aire ou coa súa auga.

Coido que todo isto ten algo que ver coa primeira Lectura (do profeta Isaías), que resulta moi apropiada para este tempo de preparación para o Nadal de Xesús: “Velaí que a virxe está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome ‘Emmanuel’ (que significa ´Deus connosco’)”.

O tempo de Advento é un tempo de avivar a conciencia deste estar “deus connosco”, dese achegamento tan grande de Deus a nós, tal como celebramos no Nadal ó el mostrársenos a nós na presenza engaiolante dun neno humano. Por iso, Xesús non é só un ser humano máis, senón o lugar do encontro máis íntimo que se pode imaxinar entre Deus e a humanidade. Encontro tamén con toda a creación, que é a base e o fundamento de todos e cada un de nós. Na aparición entre nós de Xesús concéntranse, pois, divindade e humanidade dunha maneira inconcibíbel e marabillosa. Paulo exprésao á súa maneira na súa carta ós Romanos (na segunda Lectura de hoxe). Xesús Cristo, dinos nela Paulo, “naceu como home da semente de David, pero foi constituído fillo de Deus con pleno poder polo Espírito (Santo) santificador”.

É dicir, seguindo co símil das aves e dos peixes, Xesús é un ser humano coma todos nós, mais vive dunha maneira especial no “Espírito” de Deus, no aire de Deus. A palabra “espírito”, como ben sabedes, ten que ver co “aire” que respiramos e que nos dá vida. Para Paulo ese “espírito” é Espírito santo, Espírito “santificador”, Espírito divinizador.

De modo que en Xesús radica toda a nosa salvación. O mesmo nome de “Xesús” significa, como ben sabedes tamén, “Salvador”, ou máis exactamente, “Yahvé salva”, “Deus salva”. Por que pode salvarnos Xesús e de feito nos quere salvar e nos vai salvar? Pois porque el ten, como Fillo único e benquerido de Deus Pai, todo o poder do Pai e todo o seu amor e porque, ademais, é un máis de nós, igual en todo a nós, absolutamente solidarizado connosco, por marxinada ou pobre que sexa a situación dunha concreta persoa. El é absolutamente próximo a nós, a todos nós, e ten poder infinito para nos liberar de todo mal, incluída a liberación da morte ó concedernos a resurrección para sempre. En resumidas contas, Xesús salva porque é “Emmanuel”, é dicir, porque é “Deus connosco”.
É o mesmo que se nos di no famoso “Limiar” do evanxeo de Xoán, cando se nos fala alí de Xesús como a “palabra” que Deus Pai dirixe ó mundo, á humanidade toda. É unha palabra divina, pois trátase dunha palabra, segundo se nos explica alí, que “vén de Deus” e que, ademais, ¡marabilla das marabillas!, é “Deus” mesmo, o Deus humanizado. Desta “palabra”, dísenos no evanxeo de Xoán: “A palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda”.

Unha vez máis podemos admirar e loar a grandeza de Deus, o seu marabilloso modo de ser e de se comportar. Deus sae en certo modo do interior de si mesmo, da profundidade e inabarcabilidade da súa divindade para se facer un máis entre nós sen deixar de ser o que desde sempre é: o Deus absolutamente infinito.

Para Xoán, Xesús é a palabra que Deus dirixe ó mundo. Unha palabra que, liturxicamente, e neste ano dentro de un par de días (no próximo mércores, día 25), se vai facer carne e presenza agarimosa entre nós. Sen el poder aínda falarnos (malia ser a “palabra”!) como unha persoa que sabe xa falar, senón coma un neno, mellor, coma un “infante”, é dicir, coma un “non falante” (pois iso significa “infante”). Ben sabemos que os nenos, coa súa soa presenza confiada, amorosa e risoña, suscitan amor por si mesmos sen necesidade de palabras. En realidade, eles falan tamén, mais cunha linguaxe chamada “non verbal”, é dicir, non utilizando aínda palabras pertencentes a unha lingua concreta.
Tamén sabemos moi ben os adultos que os xestos, os comportamentos, as olladas que se dirixen ou non se dirixen a unha persoa determinada, os silencios ou calquera outra actitude coa que nos relacionamos ou non nos relacionamos cos demais, poden falar máis alto, dicir moito máis, có que expresamos ordinariamente coas palabras do dicionario. Por iso a vivencia e presenza mesma de Xesús nacendo coma un marxinado, nunha familia con moi poucos medios, no seo acolledor da natureza, fálanos moito máis clara e convincentemente sobre os temas fundamentais do evanxeo que o máis elevado discurso construído con fermosas palabras.

Deámoslle, pois, grazas a Deus Pai por ternos querido falar de si mesmo por medio do seu Fillo da maneira como el o fixo no xa próximo Nadal.

Manuel Cabada Castro





VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/4-advento-a-mateu-118-24/


Comentarios

Publicacións populares