Ficha e lectio - Domingo 4 de Coresma C
LECTIO:
Entrañas
maternais
(31. III. 19)
A
parábola do Fillo Pródigo é do máis marabilloso que un se pode imaxinar como
imaxe do que é en si mesmo Deus e de como se comporta. Contada ademais por un
Xesús que coñece o seu Pai Deus da maneira máis íntima e fonda que cabe pensar.
As nosas ideas de Deus, por moi atinadas e sublimes que as poidamos considerar,
son lixo e nada ante a fonda e incomparábel sabenza que de Deus Pai ten o seu
único e “benquerido” Fillo.
Esta
vivencia e experiencia que ten Xesús de seu Pai podería el manifestárnola cun
par de palabras ou conceptos, dicíndonos por exemplo, como se se tratase dunha
tese filosófica ou teolóxica dun profesor moi douto e erudito, algo así coma o
seguinte: “Deus, o meu Pai, é infinitamente misericordioso”. Quedariamos un
tanto fríos e sen saber moi ben como se concreta iso na realidade. Mais como
Xesús é a presenza viva e real de Deus no mundo, feita carne e sangue, por iso
non pode el falarnos sobre o seu Pai ó xeito dun douto profesor. Terá que
expresalo, alén dos conceptos máis ou menos fríos ou baleiros, con parábolas e
imaxes, que sempre din máis, moito máis, ca unhas meras e simples palabras
conceptuais ou abstractas.
Por
iso Xesús falaba case sempre ós seus oíntes en parábolas, que veñen sendo
palabras encarnadas, da mesma maneira que Xesús é e actúa coma un Deus
encarnado e próximo.
Non
deixa de ser curioso que só Lucas nos narre esta preciosa parábola. E trátase
do mesmo Lucas que nos refería hai un par de domingos aquela escena de Xesús
comentando na súa aldea de Nazaret un texto de Isaías. Alí, para expoñer ante
os seus oíntes as ideas fundamentais da súa mensaxe, escollera e lera Xesús do
texto de Isaías palabras de liberación e salvación, omitindo as de condena ou
vinganza que figuraban no propio texto de Isaías. Para Xesús era ese un
discurso programático, que el mesmo quixo contrapoñer á visión limitada e
recortada de Deus do Antigo Testamento. Naquela ocasión –como lembraredes- os
veciños da súa aldea amosáronlle o seu enfado e desgusto. Tanto que mesmo o
querían matar.
Na
parábola de hoxe o mesmo desgusto, e pola mesma razón, vaino manifestar o irmán
maior do fillo pródigo (que ficara na casa). Non deixan de ser estrañas e
rechamantes as sospeitas e os reparos que no fondo adoitamos ter respecto de que
Deus poida ser de verdade bo, con amorosas entrañas de compaixón e
misericordia.
Pois
ben, aquilo que Xesús comentaba entón na sinagoga de Nazaret, de maneira aínda
algo abstracta, vaino revestir de cor e vida na parábola de hoxe.
Para
empezar, cómpre indicar que non é moi axeitado ó contido da parábola iso de
chamala, como tradicionalmente facemos, parábola do “fillo pródigo”. Porque
este título semella pór demasiado o acento aínda no comportamento aloucado e
insensato do fillo menor: nos seus pecados e desvaríos. Mais non é ese o centro
da mensaxe da parábola, senón que o esencial dela é a inimaxinábel e case
incomprensíbel misericordia de Deus Pai-Nai. Esta é a súa mensaxe fundamental.
Por iso din algúns comentaristas que deberiamos denominala máis ben algo así
como “a parábola do Pai bo e misericordioso”.
Deus
non é un vingador e castigador. Como aínda pensaba dalgunha maneira o mesmo
profeta Isaías. Precisamente por iso eliminara Xesús na súa lectura pública do
texto de Isaías as palabras correspondentes a esta idea “vingadora” que o
profeta tiña aínda de Deus.
De
feito, Xesús vén presentarnos o fillo maior (o que se quedou na casa) case como
un verdadeiro modelo da relixiosidade e do modo correcto de se comportar dun
fiel cumpridor das normas do Antigo Testamento. O irmán maior resístese a
entrar para apertar o seu irmán (como fixera seu pai) e a celebrar conxuntamente
con grande alegría a volta á casa do fillo menor. Resístese porque para el iso
significaría non tomar en serio o pecado, a transgresión da lei por parte do
seu irmán. Quen verdadeiramente merecería esa festa –pensa el- sería el mesmo,
o irmán maior, porque durante toda a súa vida non fixera outra cousa senón ser
un fiel, exacto e escrupuloso servidor da lei de Deus. “Levo moitos anos
servíndote sen che faltar nunca en nada”, replícalle “moi alporizado” o fillo
maior a seu pai. Servizo, pois, sometemento ás normas e consecuentes dereitos
adquiridos por ese correcto modo de proceder son os argumentos que esgrime o
fillo maior ante seu Pai.
Os
razoamentos do irmán maior non deixan de ter a súa lóxica e a máis dun de nós
poden resultarnos incluso coherentes e comprensíbeis. Mais non é esa a lóxica
dun Deus que se define a si mesmo polo amor, pola relación paternal ou maternal
con tódalas súas criaturas, con tódalas persoas, ás que el considera como
verdadeiros fillos del, en canto irmáns do Xesús que se fixo irmán noso.
O
Pai intenta introducir o seu fillo maior nunha lóxica distinta. Na súa
bondadosa conversa co seu fillo maior quere introducirnos o Pai (é dicir, o
Deus de Xesús) a todos nós nun modo de pensar e de ser que é verdadeiramente elemento
central do Evanxeo.
Non
se trata só do fillo maior. Tamén o fillo menor pensaba en certo modo da mesma
maneira có maior, cando despois de tantos desvaríos se parou por fin a
recapacitar sobre o que lle estaba a pasar tralos golpes inesperados e
insospeitados que recibira na vida. Alí está el inerme, espido e desasistido
ante a crúa realidade da súa propia situación. Este fillo menor tampouco se
pode imaxinar o seu Pai esperándoo cos brazos abertos. Nos seus plans non entra
sequera a posibilidade de se relacionar con el coma un fillo. El opera con
categorías de pecados cometidos, de traballos a realizar coma un xornaleiro
máis. Seu pai non pode seguir sendo xa pai del. Bo é se o recibe aínda así,
coma un servo e xornaleiro. Categorías típicas do Antigo Testamento.
Mais
o Novo Testamento é unha cousa moi distinta, algo que supera totalmente as
categorías do Antigo. Recórdanolo ben Paulo na súa carta de hoxe ós Corintios:
“Quen estea en Cristo é unha criatura nova: o que era vello pasou. Velaí unha
realidade nova”.
O
tempo de Coresma convídanos e anímanos a entrar nesta insospeitada “novidade”
de Xesús, que nos revela un Deus Pai que é, por enriba de todo, misericordia e
amor.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario