Domingo 3 de Coresma C



PRIMEIRA Ex 3, 1-8a. 13-15
"Eu son" mandoume onda vós
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

3 1Moisés pastaba os rabaños de seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. 2Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía. 3E dixo para si: "Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira".

4En vendo o Señor que Moisés se achegaba para ver, chamouno desde a silveira:
-"¡Moisés! ¡Moisés!"

El respondeu: -"Aquí estou".

5Díxolle Deus: -"Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada". 6E engadiu: -"Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob".

Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.

7O Señor díxolle: -"Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. 8Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía.

13Moisés replicou: -"Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: E cal é o seu nome? Que lles direi eu entón?"

14Deus respondeulle a Moisés: -"EU SON O QUE SON". E engadiu:
 -"Diraslles así ós israelitas: EU SON mándame onda vós". 15E mandoulle aínda: -"Diraslles tamén ós israelitas: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme tódalas xeracións.



SALMO RESP. Sal 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 11
R/ (8a): 8O Señor é misericordioso e clemente.

Alma miña, bendice ó Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
2Alma miña, bendice ó Señor,
non esquéza-los seus beneficios.

3El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
4rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

6O Señor fai xustiza
e defende o dereito do oprimido.
7Mostroulle a Moisés os seus camiños,
ós fillos de Israel as súas fazañas.

8O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercedes.
11Canto se alza o ceo sobre a terra,
así é grande o seu amor para os que o temen;


SEGUNDA 1 Cor 10, 1-6. 10-12
A vida do pobo no deserto con Moisés escribiuse para a nosa conversión
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

10 1Non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar; 2que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; 3que todos comeron o mesmo alimento espiritual -4pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo-. 5Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.

6Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degaros do mal, coma eles os tiveron.

10Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron víctimas do Exterminador.

11Isto sucedeulles a eles coma exemplo, pero escribiuse para o noso escarmento: para nós que vivimos na fin dos tempos. 12¡De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer!
  


VERSIÑO Mt 4, 17
Facede penitencia, di o Señor;
está cerca o reino dos ceos.


EVANXEO Lc 13, 1-9
Se non fixerades penitencia, todos pereceredes
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

13 1Naquel intre presentáronse algúns para contarlle a Xesús o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. 2El respondeulles: 
-¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? 3Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. 4¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? 5Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.

6E púxolles esta parábola:
-Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. 7Díxolle ó viñador: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?" 8El respondeulle:

"Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; 9a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".


Comentarios

Publicacións populares