Domingo 4 de Coresma C



PRIMEIRA Xos 5, 9a. 10-12
O Pobo de Deus celebra a Pascua ó entrar na terra prometida
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE XOSUÉ

9Dille o Señor a Xosué: -"Hoxe quiteivos de enriba o oprobio de Exipto".

10Os fillos de Israel acamparon en Guilgal e celebraron a Pascua no décimo cuarto día do mes, polo serán, nas chairas de Iericó. 11No día seguinte á Pascua, comeron dos productos do país: bolos ázimos e espigas torradas, no mesmo día. 12E, ó día seguinte de comeren do froito da terra, cesou o maná, e en adiante xa non houbo maná para os fillos de Israel: aquel ano comeron do producto da terra de Canaán.


SALMO RESP. Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7
R/ (9a): Gustade e vede qué bo é o Señor

2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

4Exaltade comigo ó Señor,
louvemos xuntos o seu nome.
5Eu busco ó Señor, e El responde,
líbrame de tódolos temores.

6Ollade para El e refulxide,
non poñades caras murchas.
7O Señor escoita ó pobre que o chama
e líbrao de tódolos apretos.


SEGUNDA 2 Cor 5, 17-21
Deus reconcilionos consigo por medio de Cristo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
17Quen estea en Cristo, é unha criatura nova: o que era vello, pasou. ¿Vedes? Hai unha realidade nova.

18E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servicio da reconciliación. 19Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. 20Somos, logo, embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímovolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. 21A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, gracias a el, nos volvesemos nel xustiza de Deus.


VERSIÑO Lc 15, 18
Levantereme e irei onda meu pai e direille:
meu pai, pequei contra o ceo e contra ti


EVANXEO Lc 15, 1-3. 11-32
Este teu irmán estaba morto e reviviu
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

15 1Os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. 2Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
-Este acolle os pecadores e come con eles.

3Entón Xesús contoulles esta parábola:
11E dixo tamén:
-Un home tiña dous fillos. 12O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartíulle-los seus bens. 13Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

14Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. 15Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coida-los porcos. 16Alí chegou a ter gana de enche-lo estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

17Recapacitando, pensou: "¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. 18Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; 19xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".

20Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno garimosamente. 21O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".

22Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. 23Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. 24Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.

25Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mailo baile. 26Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. 27O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou mata-lo cuxo cebado por recuperalo san e salvo". 28Entón alporizouse moito, e non quería entrar.

Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. 29El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para farrear cos meus amigos; 30e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e máta-lo cuxo cebado".

31O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, 32¿que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".

Comentarios

Publicacións populares