Ficha e lectio - Domingo 1 de Coresma C
FICHAS ANTERIORES:
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Da
corentena á boa noticia
(10 de marzo de 2019)
Hai
só catro días, no pasado mércores de cinza, empezabamos o tempo da Coresma, un
nome este, o de “Coresma”, que ten que ver (“coresma” – “corenta”) cos
“corenta” días de xaxún que, segundo o texto dos evanxeos, pasou Xesús no
deserto tras ser bautizado por Xoán Bautista. Sabemos que o dos “corenta” días
non hai que entendelo literalmente, pois trátase dun número simbólico de
“plenitude”, segundo nos din os entendidos. Vén significar algo así coma se
dixésemos: “Xesús foi tentado sempre”.
Como sempre somos tentados todos nós. Ás veces imaxinamos Xesús tan “divino”
que nos pode resultar case incomprensíbel que puidese ser “tentado” coma nós.
Mais Xesús era tamén humano. Só que moito máis humano e por iso precisamente
moito máis divino tamén. Tan divino que era o fillo benquerido de Deus.
En
calquera dos tres ciclos da liturxia da Coresma fálasenos sempre no primeiro
domingo (o de hoxe) sobre as tentacións de Xesús. Pois ben, na súa íntima,
persoalísima, relación e comunicación co seu Pai Deus no deserto, Xesús veuse
tentado, pese a todo, polo espírito malo, polo Satán do que nos fala hoxe
Lucas.
O
ser humano, todos e cada un de nós, somos un misterio para nós mesmos.
Atráennos o poder, o prestixio, a fama. Queremos ser máis cós demais. E a estes
pásalles outro tanto. E sabemos que se nos deixamos levar por todo iso, sofren
a irmandade, a fraternidade, a igualdade. Xesús debeulle de dar moitas voltas a
este duro conflito que se produce no interior de todos nós, tamén no seu propio
interior.
Mais
no deserto, na soidade consigo mesmo e en íntima compaña co seu Pai Deus,
chegou Xesús á irrevogábel conclusión de que a vontade do seu Pai era a de
instaurar no mundo un reino de amor e fraternidade. Por iso, o deserto de Xesús
será (a diferenza do deserto de Xoán Bautista) unha etapa só pasaxeira, que o
levaría axiña a traballar directamente xunto cos seus apóstolos e discípulos a
prol da instauración dese reino. Esa é a “boa nova” de Xesús.
Os
que nos describen a peripecia de Xesús no deserto, en loita entre o falaz
convite de Satán ó poder e á fama e a chamada do Pai á instauración dun reino
de fraternidade, fálannos do importante papel que nesa loita xoga o “Espírito
Santo”. É ese Espírito divino o que empuxa, forza, leva Xesús ó deserto, algo
así como unha poderosa onda dun mar impetuoso nos leva cara a onde ela quere. É
ese Espírito forte de Deus o que clarifica as ideas de Xesús e o que lle dá
forzas así para resistir as tentacións do mal espírito, do tentador, do Satán.
Será
ese mesmo Espírito de Deus que o levou ó deserto o que o encamiñará tamén, fóra
do deserto, cara ó encontro cos homes e mulleres do seu tempo. Coa xente normal
e corrente, coas súas necesidades, sufrindo as penurias que lles impoñen cantos
se deixan levar polo espírito de Satán, é dicir, os poderosos en cargos,
diñeiro, prestixio social ou político, ós que non lles importan ren os demais.
A tódolos marxinados ou desprezados polos de arriba vailles anunciar Xesús a
“boa nova”, a “alegre noticia”. Unha boa noticia, que ten como centro a
experiencia de sentírense todos irmáns entre si e fillos queridos de Deus Pai.
A
Coresma tivo popularmente noutros tempos un sentido algo tristeiro, de renuncia
a certas cousas no comer ou de realización de determinadas prácticas
penitenciais. De aí o contraste popular entre o Entroido destes festivos días
pasados e a austera Coresma na que agora xa estamos. Unha Coresma que
liturxicamente empezaba ademais con ese convite, na antiga fórmula da
imposición da cinza, a lembrármonos de que “somos po e que en po nos imos
converter”. Pola contra, a mensaxe da fórmula de imposición da cinza do
mércores pasado é agora moito máis alegre e, tamén, sen dúbida, moito máis
cristiá por concordar mellor coa mensaxe central de Xesús. A fórmula actual é,
como sabedes, esta: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir, vólvete cara á
grande e alegre noticia que Xesús nos dá.
Ben sabemos cal é esa boa nova. Nada máis e
nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, de que Deus está
connosco, de que Deus nos quere como a fillos del que somos e de que calquera
outra persoa está destinada, igual ca min, a formar parte dun reino sororal e
fraternal de xustiza, de amor e de paz.
Compráceme
por iso a expresión tradicional galega “Antroido” (ou “Entroido”) máis cá de
“Carnaval”. Porque “Entroido” se refire directamente á “entrada”, á entrada na Coresma. Non hai polo
tanto un “corte” entre o Entroido e a Coresma, tal como se vén representado popularmente
nas troulas e festas do Entroido en contraste co austero rito do antigo comezo
da Coresma de que non somos máis ca po. O Entroido é só a porta de entrada,
alegre e festeira, á ledicia, moito máis fonda e universal, que nos trae Xesús,
cando no novo rito se nos pide que nos convertamos ó “Evanxeo”, é dicir, ó “bo”
ou “alegre” “anuncio” de Deus en Xesús para todos e cada un de nós.
Precisamente
por ser esta “boa nova” unha boa nova para TODOS e non só para algúns, por iso
–digo- a nosa alegría ten que ser inclusiva e non “exclusiva”. Ten que incluír
nela a cantos poderían sentirse discriminados nas súas vidas, pois todos eles
son tamén irmáns meus e, xa que logo, non deberían ter motivo ningún para me
acusaren a min de que non me comporto con eles coma un verdadeiro irmán.
Esta
é, pois, a fermosa tarefa que temos diante nosa neste tempo coresmal que
acabamos de comezar. Pidámoslle ó Espírito Santo, ó Espírito de Deus, que nos
empuxe con forza, como o fixo con Xesús, ó “deserto” da nosa conversión a Deus
Pai para así sermos quen de chegar a considerar a todos como verdadeiros irmáns
nosos.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario