Ficha e lectio - Domingo 2 de Coresma C
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Querer
transforma
(17.
III. 2019)
Estamos
en tempo coresmal. E, en consecuencia, os textos litúrxicos que hoxe se nos
presentan para a nosa consideración teñen que ver con este tomarmos conciencia
da persoa de Xesús nuns momentos moi especiais da súa vida. E a vida de Xesús
non se pode entender sen a súa morte e sen a súa resurrección.
A
escena descrita no evanxeo de hoxe por Lucas sobre a transfiguración de Xesús
maniféstanos dunha maneira moi clara e concisa esta visión conxunta de vida,
morte e resurrección de Xesús, tan intimamente relacionadas nel entre si.
Vexámolo
algo máis amodo. Xesús camiña monte arriba, unha vez máis cos tres apóstolos
máis proximamente achegados a el e, unha vez máis tamén, para orar. É dicir,
para se poñer en contacto, dunha maneira máis formal e explícita, con seu Pai,
co seu Paiciño querido. Xa na escena do bautismo que recibira Xesús de Xoán
aparecía a voz de Deus Pai amosando a súa compracencia co seu Fillo benquerido.
Trátase dunha amizade fonda, única, moi íntima, infinitamente meirande cá que
poden ter entre nós os pais cos seus fillos pequenos. Xesús pasábao moi ben
falando de noite ou de día con seu Pai, que o quería infinitamente a el; e el,
Xesús, queríao tamén pola súa parte infinitamente a el. Para Xesús orar non estaba
mesturado, como nos podería ocorrer a nós, cun certo modo de obriga moral,
senón que era un infinito pracer que o enchía de felicidade.
É
sabido que Lucas, o autor do texto do evanxeo de hoxe, acostuma referirse
bastantes veces á oración de Xesús. Tamén o fai hoxe. E dinos que foi
precisamente “mentres estaba orando” cando Xesús se transfigurou: “cambiou o
aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes”.
Esta descrición, típica da literatura apocalíptica, é a que nos fai enxergar
dalgunha maneira o incriblemente transformado que se volvía Xesús cando
contactaba co seu Pai Deus. Algo así como unha fermosa lámpada se ilumina de
súpeto marabillosamente cando se conecta á rede eléctrica. Se Xesús podía dicir
sobre si mesmo que era a “luz do mundo”, iso só era posíbel pola súa
inimaxinábel unión con esa fonte infinita de luz que é Deus mesmo. Xesús
aparece así feliz e resplandecente, transfigurado. Como o poden estar, aínda
que en moito menor grao, unha nai co seu fillo ou filla, a noiva co seu noivo
ou, en xeral, alí onde se encontren dúas persoas que se queren moito. Todo
queda iluminado: as persoas e as cousas, o ceo e maila terra, o pasado e o
futuro. O amor transfórmao todo.
Na
escena descrita por Lucas o tempo pasado móstrase nas figuras de Moisés e de
Elías en canto representantes da lei e dos profetas do Antigo Testamento.
Moisés e Elías aparecen aquí conversando, “falando” con Xesús. Xesús vén sendo
o cumprimento definitivo de todo o anunciado antes por medio da lei e dos
profetas, aínda que superándoos totalmente. Pois, en calquera caso, Moisés e
Elías e todo o que eles representan pertencen ó pasado. Por iso, o único que
queda ó final, despois de apareceren Moisés e Elías durante algún tempo na
escena, é Xesús, o Fillo benquerido do Pai Deus, ó que a “voz” do Pai se
referirá cando proclama: “Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo”. “Cando a
voz acabou –dinos Lucas- Xesús apareceu só”. Coa vinda de Xesús, xa non queda
pegada algunha de leis, preceptos, normas ou ritos pasados. Agora só temos a
Xesús, e con el a “boa nova” que nos anuncia que temos un Pai-Deus que no seu
fillo Xesús nos quere a todos como irmáns seus.
Como
é doado decatarse, a frase “Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo” está moi
en liña con aquela outra coa que fomos introducidos, o mércores de Cinza, no
tempo coresmal: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir, dirixe a túa vista e o
teu corazón cara a aquel que é o Fillo de Deus e escóitao, porque el é o
escollido polo Pai, por Deus-Pai. Hai aquí, no texto de Lucas, unha pequena
variación respecto dos textos de Mateo ou Marcos, pois estes últimos fálannos
do Fillo “benquerido” polo Pai, mentres que Lucas nos di que Xesús é o
“elixido” polo Pai. Mais esta variación non fai senón reforzar a mensaxe do Pai
de que El ten posto o seu corazón en Xesús.
Na
escena integradora da vida de Xesús que se nos presenta na súa Transfiguración,
estando el no monte en oración, alúdese non só á Resurrección de Xesús que
enche alí de felicidade os seus tres apóstolos, senón tamén á súa paixón e á
súa morte. Ese vén sendo precisamente o tema da conversa entre Xesús e os seus
predecesores Moisés e Elías, tal como nolo refire Lucas. “Falaban –dinos Lucas-
do seu éxodo que remataría en Xerusalén”. É dicir, falaban da paixón e da morte
de Xesús, coas que remata o tempo de Coresma na chamada “Semana Santa”.
De
modo que hai tamén na escena de hoxe algo así como unha síntese do rumbo e
significado da nosa vida. O rumbo formulado en latín concisamente naquel dito
tradicional: “per crucem ad lucem”, “pola cruz á luz”, pola paixón á
resurrección; a través das escuridades da vida cara á luz e á transfiguración
que temos prometidas. Todo ten o seu tempo e o seu momento. De modo que aquí
non vale, como parece que pretendía o bo e impetuoso Pedro, queimar
prematuramente etapas ó el propoñer montar e afincar ben as tres tendas
naqueles felices momentos que estaba a vivir. A vida é un proceso, sempre
sorprendente e de non doada realización. Non se pode un quedar para sempre no
monte. Hai que baixar ó val para se ocupar tamén de anunciar a boa nova de
Xesús, porque son moitos os que necesitan escoitar esa boa nova, esa palabra de
felicidade e liberación que Deus ofrece ó mundo en Xesús.
No
monte, o lugar axeitado para a oración, só podemos oír a voz, limpa e persoal,
de Deus. Mais, unha vez escoitada e asumida, hemos de baixala monte abaixo para
oírmos tamén esa mesma voz de Deus a través da voz dos nosos irmáns, mulleres e
homes do mundo enteiro. Ou, como leo, transformándoo un chisco, nun escrito que
chegou hai algún tempo ás miñas mans: “No Tabor falou a Palabra de Deus Pai:
‘Este é o meu predilecto, escoitádeo’. Agora, despois de baixar do monte, a
mesma voz dinos, referíndose a tódolos irmáns de Xesús do mundo enteiro: ‘Estes
son os meus fillos queridos. Escoitádeos’. Son os pobres e os pequenos, os
excluídos, os esquecidos, os afectados por tódalas crises e calamidades.
Subirmos ó monte, si, mais para escoitarmos a Deus que convida a baixar ós
infernos da sufrimento e da inxustiza humana, para liberarmos a xente de toda
clase de escravitude”.
Unha
tarefa á que estamos todos convidados non só no tempo coresmal, senón ó longo
de toda a nosa vida.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
RECURSOS CATEQUESE DE GALICIA:
Comentarios
Publicar un comentario