Ficha e lectio - Domingo 3 de Coresma C
FICHAS ADAPTADAS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Unha
muller libre
(24.
III. 19)
O
tempo de Coresma vai avanzando e nós deberiamos irnos renovando interiormente ó
seu ritmo. Hoxe ofrécesenos a posibilidade de escollermos na liturxia as
Lecturas do Ciclo A (o de hai dous anos)
en vez das do Ciclo C no que propiamente estamos. Non quixen desaproveitar a
ocasión que se nos brinda, porque a lectura do encontro de Xesús coa muller
samaritana, descrito por Xoán, é unha verdadeira preciosidade pola súa
sinxeleza ou espontaneidade e mais pola fondura do seu contido.
Sérvenos
ademais pra irmos afondando, cada vez máis decididamente, na grandeza e
orixinalidade da mensaxe de Xesús. Pois, se no comezo da Coresma se nos pediu
que “nos convertésemos e crésemos no Evanxeo”, é dicir na “boa nova”, teriamos
que estar atentos ás novidades fundamentais que nos trae Xesús e que se
distinguen netamente de anteriores manifestacións de Deus na historia humana.
E
estas novidades de Xesús –estou diso moi convencido- seguen sendo
verdadeiramente novas nos tempos de hoxe e seguirano a ser nos tempos
vindeiros, porque o acontecemento da aparición e presenza de Xesús onda nós veu
romper tódolos moldes, incluso os moldes relixiosos da época. Isto é así pola
mesma razón pola que Deus, o Deus infindo e inabarcábel, rompe por si mesmo con
tódalas pequenas ideas e conceptos nos que nos gustaría apresalo. Pois Xesús
non é, nin máis nin menos, có anunciador elixido por ese Deus misterioso e
inabarcábel para nos comunicar quen é e como é ese Deus.
En
Xesús ofrécenos Deus, o Deus creador de todo, a doada e gratificante
posibilidade de achegármonos a El, ó Deus infindo e misterioso, sen utilizarmos
vellos ritos ou transitando por vías digamos oficiais, venerábeis ou
tradicionalmente admitidas polas diversas culturas. Se isto que digo vos parece
esaxerado ou estraño, escoitade unha vez máis o que lle comenta Xesús, cansado
e sedento, a esa muller samaritana, á que todos lle debemos agradecer moito por
ter sido tan oportuna como para se lle ocorrer ir a por auga ó pozo cando Xesús
estaba alí a acougar un pouco.
Polo
relato de Xoán sabemos que a muller cambiou de terzo na súa conversa cando
Xesús lle fixo referencia ós cinco maridos que tivera. Xesús non a condena nin
a despreza por iso. Quen sabe se aquela era unha muller consciente de si mesma,
con suficiente sentido da súa dignidade e liberdade para non se deixar someter
ós autoritarismos e desprezos respecto dela por parte dos sucesivos maridos?
Non esquezamos que naquela cultura e naquel tempo a muller era unha persoa
moito máis discriminada aínda que nos nosos tempos.
Esta
benévola e comprensiva actitude de Xesús en relación con ela é a que a ela lle
fai de súpeto intuír que a persoa que está alí a falar con ela é alguén que non
se parece en nada ós seus anteriores maridos. Coa intuición propia dunha muller
intelixente e coñecedora da vida humana, a samaritana decátase axiña de que alí
diante dela está un home de Deus ou, como ela lle di a Xesús, un “profeta”.
Para
ela é, polo tanto, o momento axeitado para lle formular unha pregunta digamos
directamente “relixiosa”. A pregunta que lle fai a Xesús é sobre o lugar no que
está Deus, sobre cal é a relixión “verdadeira”, a del, é dicir, a do xudeu
Xesús, ou a dela, a dos samaritanos. Unha pregunta que moitos nos podemos facer
tamén hoxe en día ante a presenza ó noso lado de crenzas ou confesións
relixiosas tan diversas. Se ve que a intelixente muller non era tampouco unha
“dogmática” respecto da súa propia relixión, senón que tiña dúbidas sobre a
lexitimidade do seu modo concreto de se incardinar ou vincular a uns
determinados ritos ou lugares de culto.
Xesús
naturalmente non a vai defraudar. Porque se a muller samaritana, polo que se
ve, era unha muller amante da liberdade e da verdade, Xesús serao aínda moito
máis ca ela. Pois Xesús é o fillo “benquerido” do Pai Deus, que é a mesma
liberdade e amor absolutos, presente en calquera tempo e lugar. En
consecuencia, Xesús vai encher o corazón da muller cun espírito de liberdade e
verdade, que a converterá en anunciadora ante os seus veciños da gran mensaxe
que acababa de recibir.
Porque
Xesús vai liberar (unha vez máis Xesús como “liberador”!), vai descargar esta
muller, aberta á verdade e á liberdade, das angustias e atrancos ós que estaba
sometida pola concreta sociedade na que estaba a vivir.
Coido
que a resposta que lle deu Xesús a esta muller hai vinte séculos non está aínda
suficientemente asimilada nos nosos tempos, incluso entre os que nos chamamos
cristiáns e seguidores de Xesús. É unha resposta absolutamente sorprendente, mais
totalmente coherente coa experiencia fonda e íntima que Xesús tiña de seu Pai
Deus naqueles sublimes momentos de conversa con El no cumio de calquera deses
montes a onde se dirixía para falar con El (coma o monte do anterior domingo
onde se transfigurou durante a oración).
Escoitemos
a resposta de Xesús á muller, e fagámolo tendo presente aquel mandado do Pai:
“Este é meu fillo benquerido, o elixido. ESCOITÁDEO”. Velaquí, pois, a case
incríbel resposta de Xesús: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste
monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai... Chega a hora –e velaí- en que os
verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os
adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran o
adoren en espírito e verdade”.
Con
esta resposta púxolle Xesús definitivamente no seu interior á samaritana aquela
auga, mellor dito, aquela –en palabras de Xesús- “fonte que salta ata a vida
eterna”, que ela en realidade estaba sempre no fondo a buscar.
Pra
rematarmos xa. Un cristián éo de verdade cando, ó se achegar concretamente á
súa igrexa habitual para escoitar a mensaxe de Xesús e alimentarse da súa
doutrina e da súa persoa, sabe e é perfectamente consciente de que a nosa
“adoración” do Deus de Xesús non se restrinxe ou limita a un concreto lugar,
senón que ocorre e pode ocorrer en calquera lugar do mundo, sexa ou non
considerado como sagrado. Por que? Porque o Deus de Xesús non é só o Deus
dalgúns, senón o Deus de todos. A súa Palabra, é dicir, Xesús, diríxese sempre
a tódalas conciencias en calquera tempo ou lugar e no seo de calquera cultura
ou relixión. Deixemos, pois, neste tempo coresmal que esta alegre mensaxe de
Xesús ensanche os nosos corazóns, como o fixo coa muller samaritana.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario