Ficha e Lectio - Domingo 8 de ordinario C + Extra Dom.9

DEBUXOS DE:

LECTIO:

Unha trabe no ollo
(3. III. 19)

            Estamos hoxe a celebrar comunitariamente o último domingo do tempo litúrxico chamado “Tempo Ordinario” e facémolo continuando co texto do evanxeo de Lucas do domingo anterior. Alentábanos nel Lucas, facendo referencia ás palabras de Xesús, a amarmos e perdoarmos sempre os demais, aínda que sexan os nosos inimigos ou nos odien.
            Para iso precisamos dunha transformación do noso corazón, nacermos de novo á experiencia de sentirnos fillos dun mesmo Pai e vivirmos fondamente e na práctica diaria esa misteriosa realidade. Cara a iso concorren as consideracións e incitacións das ensinanzas de Xesús tal como nolas presenta Lucas.
            Temos que aprender así a abrimos os ollos a esa fonda e escondida realidade que ten a súa raíz na vinda de Xesús onda nós coma o Deus que se encarna na nosa natureza humana facéndose así irmán de todos. En caso contrario, ficaremos “cegos” que intentan “guiar outros cegos” polo dificultoso camiño da vida. Precisamos, xa que logo, abrírmonos a esa luz que ilumina os nosos ollos e lles dá a capacidade de ver: “Acaso poderá un cego –dísenos no texto de Lucas- guiar outro cego?”.
            A pasaxe que segue a esta reflexión é moi gráfico e non precisa de comentarios: “Por qué reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? Como lle poderás dicir a teu irmán: ‘Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo’, sen reparares na trabe que tes no teu?”.
            A trabe non vos é un lixo calquera. E se non, pedídelle ó dono dunha casa de aldea que vos leve o faiado dela e vos amose unha viga de carballo ou castiñeiro que seguramente haberá alí sostendo sen problemas o teito enteiro da casa.
            Esa gran trabe que nos impide ver correctamente os irmáns e irmás do noso mundo é a nosa pobre ou escasa acomodación visual á realidade que a vinda onda nós de Xesús veu transformar desde os seus alicerces. A nova realidade é a de sermos irmáns e irmás de verdade, en canto fillos e fillas de Deus, ó que podemos chamar  de verdade e pola súa graza “noso Pai”, noso Paiciño.
            Por iso a nosa transformación ten que ser moi fonda e interna. Pois ese novo modo de “ver” a realidade procede do máis fondo e íntimo de nós mesmos. Non é unha aprendizaxe baseada nunha mera repetición mecánica ou exterior, derivada simplemente dun persoal esforzo noso. O noso comportamento fraternal cristián procede de secretas raíces ou, se queredes, de internos condicionamentos divinos (aquilo que chamamos graza de Deus) que fan posíbel ese sentírmonos irmáns e irmás.
            Da mesma maneira que, por exemplo, os figos ou as uvas só proceden do interior modo de ser desas concretas e específicas plantacións que producen bos figos ou boas uvas e non de outras árbores. En palabras do texto de Lucas: “Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas”.
            En definitiva, dese bo ou malo interior noso proceden os nosos bos ou malos froitos. E o que importa é adquirirmos unha interioridade boa, bondadosa, fraternal ou sororal. E, por certo, se non coñecedes esta palabra “sororal”, sabede que procede do “soror” latino, que significa “irmá”, estando xa correctamente recollida no noso Dicionario da Real Academia Galega como o equivalente a fraternal pero no caso feminino.
            Agora ben, Lucas denomina no seu texto esa interioridade (ben sexa “boa” ou “mala”) “corazón”. E así poranos el en boca de Xesús estas palabras: “do que reborda o corazón fala a boca”. Fala e corazón, fala e interioridade están tan unidas como a auga e a fonte da que abrolla. Así o supón tamén o noso refraneiro galego. Vede algúns dos nosos refráns: “Non di máis a lingua có que sente o corazón”, “Tal palabra che din, tal corazón che poñen”, “Cada un fala como quen é”...
            Coidemos, pois, como cristiáns o noso falar, porque do seu correcto uso -fraternal e sororal- depende o ben ou o mal que lles poidamos causar ás nosas irmás e irmáns. Neste sentido léovos xa para rematar, por se o tendes esquecido, un texto que coido que vén agora ben a conto por estar directamente relacionado co tema do noso falar cristián. Está tomado do capítulo 3 da Carta de Santiago e é –como ides ver agora- ben gráfico:
            “Meus irmáns, [...] se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrear o seu corpo enteiro. Ollade: ós cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlamos o seu corpo. E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar. Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, mais pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: cunha fogueiriña cantas fragas poden arder! E a lingua é un lume [...] Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa; a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte. Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimos os homes, creados semellantes a Deus. Dos mesmos beizos saen a bendición e mais a maldición. E isto, irmáns, non debía ser así. ¿É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga? Meus irmáns, ¿é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce [...] Se tedes o corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a verdade [...] Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz”.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:



 
Fichas Extra - Domingo 9 C:

 




Comentarios

Publicacións populares