8 de marzo - Día Internacional da Muller
No 1ª venres de Coresma
Seguimos celebrando o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora,
como símbolo da loita pacífica na que historicamente tantas mulleres
traballadoras se organizaron e seguen facéndoo polo recoñecemento da súa
dignidade. Loita que hoxe segue máis viva que nunca para reivindicar o fin da
desigualdade, violencia e inxustiza que aínda moitas mulleres sofren:
Precarización laboral, onde o desemprego feminino é do 16,2%, fronte ao masculino do 13,1%. Do desemprego
feminino, o 31,8% corresponde a mulleres menores de 25 anos. Desigualdade salarial, cunha brecha do 14,2%
que supoñería que as mulleres españolas traballan gratis a partir do 10 de novembro, se se compara o seu soldo
co dos homes. Dificultades para a conciliación laboral, xa que só una de cada nove traballadoras e traballadores
ten flexibilidade horaria no seu traballo para favorecer a conciliación familiar e laboral (EPA 3eiro T 2018).
Violencia contra a muller. Nos primeiros 17 días do ano foron asasinadas 8 mulleres, ás que hai que sumar as 975
asasinadas desde 2003, ano en que en España se comezaron a rexistrar estes crimes como «violencia de xénero».
Non son só cifras, son vidas desprotexidas fronte ao auxe dalgunhas formulacións políticas que atentan contra a
seguridade e integridade das mulleres, criminalizando ás vítimas.
Un teito de cristal que por exemplo, no sistema universitario español, reflíctese en que a presenza de mulleres
diminúe ao escalar postos de responsabilidade. Así, respecto a unha media dun 40% do profesorado universitario,
só hai un 21% de mulleres catedráticas.
Ante tantos atentados á dignidade das mulleres traballadoras, non podemos calar e por iso, a HOAC e a JOC,
como Igrexa encarnada no mundo obreiro e do traballo, queremos dicir alto e claro que:
É urxente que apostemos por outra economía que teña como centro á persoa, o ben común e o coidado da
natureza, que abandone este modelo depredador que xera desigualdade, pobreza e morte..., e que estableza
unha relación de equilibrio tanto co planeta como coas persoas, especialmente as máis empobrecidas, e entre
elas unha maioría de mulleres violentadas e cosificadas por mor da explotación indiscriminada de recursos
naturais, conflitos bélicos e os intereses do capital.
Esiximos un incremento das políticas públicas destinadas a combater os estereotipos de xénero, que animan ás
mulleres para elixir os estudos que máis se asocian ás tarefas reprodutivas e de coidados, deixando para os
homes as carreiras relacionadas co produtivo, representación e a toma de decisións.
Necesitamos desfeminizar os coidados, porque o coidado é responsabilidade da humanidade, polo que non é
exclusividade das mulleres. Para iso necesitamos unha formulación nova de políticas sociais, de xénero e
educativas, comezar a desaprender canons establecidos por este sistema capitalista e patriarcal e dar pé a formas
novas de relacionarnos, asumir responsabilidades que son de todas as persoas, así como novos roles necesarios
que ten que asumir a sociedade para posibilitar unha igualdade real.
Necesitamos outra forma de organizar o emprego onde se poña no centro de toda actividade o valor da persoa e
a súa dignidade, posibilitándolle desenvolverse na súa integridade e igualdade de oportunidades.
Ademais, facemos unha chamada para avanzar cara á igualdade real no seo da nosa Igrexa, onde se recoñeza o
papel e o protagonismo das mulleres dentro da comunidade eclesial e na tarefa de anunciar o Evanxeo. Unha
Igrexa que nas súas estruturas aplique os principios e valores do Evanxeo e sexa capaz de recoñecer a dignidade e
o valor das mulleres en plano de igualdade cos homes como o fixo Xesús de Nazaret.
Xesús elixiu as mulleres para ser as primeiras en anunciar que resucitara, mulleres valentes, que confiaron,
permaneceron fieis ata o final e que non tiveron medo a saír correndo e anunciar que Xesús estaba vivo.
Por iso, xunto ao resto de compañeiras e compañeiros, sumámonos ás mobilizacións das organizacións que
buscan visibilizar a discriminación que sofren as mulleres traballadoras, tanto ao tentar acceder ao emprego
como unha vez que acceden a el, e queremos ser voz de tantas mulleres feridas por este sistema capitalista
inxusto, que deshumaniza e é tan contrario aos plans de Deus.
A JOC e a HOAC traballarán para que así sexa.
Comentarios
Publicar un comentario