Ficha e Lectio - Domingo 26 Ordinario C
FICHA:
LECTIO:
VER MÁIS:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/09/25-de-setembro-domingo-26-do-tempo.html
http://www.gruposdejesus.com/26-tempo-ordinario-c-lucas-1619-31/
FICHA ADAPTADA DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
DOMINGO XXVI T. O.
(Ano C: 25 setembro 2016)
As
parábolas do evanxeo adoitan ser moi clariñas e o seu sentido enténdese
normalmente moi ben. O que pasa é que ás veces non as tomamos suficientemente
en serio. Hoxe temos diante unha parábola máis de Lucas, impresionante como
todas as súas. Ademais, tamén esta parábola é exclusiva del. Quero dicir, os
outros evanxeos non a refiren. Como xa vos comentei, en Lucas hai unha
preocupación moi notábel por presentarnos a estima que ten Xesús dos pobres, da
súa dignidade, da súa función na Igrexa e do seu destino.
Por
iso, a Igrexa de Xesús ten que ser unha Igrexa dos pobres, onde eles se sintan
a gusto como en casa propia. Como isto con frecuencia non funciona así, por iso
o papa Francisco anda dicíndonos, un día si e outro tamén, que temos que irnos
acostumando a ver e a practicar esa estreita relación entre a nosa fe cristiá e
a xente pobre e necesitada. A Igrexa ten que aprender de novo a irse
desprendendo de xeitos de proceder que teñen máis parecido cos comportamentos
da xente rica e podente ca cos modos de ser e de vivir da xente sinxela,
traballadora, sufrinte e necesitada.
Por
que? Simplemente porque Xesús se comportou tamén así. El fíxose pobre cos
pobres, sufrinte cos sufrintes, necesitado cos necesitados. Os que polo menos
en intención nos consideramos seguidores seus temos que seguilo tamén nese
comportamento seu. Do contrario, non nos poderemos ollar a nós mesmos como
verdadeiramente cristiáns, por moito que o creamos ou o proclamemos.
Na
parábola de hoxe, a min sempre me chamou a atención a naturalidade, por dicilo
dalgunha maneira, con que nela se di, sen máis preámbulos, que o pobre Lázaro
morreu e foi recibido no ceo e que o ricachón tamén morreu e que non foi
acollido entre os xustos. Non se di nada directamente sobre a relixiosidade ou
moralidade nin do rico nin do pobre. Polo que se ve, todo semella indicar que
en Lucas van estreitamente unidas, por un lado, pobreza e salvación e, por
outro, riqueza e condena. Isto está naturalmente en relación co que -como lembraredes-
Lucas poñía en boca de Xesús no anterior domingo: “Non podedes servir a Deus e
mailo diñeiro”.
Na
mensaxe de Xesús hai algo fundamental. Xesús vén dicirnos que todos (sexamos da
ideoloxía, da cultura, do país ou da relixión que sexa) temos un mesmo Pai,
aquel que invocamos dicindo “Noso Pai que estás no ceo”. Que en consecuencia
todos somos e debemos comportarnos entre nós como irmáns.
Pois
ben, que é ou que significa o feito de que en tantas partes do mundo haxa uns
que fan esmorga case a diario, sentados sobre feixes de billetes, e outros
teñan que rebuscar no lixo para poderen atopar algo de comer?
Iso
significa simplemente que non existe verdadeira irmandade. Pois ben, ese non é
o plan de Deus nin o seu proxecto. Xesús, como irmán maior noso, denuncia ese
estado de cousas con toda claridade. Para Xesús, Lázaro ten a mesma dignidade
de fillo de Deus có rico. Mais ese rico, co seu comportamento, abdicou da súa
dignidade de fillo de Deus e de irmán dos demais para se facer escravo dos
cartos, xa que -tal como el vivía e se comportaba- o seu señor non era Deus
senón o diñeiro. Deus, en cambio, maniféstase no seu fillo Xesús como Pai de
todos, creando liberdade e fraternidade. O rico, ó se facer escravo do diñeiro
e se converter en adicto a un consumismo desenfreado, perdeu toda dignidade.
Lucas nin sequera lle pon nome, como si llo pon a Lázaro. É unha persoa, pois,
sen dignidade e sen nome, por máis que a tradición posterior lle inventase un
nome, o de Epulón (do “epulor” latino, que ten que ver coas enchentes ás que
tódolos días se dedicaba).
O
texto de Lucas vénnos dicir, non que o diñeiro en principio sexa cousa mala. O
que é malo é facérmonos escravos del, permitindo que nos poña unha venda nos
ollos para non ver os necesitados que temos ó noso lado. A actitude inmoral,
non cristiá, do rico non está propiamente en que o rico sexa rico. Pode ter
adquirido esas riquezas co seu esforzo, co seu traballo ou coas súas lexítimas
habilidades. O malo do seu comportamento consiste en que non se deixa conmover
pola pobreza e miseria do seu irmán necesitado que está á súa beira. Non o mira
coma irmán seu, senón coma a un infrahumano, ó que só se lle permite que poida
atrapar debaixo da mesa algunha frangulla de pan ou os desperdicios dunha boa tallada
de carne.
É
dicir, cando consideramos os demais como infrahumanos e deixamos polo tanto de
velos como iguais a nós, entón convertémonos en seres inmorais e deixamos en
calquera caso de sermos cristiáns se é que nalgún momento anterior o eramos. E ben
sabemos que o malo do mundo de hoxe son precisamente as tremendas desigualdades
que existen entre uns e outros en relación coas posibilidades de seguir vivindo
cun mínimo de dignidade.
En
resumidas contas, o noso destino, a nosa pertenza ou non ó que no Novo
Testamento se describe como “reino de Deus”, xógase ou decídese nisto: en se
exercemos ou non a misericordia e a bondade de irmáns coas persoas que estean ó
noso lado, ó noso alcance. Ó longo da nosa vida, atoparémonos seguramente con
moitos “Lázaros” que nos interpelarán dunha ou doutra forma, se é que non
levamos os ollos pechados ou afastamos a vista.
Polo
tanto, se con algo verdadeiramente valioso temos que ir enchendo as mochilas ou
os macutos no noso peregrinar pola vida ha ser precisamente con actos de
bondade e misericordia cos irmáns nosos máis necesitados. Porque en última
instancia son eses actos os que verdadeiramente salvan. Non os outros moitos posíbeis
actos de correcto cumprimento de boas normas rituais ou exteriores, mais que se
realizan á marxe do que verdadeiramente importa, que é o seguinte: o exercicio
efectivo da nosa común fraternidade con calquera dos nosos irmáns ou irmás do
mundo enteiro, fillas e fillos igual ca nós dun mesmo Pai Deus.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Invocamos humildemente o noso Pai Deus, pedíndolle
que nos conceda sentirnos como verdadeiros fillos del e irmáns de todos,
dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-
Dános, Pai, ter fe auténtica no noso sermos fillos teus xunto con tódalas
persoas do mundo enteiro.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Concédenos, Pai, sentírmonos consecuentes irmáns e irmás de calquera persoa por
moi distinta que sexa de nós en cultura, raza ou relixión.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
-
Ilumina, Pai, os responsábeis dos gobernos dos diversos países do mundo para
que se faga realidade en cada un deles o sentido igualitario entre as persoas
persoas que deles dependen.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo fillo benquerido teu e irmán de todos nós. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/09/25-de-setembro-domingo-26-do-tempo.html
http://www.gruposdejesus.com/26-tempo-ordinario-c-lucas-1619-31/
Comentarios
Publicar un comentario