PENTECOSTE - CICLO C
DOMINGO DE PENTECOSTE C -
LECTURAS
Primeira Lectura Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do
Espírito Santo e puxéronse a falar
Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos
xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de
vento que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas
de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar
noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.
Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as
nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi
desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e
admirados, dicíanlles uns a outros:
"Olla! E todos estes que están aí a falar non son
galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio
idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia,
Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene,
forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos
falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34
R/. (30): Manda,
Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.
Alma miña, bendí o
Señor.
Señor, meu Deus, ti es
moi grande,
Cantas son, Señor, as
túas obras,
A terra está chea das
túas criaturas.
Retiras o teu alento, e
expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e
son creados
e renovas a cara da
terra.
Gloria ao Señor por
sempre,
alégrese o Señor coas
súas obras.
Que El acolla o meu
cantar
e alegrareime eu no
Señor.
Segunda Lectura 1 Cor 12, 3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A todos nos bautizaron
nun único Espírito, para formarmos un único corpo
Irmáns:
Ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala
movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o
Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.
Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai
diversidade de servizo s, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións,
pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben
común.
Porque igual que o
corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos,
non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.
Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para
formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres.
E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SECUENCIA
Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons
xeneroso,
luz que penetra nas
almas,
fonte de todo consolo.
Ven, hóspede desexado,
descanso do noso
esforzo,
tregua no duro
traballo,
brisa nas horas de
afogo,
gozo que as bágoas
enxuga
e reconforta na dor.
Entra ata o fondo da
alma,
divina luz, e
enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por
dentro,
mira o que pode o
pecado
cando falta o teu
alento.
Lava en nós todo o
manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do
pobo;
amolece o que está
teso,
pon calor onde hai
friaxe,
dános bo discernimento.
Reparte os teus sete
dons
segundo a fe dos teus
servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu
premio,
salva a quen busca
salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.
ALELUIA
Se non se canta, pódese
omitir.
Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo,
enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume
do teu amor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o
Pai, así vos mando eu a vós: recibide o Espírito Santo
Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando
pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou
Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
‑ Paz convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os
discípulos alegráronse, vendo o Señor.
El díxolles outra vez:
‑ Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos
mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
‑ Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os
pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
POWER POINTS
CANTO GOZOSO
· ENTRADA:
· LECTURAS:
· OFERTORIO:
· COMUÑÓN:
Comentarios
Publicar un comentario