23 may. 2016

Antes de que se fixera a terra xa fora concibida a Sabedoría - Prov 8, 22-31

Domingo Stma. Trindade - ciclo C


AMIGA SABEDORÍA

A Sabedoría fólgase continuamente diante do Señor.
Folgar é descansar, tomar alento, divertirse, estar ocioso.
E ademais… o encontro, a comunicación, o tempo de silencio…
velaí as partiras da Sabedoría.

Sabedoría, miña amiga,
coma o Señor te preciso.
Cabo de min, devolvéndome
día tras día o gusto pola vida.

Ti énchelo todo, compañeira.
Os ritmos da natureza,
o convivir da familia, a asemblea organizada,
a arte das pequenas cousas,
o xantar pacientemente preparado,
a colleita, o enxerto e a fornada;
as herbiñas que sandan,
a vacina, o ordenador,
a mirada namorada.

Heime deitar na terra morna e lenta,
enchouparme nas fontes e nas rías,
heime encher do recendo das carqueixas,
deixarme  envolver por ti, Sabedoría.
Para dar a luz ao mundo, á terra toda
e parila como aquel primeiro día.


No hay comentarios:

Publicar un comentario